Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

UNED e Xunta asinan un convenio de prácticas para estudantes de Dereito dos catro centros da Universidade en Galicia

5 de noviembre de 2021

O acordo, xestionado desde a Dirección de UNED Ourense, está rubricado polo Vicerreitor de Estudantes e Emprendemento e polo Vicepresidente Primeiro e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta, e ten catro anos de vixencia. 

OURENSE, 5 de novembro de 2021. A UNED e a Xunta de Galicia veñen de asinar un convenio de prácticas extracurriculares que beneficiará aos estudantes de Grao de Dereito dos catro centros asociados á UNED en Galicia. Os asinantes son o Vicerreitor de Estudantes e Emprendemento da UNED, Alberto Mingo Álvarez, e o Vicepresidente Primeiro da Xunta e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda Valenzuela.

As prácticas realizaranse na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior desta Consellería para que os estudantes poidan completar a súa formación universitaria. Esas prácticas serán extracurriculares ou complementarias. Este convenio é o resultado das xestións levadas a cabo desde a Dirección de UNED Ourense nos últimos meses para que as persoas que se forman en Dereito na UNED, especialmente as que estudan nos catro centros que a Universidade posúe nas catro provincias de Galicia, teñan opción de practicar na citada dirección xeral da Consellería.

O director ourensán, Jesús Manuel García Díaz, mostrou esta mañá a satisfacción por cumprirse este “continuar aumentando a paisaxe de oportunidades de prácticas para os nosos alumnos, neste caso de Dereito. Reunímonos en Santiago con responsables da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e vimos o convintes que serán esas prácticas no mencionado departamento. Non debemos esquecer que a UNED ten unha presenza importante en Galicia, con máis de 10.000 matriculados. E o seu labor, tamén na nosa comunidade, é de gran importancia”.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia ten interese en colaborar no sistema de formación práctica do alumnado da UNED ao considerar que esta actividade pode resultar de gran interese para completar a formación dos futuros profesionais. Por outra banda, a adecuación dos programas educativos ás necesidades do mundo laboral constitúe unha das preocupacións da UNED, por iso é polo que sexa un dos seus obxectivos complementar a súa formación teórica mediante as prácticas en entidades que lles permitan coñecer a realidade laboral.

Requisitos

Os requisitos para sumarse a estas prácticas, segundo o estipulado no convenio esixen que hai que estar matriculados no grao de Dereito e ter superado o 50% da carga lectiva total do seu plan de estudos. Non se permite manter ningunha relación contractual coa Consellería, agás cando as prácticas para realizar non teñan ningunha relación co contido do contrato laboral en vigor. A duración destas prácticas será como máximo de 750 horas, non excedendo por tanto do 50% do curso académico. Estas prácticas poderán desenvolverse durante o ano académico no que se matricule o estudante e poderán exceder do período ordinario do curso académico co límite ata o 30 de setembro.

As horas de realización de prácticas fixaranse de acordo coas características das mesmas e as dispoñibilidades da Consellería, e deberán ser compatibles coa actividade académica, formativa e de representación e participación a desenvolver polo alumnado da UNED. En canto ao número de prazas, será concretado pola Comisión de Seguemento do convenio.

A realización das prácticas académicas externas estará cuberta polo seguro escolar. Se o estudante non gozase da cobertura do seguro escolar, a UNED farase cargo do seguro de accidentes e responsabilidade civil. A vixencia deste convenio é de catro anos, renovables.

En UNED Ourense asínanse durante o ano polo seu director varios convenios de prácticas con empresas privadas, concellos, asociacións profesionais. A todo iso engádese esta nova oportunidade máis ampla, pois beneficia a toda a UNED presente en Galicia. “Temos que estar a buscar sempre o mellor para os nosos estudantes. E a nosa Universidade adáptase a eles. Os estudantes con discapacidade física teñen por suposto a mesma oportunidade pois a Consellería comprométese a adoptar as medidas de acción positiva necesarias orientadas a establecer procesos de selección non discriminatorios coas persoas con algunha discapacidade. Se se presentase un alumno con algún tipo de discapacidade, a Consellería facilitará as prácticas levando a cabo as adaptacións precisas cos apoios e medios técnicos”, dixo Jesús Manuel García, mostrando a súa satisfacción e a do seu equipo.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es