Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Os preuniversitarios de Viana do Bolo coñeceron a UNED

19 de febrero de 2024

O director de UNED Ourense falou á mocidade vianesa respostando varias cuestións que suscitaron o seu interese en relación co estudo na nosa Universidade.

OURENSE, 19 de febreiro de 2024. Os estudantes de Segundo de Bacharelato no IES Carlos Casares de Viana do Bolo xa coñecen a oferta de graos que poden cursar na UNED. O pasado venres, á primeira hora da tarde, o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, fíxolles unha visita para expoñerlles a realidade da Universidade pública máis grande de España e a segunda máis antiga en Galicia, despois da USC. A conferencia foi unha conversa cos mozos, que seguiron con gran atención as palabras do relator, quen lles advertiu que coñecer a oferta da UNED axudaralles a deseñar a súa vida profesional. Unha vez máis os rapaces sorprendéronse ao saber que na UNED non hai notas de corte, e que matricularse nesta institución supón facelo nunha Universidade moi esixente, o que se traduce no nivel de formación adquirido ao rematar os estudos.

Os estudantes formularon preguntas ao director de UNED Ourense porque querían saber cal é o papel das titorías. "Os docentes nos centros asociados á UNED son os profesores titores, magnífico profesionais que en sintonía cos profesores de Universidade situados nas Facultadas e Escolas Técnicas Superiores da UNED, guían e aclaran dúbidas ao estudante. Tede en conta que o noso modelo de  é máis parecido ao anglosaxón, no sentido que o estudantes ten esa actividade como traballo diario, con todo o apoio da institución superior, facilitándolle desde UNED Ourense os libros que necesitan en cada grao, máis as titorías semanais e os portais en liña da universidade que deben aproveitar. Estudar vai ser vosa ocupación e hai que facelo ben", díxolles García Díaz. Púxolles o exemplo de como ser matricula un na UNED e que vén despois, para que, dun modo didáctico, entendan como se desenvolve un nesta Universidade, que lles vai cambiar a vida o ano que vén. Tamén houbo quen preguntou se se fan prácticas. "UNED Ourense ten asinados decenas de acordos con empresas, organismos e institucións para que os estudantes de cada grao poidan facer as súas prácticas sen problema". Outra cuestión formulada ao director foi que son as PECs (Probas de Avaliación Continua): "Estas probas poden ser voluntarias ou obrigatorias, por exemplo, en Educación Infantil son obrigatorias, isto é, que para poder examinarse en febreiro ou en xuño, o estudante previamente ten que realizar eses exercizos. Segundo, pode haber unha PEC por materia ou dúas ou ningunha, segundo decida o equipo docente que, como dixemos antes, son os catedráticos e profesores de Universidade que están nos despachos das distintas Facultades e Escolas Técnicas Superiores da UNED". 

García Díaz animou aos estudantes para aproveitar o tempo e exercitar o pensamento crítico, algo ao que lles axudará o estudo superior. Díxolles que aquilo para o que se formen na vida, practíqueno con ética e deontología profesional, que se desmarquen do resto, que salienten por si mesmos, que cultiven a lingua e a lectura, que defendan e crean sempre na verdade e que investiguen, que non se pechen en banda senón que se abran á universalidade que representa a Universidade; que teñan en conta outras versións daquilo que estudan, de aí o uso frutífero da bibliografía que se lles propoñerá consultar en cada tema. Dun modo indirecto, o director de UNED Ourense estaba a facer referencia ao pensamento de autores como Timothy Snyder, Bonete Vizcaíno ou Le McIntyre. "Lembrade que os feitos e a verdade están feridos de morte na sociedade actual, no espectro político dos nosos días. Xa sinalaba Sócrates que aínda que ao iñorante pódeselle ensinar, a peor ameaza está naquelas persoas cuxa soberbia lles leva a pensar que xa coñecen a verdade, o que lles converterá en seres perigosos ao actuar dacordo coa falsidade", sinalou. 

Para pensar por si mesmos, sen deixarse influír por vagatelas, díxolles que teñen previamente que estar moi ben formados, para que ninguén poida desvialos cara ao seu terreo futil. Jesús Manuel García fálalles con moita claridade á vez que non deixa de animalos a iniciar a aventura da súa propia vida de universitarios. "Tanto se ides estudar o ano que vén coma se algún de vós quixese parar de estudar por un tempo, pídovos a todos unha cousa, que saquedes adiante a ABAU, porque así vos quedará para toda a vida ese salvoconduto directo á Universidade. Quen vaia a FP saben que tras un Ciclo Superior terán acceso directo á Universidade. Porque ningún de vós sabe como vai ser a súa vida. Se cadra estudades que fixeron un grao co paso dos anos igual estades a traballar en algo ben distinto a ese grao. Ou se agora aprobades a EBAU pero ides traballar e non estudar, quen vos di que no futuro non vos interese renovar os estudos e cursar un grao? Tomade as vosas propias decisións con cabeza, ben meditadas, para non deixar perder oportunidades, para que co paso dos anos non poidades arrepentirvos de non facer o que podedes levar a cabo agora. E se vos matriculades na UNED, fixádevos que estaredes nunha universidade prestixiosa sen saír do voso territorio, sen abandoar a provincia de Ourense, formándovos con rigor na vosa contorna habitual, pero non esquezades abrir a vosa mente e estudar sen límites, pero , iso si,o voso futuro pode estar en calquera parte do mundo. Pensade e soñade ao grande!"

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es