OURENSE, 29 de abril de 2020.- O vicerreitor de Estudantes e Emprendemento, Alberto Mingo, presenta a todos os estudantes da UNED o Proxecto UNED100% á vez que lles traslada o documento coa información para o estudante sobre o Sistema de Avaliación. Convocatoria ordinaria Xuño 2020.”Neste último detállase o sistema de avaliación, que está formado por unha modalidade de avaliación continua e unha modalidade de avaliación de exames finais en liña. Recóllese relevante información sobre as datas dos exames e o procedemento excepcional utilizado nesta convocatoria, as instrucións para o acceso á aplicación de exames en liña (AvEx), as especificidades do proceso de realización dos exames, a revisión, no seu caso, dos mesmos, etc.”, sinala Mingo.
“Trátase dun documento fundamental para que teñades toda a información sobre un aspecto crucial e sensible para toda a comunidade universitaria, en especial para vós, os e as estudantes, como é a avaliación. O procedemento establecido ten como obxectivo principal garantir o alto nivel de calidade dos nosos sistemas de avaliación, un dos selos de prestixio da nosa universidade”, engadiu o vicerreitor.
O Proxecto UNED100% é un programa de medidas, sinala Alberto Mingo, “co que queremos achegarnos aínda máis a vós, escoitar as vosas necesidades e particularidades e asegurarnos de que todos e todas, ao 100%, ides ter a oportunidade de avaliarvos sen renunciar ás nosas garantías de rigor e calidade. Somos conscientes de que, na tarefa de proseguir coa vida académica, non podemos deixar no camiño a quen, sendo parte da nosa comunidade, poden ter dificultades para adaptarse á nova situación. A UNED quere permanecer ao 100% ao servizo da sociedade, fiel aos fins para os que foi creada, referendando o seu compromiso co conxunto da cidadanía e especialmente coa súa razón de ser, os e as estudantes”.
No documento UNED100%, que o vicerreitor convida a ler detalladamente, os estudantes van coñecer as liñas de traballo desenvoltas ata a data para seguir construíndo unha sociedade mellor nun dos momentos máis difíciles aos que se enfrontou. “Neste proxecto ofrecémosvos a posibilidade de que nos contedes que necesidades concretas tedes e a que dificultades enfrontádesvos á hora de avaliarvos. Todo co obxectivo de prestarvos unha atención personalizada que xestionaremos a través do Vicerreitorado de Estudantes e Emprendemento en estreita e fundamental colaboración cos centros asociados”.
O noso reitor, na súa resolución do pasado 3 de abril ratificada no Pleno do Consello de Goberno de 22 do mesmo mes, establecía diversos colectivos aos que se lles aseguraba unha especial atención. Por iso, a primeira medida que se vai a tomar é a elaboración do CENSO UNED100%, co que se identificarán as necesidades concretas dos citados colectivos. “Con este fin, poñemos á vosa disposición un formulario no que podedes reflectir as necesidades que tedes para realizar a avaliación. É importante sinalar que o enchemento do formulario destínase, exclusivamente, aos estudantes pertencentes aos devanditos colectivos. O formulario estará dispoñible desde hoxe, 29 de abril, ata o 15 de maio, inclusive”, di Mingo.
O vicerreitor anima a todos os estudantes a que se acheguen ao Proxecto UNED100% “e considerédelo unha ferramenta á vosa disposición para que, xuntos, saquemos adiante unha Avaliación 2020 excepcional para todos pero 100%UNED: Adaptados a ti”.
O comunicado do vicerreitor pódese ler aquí.