OURENSE, 23 de outubro de 2019.- Os historiadores ourensáns, Julio Prada Rodríguez e María Concepción Álvarez Gómez (imaxe) o primeiro profesor titular de Historia Contemporánea na Uvigo e profesor titor na UNED de Ourense e a segunda profesora titora e secretaria de UNED Ourense, teñen nova investigación nas librerías. A editorial Catarata acáballes de editar o libro Dereitas, República e eleccións. Ourense, 1931-1936. Neste traballo ambos autores analizan o papel das dereitas entre a crise da Restauración e os estertores da Ditadura de Primo de Rivera, deténdose nos monárquicos dinásticos, nos sectores carlistas e as orixes do calvosotelismo así como nas dereitas #ante a celebración de eleccións o 12 de abril de 1931.
Outro aspecto tratado con detalle neste libro son as eleccións a Cortes Constituíntes e o Primeiro Bienio Republicano. Neste capítulo Prada e Álvarez estudan as dereitas na encrucillada republicana así como as citadas eleccións fixándose no comportamento dos sectores católicos e estudando ademais tanto o carlismo como o calvosotelismo durante este período da nosa historia.
Prosegue a investigación de ambos os historiadores co estudo das dereitas lanzadas á conquista do poder, e aí móstrannos como se organizan, que pasa nas eleccións de novembro de 1933, o apoxeo católico e as disensións internas que xurdiron no seo do carlismo.
Este libro centrado nas dereitas en Ourense ten un oco para analizar a etapa da Fronte Popular, coa formación da candidatura dereitista, o triunfo electoral das dereitas e a radicalización do proxecto japista con derívaa autoritaria dos calvosotelistas e dos carlistas.
As eleccións do 12 de abril de 1931 e a consecuente proclamación da Segunda República provocou un entusiasmo ao que nin Galicia nin Ourense foron alleos. Ben é certo que este proxecto democratizador, como explican Prada e Álvarez, polos seus límites e dificultades, pronto xeraría debates que “non tardarían en manifestarse”. O advenimiento da Segunda República fixo que os conservadores ourensáns tivesen que competir nun escenario político distinto ao que había antes de producirse o golpe de estado de Primo de Rivera. “As redes clientelares preexistentes non foron extirpadas de raíz”, sinalan os autores. Así, unhas permaneceron á espera, outras se reconverteron e acomodaron no poder local ou nos instrumentos de apoio á ditadura. Aínda houbo outras redes clientelares que deixaron de actuar no campo político.
Prada e Álvarez sinalan que coa chegada da “segunda ditadura” de Berenguer e Aznar, aquelas redes clientelares que souberon esperar, recuperaron protagonismo, e no caso concreto de Ourense debido á influencia exercida polo conde de Bugallal. Certamente na o ano 1930 non existía unha única dereita. “A liberal, que florecera nos tempos da Restauración, debía competir coa dereita autoritaria e corporativista encumbrada pola ditadura”, sinalan os investigadores. Esta última tamén contaba coa súa propia estrutura clientelar”.
Foi unha sorpresa que coa chegada da Segunda República “saltase polo aire, dun día para outro, todo o armazón que soportaba e á vez explicaba o mantemento desta estrutura clientelar”. Así, os cambios legais e constitucionais tiñan que poñerse por encima e “convivir e complementarse con toda esa estrutura herdada da que se nutría o caciquismo”. En Ourense, explican ambos os investigadores, deuse a forza alcanzada por un sector das múltiples dereitas, o que recoñecía como xefe de filas a José Calvo Sotelo. Os beneficios da súa xestión ministerial e a do Directorio reportaron á provincia ourensá varias melloras sociais, ademais dunha forte rede de relacións persoais, que derivou en apoios que á súa vez lle levaron a ter unha acta nas constituíntes de 1931, nas que non puido tomar posesión.
Prada e Álvarez sinalan como tamén a Comuñón Tradicionalista (CT) tiña unha importante tradición en terras ourensás. Nela estaba unha parte do clero, incluídos algúns cóengos da catedral, “algún sacerdote con limitado acceso á intimidade do bispo”, profesionais liberais sen esquecer a obreiros católicos. Segundo os autores, parecíase máis a unha seita pola excesiva endogamia. Ata 1933 os seus integrantes permaneceron unidos a pesar das súas diferenzas ao redor da sucesión de Alfonso Carlos de Borbón. Sería máis adiante, cando bse sumaron “os progresos na organización de alfonsinos e católicos fieis a Gil Robles, a aparición dos primeiros gromos fascistas, que máis adiante callarían na formación de FE das JONS, e o debate ao redor das tácticas de acción política, a ruptura fíxose inevitable”. O grupo legitimista que mantivera o ímpeto do carlismo histórico, quedou en minoría. Das súas seccións só os Requetés tiveron un importante eco social, “máis que nada pola súa contribución á dinámica da violencia nas rúas en colaboración con Falanxe e algúns mozos fascistizados que abandonaran as Mocidades de Acción Popular”. A Comuñón Tradicionalista situouse en primeira liña coa conspiración militar.
Julio Prada e María Concepción Álvarez indican neste traballo que as dificultades do proxecto social católico para iniciar o seu despegamento en Ourense mostran o desconcerto deste sector debido á proclamación da República e “sobre todo, da propia fortaleza do calvosotelismo”. A Iglesia apostou polo proxecto de Acción Popular, aínda que non a todo o clero ourensán lesatisfizo. Tras o fracaso electoral de 1931 houbo captación das elites locais por este sector utilizando como argumentario o interese de conservación social, no que se incluía desde a defensa da relixión, a orde e a propiedade ata o mantemento dos privilexios económicos desas mesmas elites.
Prada e Álvarez manifestan que no período analizado, as diversas sensibilidades conservadoras conseguiron na circunscrición ourensá “algún dos seus mellores resultados no conxunto do Estado”. Pero ese sector amplo operou de diferentes maneiras, con diversas tácticas, e a pesar diso concertaron acordos electorais que lles permitiron colocar aos seus máis destacados representantes nas Cortes.
Este libro demostra, unha vez máis, o rigor que impera no traballo de ambos investigadores. Julio Prada é licenciado e doutor en Historia e licenciado en Dereito. Está especializado no estudo da violencia política, a Segunda República e o primeiro franquismo, ámbitos nos que conta coa publicación dunha ducia de libros e centenares de artigos e achegas a congresos. Entre as súas últimas monografías destacan Marcharon con todo. A represión económica en Galicia durante o primeiro franquismo, publicado en 2016 e The plundering of vanquished, publicación deste 2019.
María Concepción Álvarez Gómez é licenciada en Xeografía de Historia, máster en Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais. Foi Axente de Desenvolvemento Local, profesora e investigadora contratada da Universidade de Vigo e titora do Centro Asociado á UNED, no que, ademais, exerce actualmente como secretaria. Dirixiu e participado en diversos proxectos de investigación. Entre as súas últimas publicacións destacan: As vítimas ocultas do espolio. As mulleres ante a represión económica durante o primeiro franquismo (2017) e El Movimiento Democrático de Mujeres en Ourense (1975-1979). Los orígenes del movimiento feminista, publicado no 2019.