OURENSE, 26 de septiembre de 2024. UNED Ourense continúa renovando a súa imaxe corporativa nas súas instalacións. Se a primeira fase consistiu en cambiar o cartelón grande no acceso ao aparcamento e outro no oco entre as portas do centro, agora segue o salón de actos. Esta mellora redunda na imaxe uniforme que debe dar a Universidade.
Para mellorar este salón realizouse, en sintonía coa Dirección de Comunicación da UNED, un estudo de deseño dun panel xigante que se lle colocou, “e este é o resultado, unha fronte con trama UNED nun ton que vai degradándose do branco ao verde corporativo. E na mesa puxemos a mesma trama, co noso logo”, explica o director, Jesús Manuel García Díaz. As obras de mellora neste espazo continuarán nos próximos meses en pequenos detalles que redundarán nun mellor ambiente nesta dependencia do centro asociado”, sinalou o director. Ademais, entre a mesa e o panel da parede, deixouse un espazo suficientemente cómodo para que os participantes nos diversos actos poidan facerse fotografías.
Na parede contraria, que forma un rectángulo de 15 metros de longo e que se atopaba completamente baleira, instaláronse doce cadros do pintor Manuel Penín, titulados Serie, formada por cadros de 40x27 centímetros. Trátase de técnica mixta sobre táboa. Isto foi posible grazas a un convenio de comodato, rubricado entre o presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luis Menor, e o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García. Este solicitou á institución provincial algunha obra artística da súa colección para decorar o salón de actos. Os doce cadros foron prestados en depósito ao Centro Asociado, que os custodiará neste espazo para ennoblecerlo. O préstamo ten unha duración de catro anos.
“Nesta Dirección temos moi claro que, aos poucos, o centro ten que ir adaptándose á imaxe corporativa da UNED, de modo que estar neste salón en Ourense, dea a mesma imaxe que se estás no salón doutro dos 60 centros asociados restantes da UNED. É bo lembrar que UNED Ourense é un tentáculo da UNED na nosa provincia, grazas sempre ao apoio económico que lle dá o Consorcio para que esta Universidade poida ofrecer os seus graos aos ourensáns, a máis diso outras moitas actividades de extensión que organiza. Entre todos facemos UNED desde fai algo máis de tres décadas. Grazas á Deputación, grazas ao Concello de Ourense, grazas á UNED, grazas á Xunta e grazas ao Concello da Rúa”, dixo Jesús Manuel García.
Esta renovación de imaxe no salón de actos de UNED Ourense axeitase á política de comunicación, coherente e homoxénea en cuestións estéticas, que rexe en toda a UNED grazas ao seu Manual de Identidade Corporativa, documento valioso. "Trátase de efectuar unha mellor comunicación do noso centro asociado, e por extensión, de toda a universidade, que reforza o valor de márca UNED. Convén salientar que a marca UNED non é só o logotipo do cadrado verde e branco, como vemos ao final desta información, liñas abaixo. A Marca UNED é un conxunto de valores engadidos da nosa institución académica, como son a dobre metodoloxía, única na universidade española, a calidade do ensino, a investigación, xa que na UNED investígase moito e investígase extraordinariamente ben, -para iso non hai máis que acceder ao Portal de Investigador-; e o valor dunha universidade innovadora. Todos estes e outros valores son os que integran a Marca UNED, unha gran universidade cun modelo moi competitivo", explica o seu director en Ourense.
O director ourensán sinalou que nunha organización "hai que distinguir entre identidade e imaxe institucional. Tanto a identidade institucional como a imaxe institucional son dous modos de conciencia acerca da institución. A primeira consiste nun corpo semántico vinculado a toda clase de significantes e que circula por todas as canles de comunicación propios da institución, no noso caso a UNED, dito noutras palabras, trátase da autorrepresentación da UNED mentres que a imaxe institucional son as formas de representación da institución levadas a cabo polos receptores das súas mensaxes identificadoras".
A reforma do salón afectou igualmente á disposición das cadeiras, que agora presentan un corredor central evitando as filas longas e incómodas para pasar a tomar asento. O seguinte paso consistirá na reforma lumínica do salón, que se abordará ao longo do novo curso. Desde este salón é posible comunicar actos ao exterior grazas ás conexións de que está dotado e grazas, tamén, á pantalla móbil e xigante de última xeración que alí se situou, sen esquecer un proxector fixo no teito, que foi reorientado para que poida utilizarse proxectando cara ao extremo esquerdo da fronte do salón, onde o panel corporativo vólvese branco.
"Queremos que co tempo, este espazo sirva, non só a actividades propias de UNED Ourense senón para outras, de estrito carácter cultural e educativo, desde presentación de libros a recitais poéticos, conferencias, e todo iso de luns a venres en horario de 08:00 a 14:00h, e de 15:00 a 21:00horas, momento do peche das instalacións", sinalou o director.
Para acudir a actos neste salón, é sinxelo facelo en coche particular, pois hai aparcamento diante do centro asociado. Tres liñas de autobús urbano teñen parada diante das Torres do Pino. Para acudir en bus á UNED pódese facer nos que van a Santa Cruz, os que se dirixen a Quintela e os que circulan cara o Parque Quintela. E, por suposto, pódese tamén acudir dando un paseo tamén.
UNED Ourense
Comunicación