Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A comunidade venezolana do Carballiño mostrouse atraída polo método educativo da UNED

24 de enero de 2019

Hoxe, martes 29, celebrarase no Centro Asociado de Ourense outro acto informativo para a Asociación Alma Llanera da cidade

OURENSE, 24 de xaneiro de 2019.- Membros da comunidade de venezolanos afincados no Carballiño mostraron o seu interese en coñecer a  UNED e formularon as súas preguntas para coñecer detalles de como matricularse na oferta académica desta Universidade. Que é a UNED?  tivo lugar no salón de sesións do  Concello da vila do Arenteiro onde preto de medio centenar de cidadáns foron recibidos polo alcalde, Francisco José  Fumega, e pola concelleira Mariña Ortega.  Fumega presentou aos membros da delegación oficial da  UNED, o seu director en Ourense, Jesús Manuel García, e o técnico de Formación e Actividades Culturais, Luís  Gulín. 

 

García díxolles que o desenvolvemento da  UNED “ocasionou un gran impacto na historia da universidade española, e son decenas de miles os cidadáns que, a través da  UNED e nas últimas décadas, lograron o seu soño de forxarse unha formación universitaria ou de ampliar a que xa adquiriron, desde o Centro Asociado en Ourense”. Destacou que outro factor fundamental da importancia alcanzada pola  UNED é o feito singular de ser “unha institución de ámbito estatal, pero inserida nas comunidades autónomas a través dos centros asociados”. Por iso, engadiu o director, a Universidade Nacional de Educación a Distancia é un modelo único, de gran importancia para a cohesión científica e cultural de España e tamén para a integración ao servizo de todos, da identidade propia dos diversos territorios nun proxecto compartido.

  O auditorio seguiu con interese o desenvolvemento do acto informativo, no que  puideron ver un vídeo que mostra o amplo universo científico desta universidade, a que máis alumnos ten en España, 250.000. A continuación, houbo unha sesión de consultas nas que recibiron información acerca de matrículas, bolsas,  convalidación de estudos realizados en Venezuela e un longo etcétera que motivou o interese dos asistentes, consultando casos particulares. O acceso para maiores de 25, 40 ou 45 anos chamou moito a atención. Bieito Conde,  egresado da  UNED, explicou a súa visión persoal e satisfactoria do paso por esta Universidade insistindo en que querendo, un pode facer moitas cousas. Os asistentes mostráronse agradecidos por este acto.

Este martes, día 29 de xaneiro, celebrarase outro acto informativo, esta vez para a Asociación Alma Llanera, de venezolanos residentes na cidade de Ourense. Ás 19.00 horas, tanto eles como calquera outro cidadán que o desexe, daranse cita nas instalacións do Centro Asociado á  UNED en Ourense, na urbanización Torres  do Piñeiro, para coñecer unha institución académica superior que impulsou un revulsivo dos métodos tradicionais de estudo universitario, recorrendo para iso ás novas tecnoloxías dispoñibles de comunicación. Así comezou a ser coñecida no noso país a metodoloxía de educación a distancia, da que é pioneira a  UNED, acción que vén desenvolvendo desde fai case medio século.  

A dirección do Centro Asociado celebrará cuantos actos informativos sexan solicitados desde calquera municipio da provincia ourensá, facendo gala do lema “Esteas onde esteas”.

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es