Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A arte como parte dun rico pasado configurador de Ribadavia

10 de octubre de 2024

O doutor David Chao analizou no ciclo do Campus Noroeste da UNED os segredos de tres fábricas románicas e o contexto histórico no que xurdiron. Incluso mencionou a igrexa máis antiga, que estaba ubicada onde hoxe se levanta o castelo: San Xes de Ribadavia. E  explicou que é falsa esa imaxe espallada de que en Galicia pásase directamente do estilo románico ao barroco.

OURENSE, 10 de outubro de 2024. Con gran profusión de datos, o profesor doutor David Chao ilustrou ao público que o escoitou no relatorio dado no Ciclo Xoias do Patrimonio, que está celebrando o Campus Noroeste da UNED. UNED Ourense aportou a conferencia O románico de Ribadavia (Ourense): influenzas, pervivencias, destrucións e reconstrucións na Baixa Idade Media. O acto tivo lugar no salón do centro universitario ourensán cara o público asistente de maneira presencial e o que está seguindo este ciclo desde outras partes de España así como desde varios países de Europa, África e América, a través de Internet, pois cada conferencia emítese en directo e tamén en diferido. O relator foi presentado polo director de UNED Ourense, doutor Jesús Manuel García. Chao fixo un repaso somero polo rico pasado de Ribadavia para deterse logo en tres exemplares de arquitectura relixiosa do románico. 

O relatorio comezou cun contexto histórico da vila de Ribadavia que, na Idade Media, era un centro artesán e mercantil importante no interior de Galicia. Sobre a historiografía tradicional de Ribadavia, advertiu Chao do perigo pois a documentación municipal perdeuse, así como a de mosteiros. "Antes do século XII había tumbas antropomorfas, datadas entre os séculos VIII-X e Francelos; castros que rodeaban pobos romanos? como a Abobrica que cita Meruéndano". David Chao falou da necrópole #intramuros do castelo como xerme da igrexa de San Xes de Ribadavia. "O pobo creceu desde o século XI e sobre todo desde o XII rexistrándose o fenómeno urbano en toda Europa". No século XII hai documentos nos que se chama á vila Burgio Rippe Avie vel Rippe Minei ó Boubou. O interese polo viño nesta zona fixo que non poucas institucións tivesen viñas e outras propiedades alí: Os mosteiros de Oseira, Melón, San Clodio, Acibeiro, San Paio de Antealtares, San Martín Pinario, San Pedro de Fóra, Sobrado dos Monxes; tamén ordes militares como a de San Juan de Xerusalén, o Temple, o Santo Sepulcro, Alcántara e Calatrava, ademais de ter igualmente propiedades as catedrais de Ourense, Tui e Santiago. No ano 1164 Fernando II permitiu a Oseira unha igrexa e granxa na Oliveira, extramuros de Ribadavia. Intramuros atopábase a igrexa de San Xoan, cuxa orixe non se sabe con certeza se está no XIII, e que funcionou como igrexa parroquial, convento e hospital. Nos séculos XII e XIII produciuse o pulo vitícola e, no vencellamento de Ribadavia coa Coroa, a finais do XII figura Juan Arias, futuro ayo de Alfonso IX, como "tenente" do burgo, e en 1217, sinala o relator, Alfonso IX concedeu Ribadavia en dote, xunto a outras propiedades, a Dona Sancha e Dona Dulce, que estipula o seu ulterior regreso a mans do monarca".

Desde comezos do XIII a igrexa de Santiago dependía do bispado de Tui. A mediados desa centuria chegaron os dominicos e os frades da Terceira Orde Franciscana. "A muralla da vila era mencionada desde mediados do XIII e con máis asiduidade, a finais do devandito século. A súa función era a protección das xentes e á vez servía de elemento diferenciador e xerarquizador do medio urbano fronte ao rural", indica o relator. Carécese de ordenanzas municipais para coñecer a vida daquelas xentes, as relacións sociais e xurídicas co Concello, así como disposicións urbanas e urbanísticas, entre outras. A partir do século XIV, nos seus anos 30, a vila entrou en crise, enchéndose de malfeitores, a monarquía estaba afastada e tras unha guerra alzouse coa vitoria Enrique de Trastámara fronte a Pedro I. En 1375 Ribadavia foi dada en señorío a Pedro Ruiz Sarmiento, quen tamén era Adiantado Maior de Galicia, e no ano 1480 xa aparece como vila condal á fronte da cal estaba Bernardino Pérez Sarmiento.

Jesús Manuel García, presentado ao relator, David Chao, desde o salón de actos de UNED OUrense, nun relatorio dentro dun ciclo de ámbito internacional grazas á tecnoloxía da UNED.

Da presenza xudía na vila di Chao que se sabe dalgúns personaxes como Abraham de León e Judá Peres, que eran recadadores de Diego Pérez Sarmiento, a mediados do XV. Neste século produciuse a exportación de viños ao resto de Galicia e a Inglaterra, ademais da os Países Baixos e a finais de centuria, cando estalou a guerra dos Irmandiños, en 1470 foi asasinada a condesa Teresa de Zúñiga a lanzadas polos seus vasallos. Dous anos máis tarde traballábase en levantar un castelo na vila. Un castelo pensado non para defenderse non de ataques exteriores á vila senón das propias xentes desta. Os Sarmiento vivían en Valladolid.

No século XIX, coas ideas reformistas en urbanismo, moitas construcións medievais foron derrubadas "en aras á idea de progreso", sinala Chao. Constrúese a rúa Progreso, que deixará ao carón o centro histórico, que se vía como moi medieval, moi vello, obsoleto. David Chao entrou a continuación de cheo nas tres igrexas románicas máis destacadas da vila. Comezou pola de San Xes, que data de finais do XII, era mencionada na documentación como igrexa de San Ginés na vila, e trátase da parroquia máis antiga. "Hai que constatar a existencia da igrexa en xaneiro de 1213, que entrou na repartición dos diezmos e outros beneficios eclesiásticos entre Oseira e o bispado tudense", indicou o relator. "Ese templo foi de Tui ata 1378, cando o bispo Don Juan de Castro intercambiou con Celanova o ex mosteiro de Coruxo por San Ginés", engadiu. En testamento datado o 12 de setembro de 1381 aparecen mencionadas doazóns para os clérigos de San Ginés e menciónase igualmente a confraría de Santa María Madalena, "supoñemos que asentada en San Ginés". Crese que no ano 1471 aínda debía existir esa igrexa pois do 6 de xaneiro, segundo citou o doutor Chao, Inés Mantueyra manda "sepultar meu corpo pecador en á Iglesia de San Jees da Villa de Ribadavia ou non Mosteiro de Santo Domingo da dita Villa".

Algunhas persoas quixeron seguir a sesión desde o propio salón de UNED Ourense, mentras outros centos de cidadáns estaban facendo o mesmo a través de Internet desde o resto de España, así como de Europa, América e África.

Outra igrexa: San Xoan 

Os sanxoanistas, ademais de ter interese económico por Ribadavia, chegaron a detentar o padroado dunha igrexa parroquial. A Orde de San Xoan de Xerusalén emprendeu a construción de San Xoan de Ribadavia xunto a un hospital de peregrinos. En Ribadavia consta a existencia de Encomenda, pois en outubro de 1213 menciónase a Velasco Fernández como comendador nun preito que afecta á igrexa de San Xoan, pero esta tivo comendador propio a partir de 1294.Tiñan importantes propiedades na zona pero a finais da Idade Media iniciouse un declive de Ribadavia como referente da Orde en Galicia de modo que no século XVI os Cabaleiros pasaron a establecerse en Beade. No ano 1213 aparece unha referencia ao templo, debido a unha concordia entre hospitalarios do Burgo de Ribadavia, dunha parte, e do Mosteiro de Oseira xunto ao prelado de San Ginés, doutra.

David Chao dinos que no ano 1218 aparece outra referencia á igrexa de San Xoan con motivo do testamento de Rodrigo Menéndez que "fuit factum et confirmatum in ecclesiam Sancti Iohannis de Burgo". En 1361 outro documento fai referencia claramente a San Xoan de Ribadavia como igrexa "á vez que nos permite coñecer a presenza dun crucifixo no seu interior, presidindo probablemente o altar maior", asegura o dotor Chao. A documentación non só fai referencia á igrexa senón ao convento, actual casa reitoral, e ao hospital, que foi abandoado a finais da Idade Media. 

Santa María da Oliveira 

Na súa conferencia en UNED Ourense, David Chao ofreceu tamén datos desta igrexa da Oliveira, un templo que foi do Císter, orde que na vila tiña tamén unha granxa. "segundo o Tombo da Oliveira, menciónase a posesión da igrexa ratificada por Fernando II a Oseira en 1164, aínda que a partir da doazón dun particular chamado Pedro Peláez. Ese mesmo ano de 1164 pode ser ratificado nun acordo do mosteiro ursariense co concello de Ribadavia sobre varios impostos, datado o 6 de marzo de 1314. "a primeira vez que a igrexa da Oliveira aparece en fontes documentais conservadas é en 1170, en concreto na confirmación que o Papa Alexandro III fai o 4 de xullo das propiedades de Oseira, e onde entre outras menciónase '...ecclesiam Sancte Marie de Burgo de Rippa Avie cum amnibus ad ipsam pertinentibus". 

Ao longo dos séculos XIII e XIV, hai "numerosas mandas testamentarias á Oliveira, co seu cemiterio ao redor", que estivo en servizo ata 1855. A mediados do XVI houbo un intento para que os franciscanos instalásense na Oliveira pero Oseira freou o plan. "Esta igrexa foi consagrada polo bispo Don Egidio en honra da Virxe María o 24 de xuño de 1258. Hai dúas hipótese sobre a súa construción: 

  • "Unha primeira igrexa moi reducida por precisar rapidez, e logo a actual, ou ben unha construción lenta, terminándose por fin a mediados do século XIII (esta última imposible, pois en 1244 unha concordia entre Oseira e Melón permitía a Melón facer unha abertura nun muro para deixar pasar auga de rega para propiedades de Oseira en Ribadavia, e cuxa medida equivalería á da porta occidental de Santa María da Oliveira".
  •  Segunda hipótese: a reedificación da igrexa para mediados do século XIII, máis ampla, con variacións de tons de pedra na elevación de muros, e fustes, basas e capiteis tallados en perpiaños: unha sinxela abertura mencionada na concordia Oseira-Melón, logo reedificada dita portada ao modo de San Juan. E unha linguaxe formal esquemático e estereotipado a partir de fórmulas ornamentais xa vellas de Oseira".

García recibiu a Chao no centro universitario, onde compartiron un tempo de amizade e gozo cos datos aportados polo relator na súa intervención sobre o románico de Ribadavia.

Iglesia parroquial de Santiago

Dinos o doutor Chao que a escasa documentación dificulta fixar orixes para esta igrexa. Constará documentación da súa existencia nos anos 1222 e 1227, xa que se cita ao seu prelado e testamentos. "De gran interese para nós é o testamento que Martín Castaño outorga o 30 de novembro de 1288, establecendo unhas mandas concernentes á igrexa de Santiago: 'Item mando aa Iglesia de Santiago XX soldos por escondoyta. Item mando aa obra de Santiago do Burgo C soldos". Chao pregúntase se se refire a Santiago Dalén ou a Santiago do Burgo, ou se esta última estaba en obras. 

De 1305 é outro testamento que outorga "aa obla... de Santiago de Rivadavia XX ssoldos". Segundo Ávila y La Cueva, en 1407 esta igrexa contaba cun cabido de racioneiros e capeláns ao modo dunha colexiata. Nela estaba a confraría de Santa Catalina. O relator foi describindo detalles ornamentais deste templo, con anxos psicopompos que levan ánimas ao ceo, exemplos propios de capiteis da zona zamorano leonesa, e que no gótico vémolos en Lugo, ou claves con cabezas como en Betanzos. Tamén se representa á curuxa como animal símbolo de sabedoría que á vez rexeita a luz divina; o castelo, como elemento defensivo contra o mal, que á súa vez, insiste Chao, ten o matiz negativo da soberbia manada da Torre de Babel". David Chao contou como ao levantar a mesa do altar desta igrexa descubriuse unha pedra na que están talladas dúas veneras, que ben puido ser unha hornacina para poñer nela a imaxe medieval do Apóstolo Santiago, con reminiscencias episcopais, para resaltar a importancia desta advocación. Outros elementos decorativos son o aguia cravando as súas garras nun coello, o león rampante ou anxos portando un libro. En toda esta ornamentación de Santiago de Ribadavia dinos o relator que están detrás os influxos artísticos do Pórtico dá Gloria, do pazo de Xelmírez, o ourensán Pórtico do Paraíso, os cenobios de Carboeiro, Camanzo, Ribas de Miño e mesmo do románico de Benavente.

Parte do público que acudiu a escoitar en vivo o relatorio de David Chao nas instalacións de UNED Ourense.

Un estilo que perdurou no tempo

Chao expuxo que a arte tardorrománica é o reflexo da historia da vila de Ribadavia, e que desde os monumentos chégase á historia da vila. Salientou que esta arte ten unhas funcionalidades que condicionan a súa forma arquitectónica para dispoñer de espazos axeitados como sede de parroquia ou coas funcións propias e de acollida de ordes monásticas. As influenzas no románico ribadaviense, dixo David Chao, hai que buscalas no mosteiro de Oseira, tamén no de Melón e na catedral de Ourense. Destas grandes fábricas hai pegadas nos templos de San Xoan, Santa María dá Oliveira e Santiago, na capital do Ribeiro. Nesta vila, como noutras localidades, o románico estendeuse no tempo converténdose nun larguísimo tardorrománico, pois hai moitas fábricas que seguen en obras alá polo século XIII e XVI "e que continúan aplicando formas tardorrománicas. Naquela primeira metade do século XIII na catedral de Tui estaba a acometerse a construción da primeira portada gótica da Península" e con todo predominaba o tardorrománico.

Sinala o relator que "en Ribadavia temos igrexas con modificacións, máis modestas pero que conservaron a súa función ata os nosos días". Chao falou igualmente da nova valorización patrimonial ao longo dos séculos.

En Galicia pásase do románico ao barroco?

Unha persoa do público preguntoulle a que se debe que en Galicia a imaxe que se dá é a do paso do románico e tardorrománico ao barroco. O profesor manifestoulle que non se sabe ben, pero ao mesmo tempo sinalou que non comparte que entre aquela arte medieval e o barroco nonobradoiros mateáns, que continuaban perdurando. Había que pensar en máis causas porque isto non afecta somentes a Galicia. Hai outros casos, por exemplo, en Cantabria, nalgunhas zonas castelás. Aquí os mestres de tradición mateá seguían repetindo fórmulas xa demostradas e empregadas, antes que innovar co gótico, aínda que o propio Mestre Mateo, que tería que coñecer o gótico, preferiu terminar a catedral de Santiago co estilo que seguían os seus tramos de naves ao longo do seu desenvolvemento desde a cabeceira. 

David Chao salientou como entre o románico e o barroco galego, en todos eses séculos, desde o XIII ao XVII houbo outras manifestacións artísticas tamén. E así sinalou a presenza de grandes construcións góticas de ordes mendicantes. "É o noso gótico", dixo citando como exemplos Santo Domingo de Ribadavia, San Francisco de Ourense ou San Francisco de Betanzos. Do mesmo xeito indicou que aparece en Galicia un renacemento "moi destacado", con exemplos en Santiago e en Ourense, sen esquecer tampouco a escultura funeraria. Importantes mostras renacentistas galegas son o retablo da capela do Salvador na catedral metropolitana compostelá, o hospital RFeal, o claustro catedralicio de Santiago ou o colexio de Santiago Alfeo, sen esquecer en Ourense o Bon Xesús de Trandeiras, por mencionar algúns exemplos.

O relator

David Chao Castro é licenciado en Xeografía e Historia coa tese de licenciatura “A vila de Ribadavia: o medio e a súa arte na Idade Media”. Doutor en Historia da arte pola Universidade de Santiago de Compostela, coa tese titulada “Iconografía rexia na Castela dos Trastámara” (2005). Actualmente é Profesor Contratado Doutor do Departamento de Historia da Arte da USC, onde leva exercendo a docencia desde o ano 2000. Membro do Grupo de Investigación IACOBUS, desenvolveu estancias de investigación no Arquivo Histórico Nacional, Biblioteca Nacional e Sección de Historia do CSIC de Madrid; na Universidade Montaigne-Montesquieu-Bordeaux III de Bordeus; no CNRS de París; e na Universidade de Lisboa. As súas liñas de investigación céntranse sobre todo na historia da arte e cultura da Idade Media, con especial atención cara á iconografía rexia baixomedieval, a arquitectura e a escultura románicas e góticas, e de maneira máis específica no santuario compostelán e a realidade material da peregrinación medieval. Tamén nos aspectos artísticos que están en relación co padroado rexio e nobiliario, coas prácticas devocionais e piadosas, a funcionalidade e finalidade das creacións materiais transcendentes, así como a súa posible recepción e resignificación ao longo do tempo. Autor de dous libros, uns 45 capítulos de libro, numerosas fichas catalográficas para diversos catálogos de exposicións, e máis de 25 artigos en diversas revistas, 3 publicacións curtas, e máis de 50 conferencias, relatorios e comunicacións en congresos e simposios, tanto nacionais como internacionais. Tamén impartíu numerosos seminarios e cursos á marxe da docencia en programas de doutoramento, mestrados e seminarios especializados, tanto propios da USC como doutras institucións universitarias e de investigación en España, Portugal, Francia, Arxentina e Brasil.

PROGRAMA

Xoves, 17 de outubro 

  • 19:00-20:30 h. Un "faro" na Terra de Campos zamorana: a igrexa de Santo Tomás de Villanueva del Campo, desde UNED Zamora. O relator será Sergio Pérez Martín, profesor titor en UNED Zamora e profesor da Universidade de Valladolid. Doutor en Historia da arte. Comisionado de Patrimonio da Junta de Castilla y León. 

Martes, 22 de outubro 

  • 19:00-20:30 h. A fábrica de Tabacos da Coruña: edificio singular da cidade, desde UNED A Coruña, coa presenza de Ana María Romero Masiá, historiadora, arqueóloga e profesora.

Mércores, 23 de outubro 

  • 19:00-20:30 h. O patrimonio artístico da Universidade Laboral de Xixón, desde UNED Asturias. Falará Miguel Ángel Álvarez Álvarez, historiador da arte, investigador e guía turístico. 

Mércores, 30 de outubro 

  • 19:00-20:30 h. Lugo cidade patrimonio, tesouro da humanidade, desde UNED Lugo. Intervirá Raquel Iglesias Rodríguez, coordinadora de Extensión Universitaria e profesora titora en UNED Lugo.
 

Venres, 8 de novembro 

  • 19:00-20:30 h. Patrimonio histórico artístico da provincia de Pontevedra, desde UNED Pontevedra. Coa participación de Purificación Pérez González, profesora titora, licenciada en Xeografía e Historia, sección Historia dá Arte, especialidade Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. 

Este ciclo está dirixido a estudantes dos graos en Turismo, Humanidades, Políticas, Socioloxía, Historia da arte e en Xeografía e Historia; profesores de ensino secundario nestas materias, e persoas interesadas en ampliar coñecementos sobre a historia, a arte e o patrimonio. 

O obxectivo é non só presentar unha minúscula mostra da riqueza patrimonial dalgunhas das provincias que forman o Campus, senón que os asistentes poidan, a través dalgunhas dos relatorios, coñecer as oportunidades que se presentan a nivel de premios, financiamento e os actores que interviñeron e interveñen nun asunto cada vez máis valorado polos residentes como polos visitantes.

Metodoloxía

  • Presencial
  • Streaming en directo. O estudante matriculado recibe a clase a través dun computador onde queira pero en datas e horario marcado. A ligazón para a conexión envíase por email, pero tamén pode descargarse dun documento de   https://extension.uned.es/miespacio
  • En diferido. Unha vez finalizado o curso de maneira presencial, e despois de cada sesión, facilitarémoslle as ligazóns das gravacións (no prazo duns poucos días), no correo electrónico de matrícula do curso e no meu ESPAZO:  https://extension.uned.es/miespacio (opción 1: estudante Uned, opción 2: non estudante UNED).

 Esta é unha actividade de carácter meramente divulgativo, polo que non conleva asistencia obrigatoria nin traballos e, en consecuencia, non se emiten créditos ECTS nin certificados.

 Para participar en liña é necesario inscribirse picando aquí.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es