Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Perto de 400 estudantes de UNED Ourense se examinaron en liña na primeira semana de setembro 

8 de septiembre de 2020

No Centro Asociado realizaron probas presenciais 33 alumnos de Acceso e aqueles de Grao e Mestrado que carecen de conexión a Rede na casa

OURENSE, 8 de setembro de 2020.-Terminaron os exames de setembro na UNED. Na última semana, desde o martes, día 2, realizáronse arredor de 400 exames en UNED Ourense, a maioría deles foron feitos polos estudantes desde o seu domicilio a través da aplicación AvEx, deseñada polos enxeñeiros da Universidade Nacional de Educación a Distancia. Ao mesmo tempo, nas instalacións do Centro Asociado de Ourense e a súa Aula da Rúa realizáronse 33 exames, dos alumnos do curso de Acceso para maiores de 25, 40 e 45 anos. Tamén o fixeron alumnos que carecen de conexión a internet na casa ou que lles coincidían máis exames á mesma hora. A Universidade facilitou o acceso aos exames a todos os alumnos de modo que ninguén quedase sen facelos.

As sesións presenciais desenvolvéronse con total normalidade, gardando as normas de seguridade sanitaria, reuníndose en cada sesión non máis de seis examinandos na aula de exames, de xenerosas dimensións. Cada estudante deu o mellor de si coa ilusión, uns, de acabar o grao ou o mestrado; outros, de seguir avanzando na súa carreira universitaria e outro grupo, o de quen aspira a entrar na UNED despois de levar anos sen estudar, pero persoas que teñen a súa oportunidade de acceder aos estudos superiores e non agochan a súa ilusión. É parte da grandeza da UNED, abrirse a todos os estudantes, incluídos aqueles que presentan algunha discapacidade, xa sexan invidentes ou necesiten valerse dunha cadeira de rodas ou que teñan algunha descoordinación motriz. Estes, sen dúbida, como sinala o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García, "demostran a todos o que se pode chegar a facer cando hai verdadeiro interese en adquirir coñecemento. Son, por si mesmos, unha lección vivente para o resto". 

Desexamos a todos o maior éxito polo seu esforzo, que non é gratuíto. E seguir avanzando pola senda da sabedoría, que move máis que todas as cousas que se moven, como reza o lema da UNED. Nos próximos días coñeceranse as notas.

O prazo de matrícula na nosa Universidade continúa aberto, tanto para grao como para mestrado, ata o 22 de outubro.

Para matricularte, pulsa aquí.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es