Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A Biblioteca de UNED Ourense leva desde hoxe o nome de Xeración Perdida

22 de abril de 2022

Un sinxelo acto consistente no descubrimento dunha placa por parte do director, Jesús Manuel García, e un relatorio impartido polo profesor Julio Prada cara 200 espectadores serviu para homenaxear a todos os ourensáns que integran a devandita xeración. 

OURENSE, 22 de abril de 2022. A Biblioteca de UNED Ourense leva desde hoxe o nome de Biblioteca Xeración Perdida. Cun sinxelo acto descubriuse a placa xunto ao acceso á biblioteca e mediante unha conferencia explicouse quen pertencen a esta xeración. O director de UNED Ourense, doutor Jesús Manuel García Díaz, dixo que “no Consello de Dirección e no Claustro do noso Centro universitario manifestei o ano pasado que, con motivo, neste 2022 da celebración do 50 aniversario da nosa Universidade, era convinte dar nome á Biblioteca de UNED Ourense. Durante 30 anos de vida do noso centro, este importante espazo estivo sen un nome que o distinga entre as bibliotecas públicas existentes. Despois dun longo estudo no que se barallaron diversas propostas, chegamos á conclusión de que máis que escoller o nome dun só personaxe, resultaría mellor dedicala a cantos ourensáns e ourensás por diversas razóns tiveron que desenvolver a súa carreira profesional (as súas capacidades artísticas, intelectuais, empresariais, industriais…) fora das nosas fronteiras ben pola emigración ben polo exilio. E aquelas que, polo pensamento único imposto na ditadura franquista, quedaron na nosa provincia e foron obxecto de represión, o que lles impediu desenvolver a súa creatividade”, engadiu García Díaz.

Unha vez descuberta a placa polo director de UNED Ourense, a atención centrouse na conferencia que ofreceu no Salón de Actos o doutor Julio Prada Rodríguez. Prada é profesor titular de Historia Contemporánea, licenciado en Dereito e profesor titor do Centro Asociado á UNED en Ourense. Está especializado no estudo da violencia política, o primeiro franquismo e a transición á democracia, ámbitos nos que dirixiu media ducia de proxectos de investigación de carácter nacional e internacional e publicado unha vintena de libros e preto de dous centenares de artigos e achegas a congresos. Coordina o grupo de investigación Historia Contemporánea 1 da Universidade de Vigo, dirixe o grupo de Investigación e Innovación Docente en Historia e tamén recibiu diversos premios, entre eles o I Premio Antonio Fraguas coa obra Ensaio sobre a violencia. Entre as súas últimas monografías destacan Dereitas, República e eleccións (2019), The plundering of vanquished (2019) e The Battle Over the Memory (en prensa). Tamén coordinou diversos libros colectivos, entre eles Galicia en transición (2019), Europa e os retos da representatividade (2020) e As políticas de desenvolvemento rexional. Do desarrollismo á consolidación democrática (en prensa). 

“Agradezo ao director a invitación para explicar esta xeración perdida, proposta que lle formulei e que se refire a miles de persoas, unhas anónimas, outras ben coñecidas que padeceron a represión. E aqueles que se refuxiaron no que se coñece como exilio interior, privados como sociedade de que puidesen desenvolver as súas achegas no ámbito cultural, científico mais tamén social e económico”. 

Prada Rodríguez indicou que xeración perdida é un termo que a moitos pode evocar cousas moi diferentes. "En realidade popularizouse para referirse a esa cohorte xeracional que alcanzou a maioría de idade no medio desa gran aldrabada para a conciencia de todos os pobos civilizados que representou a Primeira Guerra Mundial. Concretamente con este nome designáronse a moitos excombatientes e, en xeral, a grandes colectivos caracterizados pola desorientación, polo desconcerto e a confusión en que quedou sumida toda a sociedade europea como consecuencia da conflagración”. 

Engadiu o profesor que “como xeración perdida tamén se coñece a un colectivo de escritores norteamericanos expatriados a París nos anos 20 do pasado século. A denominación que, ao parecer, débese á novelista norteamericana Gertrude Stei. Con todo, débese a outro escritor xenial, Ernest Hemingway que, segundo conta nas súas memorias, ao parecer Gertrude Steiner escoitou a frase do dono dun taller quen, encolerizado porque o mecánico novo non podía reparar o coche de Stein con suficiente rapidez, berroulle algo así como: ‘Todos vós sodes unha xeración perdida!’, en referencia precisamente a todos eses mozos que serviran na guerra. Hemingway apropiouse desta expresión e utilizouna na súa novela The sun also rises, traducida en España como Fiesta. Naquel colectivo de escritores estaban tamén, entre outros, Scott Fitzgerald, Thomas S. Eliot ou William Faulkner”. 

Julio Prada proseguiu sinalando que dun modo máis próximo a Galicia, ao falar de xeración perdida, “quizais algún lembre o libro homónimo de Francisco Castro Veloso, que ten como protagonista a Ricardo, un mozo vigués que se dedicaba a pasar droga pero que á vez loitaba por escapar dese submundo no que se movía. Esa novela ao mesmo tempo é retrato de toda unha xeración, a de quenes tiñamos 10 anos cando morreu Franco, que vimos desaparecer a moitos amigos ou coñecidos que caeron nas garras da droga. Doutra xeración perdida fálanos tamén Manuel Iglesias Turnes en As rapazas de xan, que máis aló da historia que conta pode ser lida por toda esa xeración que sufriu o que algúns chamaron o tempo sen esperanza do franquismo, un tempo de fame, miseria non só económica senón tamén social e moral. Tempo de ditadura feroz, de inxustiza, capaz de sacar á luz o peor das xentes, pero tamén como ocorre neste libro, que no medio desa miseria moral poden irromper os trazos de humanidade máis insospeitados, precisamente nos personaxes de quen menos o esperamos. Ás veces, quen máis sufriron a marxinación, a condena, o estigma. A outros aquí viralles á mente unha noticia recente sobre a rodaxe dun documental titulado precisamente Xeración Perdida 36, que pretende rescatar a toda unha serie de figuras represaliadas, neste caso, da provincia da Coruña, e que xa foran obxecto de estudo nun proxecto de investigación titulado Xeración perdida, representación institucional republicana e represión na provincia da Coruña, cuxo obxectivo principal era recuperar esas corporacións municipais que fixeron fronte ao golpe de estado de 1936”. “Como adiviñarían, o que lles propoño aquí ten que ver co que ao meu xuízo son as claves principais que nos permiten entender o verdadeiro significado dese tempo sen esperanza para toda unha xeración. Para iso podemos tomar como referencia calquera nivel de análise, desde a totalidade do Estado español á máis recóndita aldea galega pasando pola máis populosa das nosas cidades. E, en esencia, esas claves serán as mesmas”.

Segundo o censo de 1930 a provincia de Ourense contaba con 426.043 habitantes (53,18% mulleres) dos que 21.579 residían na capital. "Máis de 3.330 persoas foron sometidas a un proceso pola xurisdición de guerra entre 1936 e 1945, case 1.800 delas procesadas; impuxéronse 249 penas de morte, das que foron executadas 202 e outras 47 conmutadas pola de reclusión perpetua e máis de cincocentas asasinadas extraxudicialmente; se lles sumamos os falecidos en prisión, o número de vítimas é de 789", sinalou o relator, engadindo que "a maiores dos encartados pola xurisdición de guerra máis de 7.000 persoas foron detidas sen ser sometidas a proceso militar. 2.643 persoas e entidades xurídicas foron sometidas a proceso de responsabilidades civís ou políticas. Case 2.000 mestres  foron sometidos a depuración e a eles acompañáronlles un bo número de profesores do único Instituto que por entón existía na provincia, así como os da Escola de Artes e Oficios e da Normal do Maxisterio; os empregados do Hospital, os xuíces e fiscais municipais, así como os da Audiencia; os empregados dos por entón 94 concellos da provincia. Os exiliados por razóns políticas, económicas ou de persecución cóntanse tamén por centos. E así un longo etcétera. Sumen a todo iso a coerción e o control social que se exerceu desde o Estado (en particular desde o sistema educativo), o partido único ou a Igrexa e entenderán perfectamente por que os historiadores insistimos no carácter sistémico da represión·.

Para entender como a represión e control social actuaron sobre o conxunto desa xeración perdida é necesario, indica o doutor Prada Rordíguez, adoptar un enfoque multicomprensivo que, sen renunciar á necesaria sistematización dos diferentes elementos desintegradores do tecido social empregados polos sublevados, contémplea como parte dun programa de acción global que se traduciu na recreación dun clima de sometemento que se proxectaba sobre amplas capas da poboación. Porque a utilización da forza foi moito máis alá dunha simple violencia enxendradora de relacións de poder na medida en que o seu obxectivo primario, unha vez paralizada a resistencia, foi a dominación e o sometemento dos individuos para facilitar a asunción dos novos códigos e valores inspiradores do novo Estado".

Así o relator propuxo abordar o estudo da represión desde unha perspectiva multidireccional que parte da existencia de tres niveis interrelacionados: 

  • Un nivel inferior, constituído polas diferentes manifestacións da represión física.
  • Un nivel intermedio, claramente condicionado polos efectos do terror que provocan os asasinatos e fusilamentos, as malleiras e o medo ao cárcere característicos do anterior, e do que formarían parte as diversas modalidades represivas que é necesario analizar desde a perspectiva económica, administrativa, social e cultural.
  • Un terceiro nivel ou estrato superior derivado dos dous anteriores, dominio da represión psicolóxica e das estruturas mentais autorreprimidas.
"Prescindido dos primeiros, o que me interesa agora é incidir precisamente noutros aspectos moito menos tratados polo historiadores pero que resultan de singular importancia para comprender o verdadeiro significado do que houbo de enfrontar esa xeración perdida que hoxe homenaxeamos. Como punto de partida, pensen vostedes o difícil que resulta conceptualizar a represión social ou profundar nos mecanismos de coerción e control social como consecuencia do carácter multicomprensivo que presenta fronte a outras formas represivas, moito máis nítidas nos seus perfís". A diferenza da represión física non busca a eliminación ou a reclusión do disidente, "senón que alcanza a súa maior virtualidade cando os elementos máis activos da 'vella orde' foron xa represaliados. Tampouco se manifesta necesariamente en forma de exaccións económicas, aínda que con frecuencia estas sexan un mecanismo máis para forzar a aceptación da poboación de determinadas pautas de comportamento, como sucede con determinadas multas impostas a quen non respectan os patróns de conduta impostos polos sublevados. Nin sequera ha de valerse dunha sanción administrativa destinada a depurar pasados compromisos e a asegurar a lealdade de toda a Administración franquista", explicou o relator.

Modalidade represiva difusa     

"Trátase, pola contra, _prosegue Julio Prada- dunha modalidade represiva moito máis indeterminada e difusa, porque non se dirixe contra un individuo concreto senón contra o conxunto da sociedade, a pesar de que poida adoptar caracteres diferenciados con colectivos específicos, como sucede por exemplo coas mulleres, vítimas dunhas vexacións particulares. Por iso os seus efectos son moito máis negativos e perversos, como o son tamén os seus obxectivos: o que se busca é a anulación dos individuos e a destrución dos elementos esenciais da sociedade civil preexistente non conformes cos intereses dos sublevados e o seu substitución por unha nova orde social imposto no que a poboación acepte o seu sometemento incondicional ao poder político, actuando mesmo sobre o plano simbólico. Abrangue múltiples imposicións postas ao servizo das diferentes estratexias de control social implementadas polos sublevados. Desde a obrigatoriedade do saúdo brazo no alto, ata o repenicar das campás e os desfiles e concentracións patrióticas que se sucedían despois da toma de calquera capital. Calquera que fosen as súas manifestacións, o resultado era sempre o mesmo: o reforzamento do clima de sometemento e medo para lembrar aos posibles desafectos quen mandaba na nova situación, paralizando, antes de producirse, calquera tentativa de resistencia, ao mesmo tempo que se reforzaba a cohesión e a unificación de vontades dos afectos".

Os medios de comunicación

O control sobre os medios de comunicación, particularmente de prensa e radio, "era por suposto fundamental e por iso non debe estrañar que entre as primeiras preocupacións dos sublevados estivese a organización dos aparellos propagandísticos e o establecemento dunha ríxida censura. Por suposto, a dirección dos medios de comunicación escrita foi encomendada a homes comprometidos coa causa nacional, mentres eran suspendidos diarios de longa traxectoria, como La Zarpa".

As ondas radiofónicas e os periódicos afectos ·instruían aos cidadáns sobre os medios de información permitidos e as lecturas recomendadas; nin sequera no ámbito familiar cabía a máis mínima discrepancia ante o temor a unha delación. A Igrexa cumpriu un papel esencial na imposición desta nova moral, publicando pastorais, instrucións e sermones que, xunto a un descoñecemento radical da realidade galega, demostraban que a súa privilexiada posición como transmisores da fe era utilizada como un sistema de adoutrinamento político que coincidía cos postulados franquistas".

"Tamén poderiamos falar da orientación do 'programa cultural' dos sublevados, coa prohibición de libros tan perigosos como Crime e Castigo, Guerra e Paz, A Barraca, Os Miserables ou Ana Karenina. Como resultado, miles de libros desapareceron de numerosas bibliotecas en toda Galicia e a censura previa fíxonos retroceder case aos tempos inquisitoriais", sinala o relator.

"E que dicir do que ocorría no ámbito educativo, onde o que pasou a primarse foi a formación de individuos mansos, capaces de obedecer de forma incondicionada, aínda que iso supuxese negarse a si mesmos e supeditar a súa personalidade ao ideal supremo dictado pola autoridade. A Historia de España, por exemplo, foi convintemente manipulada para transmitir unha imaxe prefabricada que viraba ao redor de tres ideas principais:

  • A exaltación da catolicidade como elemento esencial da nación española e o carácter mesiánico do seu pobo, chamado por Deus para o desempeño das máis elevadas tarefas: non a menor, a grandiosa cruzada librada contra o marxismo nos seus campos de batalla.
  • A exaltación da unidade de España, non só territorial senón tamén espiritual.
  • A idea de imperio católico, que debe ser conciliada co ideal de hispanidade como unidade de destino no universal".
A lingua galega _ recorda o profesor tutor de UNED Ourense- "foi ridiculizada ata o absurdo en nome dun pseudopatrioterismo estatalista e excluínte. Os avances conseguidos neste apartado durante a República desapareceron, entrándose nunha fase de silencio oficial e de persecución máis ou menos soterrada que tivo a mesma efectividade práctica que a moito máis coñecida e notoria dos casos vasco e catalán. Esa xeración perdida tivo que convivir co que foi unha sistemática exclusión do galego dos medios de comunicación, tanto escritos como falados, mentres a propaganda oficial, controlada na súa maioría por Falanxe, insistía no seu carácter puramente dialectal. Todo iso unido á supresión do Seminario de Estudos Galegos, clausura da Editorial Nós, a prohibición da prensa en galego e a eliminación, o exilio ou a condena ao silencio dos máis destacados representantes da política e o pensamento galegos, foron suficientes para cortar de raíz o florecemento dunha cultura cívica que tiña as súas bases sentadas para iniciar o seu despegue en xullo de 1936".

Represión psicolóxica

O último dos niveis a analizar é o da represión psicolóxica, "o menos coñecido e o máis difícil de facer visible cando nos referimos a esta xeración perdida porque é o resultado dun proceso ou operación por medio do cal o suxeito relega ao inconsciente unha serie de representacións ou ideas que lle resultan inaceptables en virtude de determinadas esixencias. A obediencia, o funcionamento das institucións e o comportamento colectivo pasaron a estar determinados polo medo, que fixo aniñar nas conciencias desta xeración perdida o receo permanente cara ao veciño, o temor a canto significase compromiso con causa algunha, o rexeitamento de toda forma de acción colectiva por medo ás delacións, a percepción de que só nun individualismo exacerbado era posible achar refuxio á espera de que cambiasen os tempos. Con iso cambiou o concepto da política que, pasou de ser un instrumento de modernización da sociedade a considerarse negativamente; a ser vista como un pecado conxénito de boa parte da poboación que era preciso expiar co sufrimento para redimirse. Tamén se acentuaron as tendencias inhibidoras e xeráronse comportamentos antiasociativos que arraigaron nas xeracións posteriores á guerra e, sobre todo, levantouse un muro de silencio, de suspicacias e reticencias".

A represión implementada polos sublevados desde as diferentes instancias de poder e a todos os niveis, explicou Prada, beneficiouse do perverso efecto multiplicador resultante de sumar a ela a coerción exercida por comprometidos, adheridos, apócrifos, acomodaticios e ata indiferentes que só desexaban o retorno da «normalidade». Unha suma de forzas practicamente invencible para quen conseguiran sobrevivir ás brigadas do amencer, aos pelotóns de fusilamento, aos anos de cárcere, á guerra, ás torturas, á perda do posto de traballo, á fame, aos seus propios medos e ás esperanzas defraudadas. O silencio, a autocensura, o exilio interior era para esta xeración perdida a súa única defensa. O exilio interior ou directamente o abandono da súa patria desde o momento en que Galicia queda en mans dos sublevados. Coñecemos ben quen son estas persoas que escapan aos montes, foxen á zona leal á República ou se esconden en cuadras, sótanos ou minas desde os primeiros días da rebelión en espera de que o Goberno da República logre impoñerse. Trátase dun conglomerado multiforme de simpatizantes da Fronte Popular, socialistas, cenetistas e comunistas que abandonan vilas e cidades; pero tamén numerosos campesiños comprometidos coas sociedades agrarias, militantes de partidos republicanos, algún pequeno-burgués de esquerdas, algunhas vítimas de persecucións caciquís e de odios e rifas particulares, etc."

O relator distingue tres fases ben diferenciadas:

  • Xullo-agosto de 1936.
  • Setembro 1936-abril 1939.
  • O período posterior ao final da Guerra Civil, subdividible á súa vez en:
  1. Década dos corenta: exilio por «goteo» de fuxidos e guerrilleiros a través de Portugal, atravesando a Península ata a fronteira francesa ou por vía marítima.
  2. Década dos cincuenta: fase de menor saída de exiliados. Cabería falar máis ben de predominio da emigración legal con motivacións sociopolíticas.

 

"Uns e outros, os do exilio de fóra e os do exilio interior, constitúen esa xeración perdida á que con este sinxelo acto de dar o seu nome á biblioteca do Centro Asociado á UNED en Ourense quíxose tributar unha merecida homenaxe", asegurou o relator, quen rematou a súja intervención parafraseando a Hemingway: "a terra opermanece para sempre xamáis? e polo tanto, máis que falar de xeración perdida teríamos que falar de 'semente de liberdade".

UNED Ourense

Comunicación     

 

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es