Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

UNED Ourense, no acto oficial do Día da Subdelegación de Defensa

26 de mayo de 2022

A nosa universidade examina aos militares destinados a miles de quilómetros e enriquece o labor do Instituto Gutiérrez Mellado de investigación e docencia para a procura da paz, a seguridade e a defensa.

OURENSE, 26 de maio. A UNED estivo presente na celebración do Día da Subdelegación de Defensa en Ourense. O seu director, Jesús Manuel García Díaz, participou no solemne acto oficial entregando o premio a Zaira Álvarez Garrido, alumna gañadora do concurso Carta a un Militar Español, cun texto titulado Expedicións militares como fonte de coñecemento. Con ela estaba persoal representante do seu colexio, o Sacro Corazón de Celanova. García Díaz fíxolle entrega do agasallo e diploma E a escolar leu a súa carta desde a tribuna. Xunto á nosa universidade tamén estaba presente a Uvigo, coa súa vicerreitora do Campus de Ourense, Esther de Blas Varela, que entregou un premio ao persoal representante do CEIP Manuel Sueiro de Ourense, gañador na fase rexional polo seu traballo De Base a Base e leo porque me toca.

O acto foi presidido polo delegado de Defensa en Galicia, coronel Antonio Bernal Martín. Xunto a el estaba o subdelegado de Defensa en Ourense, coronel Gustavo Doncel Paredes. Como cada ano, houbo imposición de condecoracións militares e entregouse un ramo de flores ás nais dos catro militares falecidos en misións no estranxeiro. Trátase do cabaleiro lexionario paracaidista Isaac Piñeiro Varela, falecido en xuño de 1993 no río Neretva, en Dreznica (Bosnia), na primeira gran misión na que participaba o Exército español. Tamén a nai do garda civil Jaime Pérez Fortes, recibiu flores. O seu fillo faleceu en novembro de 1999 cando voaba nun avión do programa mundial de alimentos na localidade de Mitrovica (Kósovo). Igualmente recibiu un ramo a nai do cabo primeiro da Armada, Leandro Rois Pérez, que perdeu a vida en xuño de 2002 en Mombasa (Quenia), na Operación Liberdade duradeira contra o terrorismo. Por último, entregouse outro ramo á nai do soldado da BRILAT Diego González Blanco, que morreu o 16 de agosto de 205 en Shindand, Herat (Afganistan). 

O subdegelado de Defensa dirixiuse aos invitados para agradecer os seus seis anos á fronte da devandita subdelegación, destacando que quen lle suceda “non só continuará o que fixemos senón que o mellorará”. Agradeceu o traballo dos seus compañeiros e resaltou que o traballo é colectivo e que chegou onde está grazas a eles. Gustavo Doncel seguirá no seu despacho ata a substitución, que está previsto en decembro. Doncel subliñou tamén o labor que fan as Forzas Armadas , que están involucradas coa ciencia e coa investigación, desde prover material aos científicos en Atapuerca ata participar en misións polares.

De feito a relación de Defensa coa UNED non é nova, pois a nosa universidade examina a militares españois que están de misión a miles de quilómetros de España. E, colabora co Instituto Gutiérrez Mellado, un centro de investigación e docencia especializado en cuestións relacionadas coa procura da paz, a seguridade e a defensa. Naceu no ano 1997, por iniciativa do Ministerio de Defensa, para suplir a carencia no ámbito universitario español deste tipo de estudos, ata entón practicamente desenvoltos soamente en centros de ensino militares. A UNED, considerándoos un instrumento idóneo para estreitar os lazos entre os ámbitos políticos, militar e académico, aceptou o reto e achegou o seu particular sistema de ensino a distancia e de incorporación dos avances tecnolóxicos que caracterizan ao mundo actual. Estes son os seus obxectivos:

Desenvolver a investigación científica

Este é o obxectivo básico do Instituto e perfílase como a súa principal actividade. A investigación sobre temas de paz, de seguridade e de defensa caracterízase pola confluencia das máis diversas disciplinas científicas e sociais (Ciencia Política, Socioloxía, Economía, Historia, Psicoloxía, Xeografía, Dereito, Antropoloxía, Filosofía, Estatística, Demografía, etc.), requirindo para iso a articulación dunha estrutura universitaria que logre a integración de todas as visións parciais dos problemas e que manifeste a múltiple dimensión do fenómeno que os xera.

Fomentar os ensinos de posgrao

O labor investigador proxéctase sobre o ensino universitario de posgrao coas finalidades básicas de difundir o estudo da paz, a seguridade, a defensa e os asuntos militares e de elevar o seu rigor e extensión.

Promover a difusión de obras científicas

A investigación e as reflexións que se xeren en torno ao Instituto requiren a súa difusión escrita no ámbito científico. Esta canalízase tanto a través de publicacións do propio Instituto, como por medio dos servizos de publicacións da Universidade ou do Ministerio de Defensa, co que se fomenta a difusión de obras de interese para ambas as institucións.

Crear un marco de reflexión e de diálogo

O documento A estratexia española de seguridade: unha responsabilidade de todos, aprobado no Consello de Ministros do 24 de xuño de 2011, recolle que “Garantir a seguridade de España e dos seus habitantes e cidadáns é responsabilidade esencial do Goberno. Tamén da sociedade. Da Administración Xeral do Estado –que debe liderar e coordinar–, das Comunidades Autónomas e da Administración Local, así como da cidadanía, organizacións sociais, empresas e medios de comunicación.” Así mesmo, A Estratexia de Seguridade Nacional 2013, que continúa e revisa a aprobada no 2011, considera que a Seguridade Nacional é un servizo público que implica a todas as Administracións Públicas e precisa a colaboración da sociedade no seu conxunto. Na liña indicada, o Instituto Universitario Xeneral Gutiérrez Mellado contribúe ao coñecemento, reflexión, investigación e difusión de materias relacionadas coa seguridade e defensa, asuntos de indubidable transcendencia para traballar pola paz, a liberdade e a propia prosperidade, axudando a salvar a tradicional desvinculación entre a Universidade e as Forzas Armadas, favorecendo o fomento dunha conciencia de defensa e, en máis profundidade, dunha cultura da defensa, obxectivos estes mencionados na “Directiva de Defensa Nacional 2012“. Finalmente, na Estratexia de Seguridade Nacional 2017: Un proxecto compartido de todos e para todos, establécese que “Unha Seguridade Nacional eficaz require tanto a sensibilización social dos cidadáns como a participación dos seus representantes.

Que pode estudarse no IUGM

O Instituto organiza cursos de posgrao (programas de especialización – mestrados oficiais e cursos propios da universidade – e doutoramento) que ofrecen formación específica sobre cuestións de paz, de seguridade e de defensa aos diversos profesionais que requiran un coñecemento específico sobre estas materias.

Doutoramento

Programa de doutoramento en “Seguridade internacional”. Abarca tres grandes liñas de investigación: 

  • Historia militar e das relacións internacionais
  •  Aspectos xurídicos da seguridade e a defensa
  •  Estratexia, seguridade e defensa
Mestrado Universitario de Investigación en paz, seguridade e defensa. É un mestrado oficial de 90 créditos ECTS. A súa finalidade é capacitar aos estudantes para que alcancen os coñecementos teóricos, metodolóxicos, históricos, políticos, sociolóxicos e xurídicos suficientes para ser capaces de desenvolver investigacións e análises en materias de paz, seguridade e defensa que lles permitan tanto contribuír ao desenvolvemento da cultura de paz e defensa como difundir e fomentar as investigacións sobre estes temas dentro da universidade. Fóra dela, posibilitará que as futuras decisións políticas e militares sobre estas cuestións baséense en investigacións e análises desenvolvidos cunha metodoloxía e un rigor de nivel universitario de especialización.

 Máis información

Mestrado Universitario de Investigación en Xestión de Contratos e Programas do Sector Público, con especial aplicación ao ámbito da Defensa. É un mestrado  oficial de 70 créditos ECTS. Ten por finalidade que os estudantes coñezan os sistemas de compras e concesións públicas, os de orzamentación e control orientados á xestión integrada de grandes proxectos, as técnicas de xestión aplicables ao ciclo de vida dos sistemas e programas e que desenvolvan destrezas e habilidades en aspectos relativos á planificación, a análise e o control de proxectos e ofertas, coa finalidade de poder implementar sistemas de control de prezos ou custos.

 Máis información 

Mestrado Universitario en Historia Militar de España.

O obxectivo principal dos ensinos do presente máster é o de proporcionar unha formación avanzada de carácter especializado no ámbito da historia bélica e militar. Por conseguinte, no máster daranse a coñecer e analizaranse as principais características dos conflitos armados e as consecuencias sociais, políticas, económicas e culturais que tiveron no noso país, así como os trazos esenciais dos exércitos desde a súa configuración como entidades permanentes ata o século XXI. 

Máis información

Cursos de Diploma de Especialización e Experto universitario 

Os cursos de Especialización e Experto Universitario teñen como finalidade contribuír ao desenvolvemento do coñecemento sobre cuestións estratéxicas relevantes e promover o estudo e a deliberación sobre a seguridade internacional, en especial sobre asuntos estratéxicos europeos, mediterráneos e iberoamericanos, todo eles co respaldo académico que supón a selección do profesorado e a acreditación universitaria que outorga a obtención dun título propio destas características.

Máis información

Invitados ao acto de Ourense

Asistiron tamén o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso; o delegado provincial da Xunta, Gabriel Alén Castro; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luís Fernández Fernández; o concelleiro de Seguridade do Concello de Ourense, Telmo Ucha Novoa; o vigairo episcopal, Juan Carlos Blazquez Hernández; o comandante da Garda Civil en Ourense, Rafael Berguillo Esquina; o tamén comandante do mesmo corpo, José Benito Fernández; o xefe ACCTA do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Ourense, Javier Barja Álvarez; o xefe en funcións da Policía Local de Ourense, Benjamín González Quintana; o xefe da Policía Autonómica en Ourense. Breogán Ribó Iglesias e o xefe do Parque de Bombeiros, José Ramón Sánchez Feijoo. Tamén estaban convidados o xeneral COMIL Ourense e Pontevedra, Luís Cortés Delgado; o xefe do aeródromo de Santiago, Pedro Miguel Díaz González; o xefe de batallón de intervención en emerxencias da UME ( BIEM V), tenente coronel José Alberto Barja Navarro; o capitán Jacobo Pardo Sarriá, xefe de batallón de zapadores VI da Brigada Paracaidista e o tenente Francisco Gallo Fernández, delegado provincial do ISFAS en Ourense.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es