Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Un caderno para previr problemas cognitivos nas persoas maiores de 60 anos

8 de enero de 2024

A UNED publica o Caderno de entrenamento de memoria e outros procesos cognitivos, apoiado nas máis recentes investigacións. Consta de varias actividades en dous niveis de dificultade que poden realizarse de maneira individual ou colectiva. 

Ourense, 8  de xaneiro de 2024. As profesoras da Facultade de Psicoloxía da UNED, Herminia Peraita Adrados e María del Carmen Díaz Mardomingo, son as coordinadoras do Caderno de adestramento de memoria e outros procesos cognitivos, que vén de publicar a nosa Universidade. Este caderno de traballo vai dirixido a persoas maiores de 60 anos interesadas en manter a súa mente activa. Pode usarse de maneira individual ou colectiva. O seu contido foi deseñado por profesionais da Psicoloxía, baixo a dirección das dúas profesoras citadas, todos eles con ampla experiencia na posta en marcha e dirección de talleres de adestramento cognitivo a grupos de persoas maiores no Concello de Las Rozas, Madrid, nos últimos doce anos, así como na docencia do Programa de UNED Senior. As responsables desta publicación expoñen que esta experiencia permitiu axustar o nivel de dificultade, o deseño e a secuenciación de cada clase de exercicios "para obter del o maior aproveitamento en función dos obxectivos do mesmo".

Peraita e Mardomingo sinalan que as características das persoas que envellecen hoxe en día son ben diferentes ás de hai décadas, pero iso non impide "que a etapa do envellecemento sexa un período de vulnerabilidade da saúde cara diversas agresións, e na que poden xurdir enfermidades crónicas que conducen á discapacidade". Engaden que o mantemento do estado cognitivo durante o envellecemento "é unha das facetas que máis interesan a investigadores, clínicos, psicólogos, terapeutas e outros especialistas, e na que existen evidencias contrastadas". E salientan que está fóra de dúbida que a participación frecuente en accións de estimulación cognitiva está asociada a un menor risco de padecer enfermidades neurodexenerativas.

 A investigación que hai detrás deste Caderno avala a utilidade de programas de intervención cognitiva para persoas maiores con fins preventivos. Esas accións poden ser intelectuais ou lúdicas "pero tamén exercicios específicos dirixidos por especialistas no adestramento da memoria e outras funcións cognitivas". 

O contido deste Caderno xorde, sinalan as coordinadoras, da necesidade de dispoñer dun material deseñado e apoiado nas investigacións máis recentes sobre o envellecemento, a deterioración cognitiva que pode xurdir nesta fase da vida. A obra estrutúrase nun conxunto de exercicios separados por procesos cognitivos (percepción, atención, memoria, linguaxe e funcións executivas) e cada proceso vai caracterizado por niveis de dificultade: Nivel 1 e Nivel 2. O que haxa senllos niveis de dificultade obedece a que o envellecemento é o período da vida no que se dan maiores diferenzas entre as persoas, aínda que teñan a mesma idade. Iso é froito de moitas variables, algunhas delas teñen que ver cos anos de escolarización, coa especialización profesional, coa presenza de enfermidades, coa calidade nas relacións familiares e sociais etc. A escolaridade e a aprendizaxe son fundamentais para distinguir varios niveis de dificultade.

Herminia Peraita Adrados é catedrática de Psicoloxía Básica desde o ano 1996, e profesora do Departamento de Psicoloxía Básica I da UNED desde 1983. É especialista en Psicoloxía da Linguaxe e Memoria Semántica. 

María del Carmen Díaz Mardomingo é doutora en Psicoloxía pola UNED no marco do Doutoramento Europeo (2003). Premio Extraordinario de Doutoramento e é profesora contratada doutora do Departamento de Psicoloxía Básica na UNED, onde tamén é docente no Máster de Envellecemento e Fraxilidade. A súa acción investigadora enmárcase nos procesos cognitivos e a súa deterioración no envellecemento san e patolóxico.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es