OURENSE, 16 de maio de 2022. Este martes 17 de maio, Día das Letras Galegas, as instalacións de UNED Ourense estarán pechadas durante toda a xornada festiva. Como sabedes, este 17 de maio está dedicado a Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 27 de agosto de 1903 - Fair Oaks. Estados Unidos, 14 de maio de 1987). Entre a súa obra poética salientamos aquí este poema:
Louvanzas dos nomes enxebres
Volten, de Valdeorras, os nomes xenuinos:
Non máis “Correjanes” nin “vega Molinos”;
sí Veiga Muiños e máis Correxais,
pois xa os “castrapismos” están por demáis.
Arriba Penouta e abaixo “Penota”
que é nome en “castrapo” e rima con “jota”;
afora “Jagoaza”, nome cacofónico,
adiante Xaguaza, enxebre i eufónico.
Non trocar por feles os galaicos meles,
pronunciando “El Barco”, “La Puebla” e “Bajeles”
e “Vega de Cabo”, “Villoria”, “Otarielo”
e “Puerto Morisco” e “Repuricielo”
e ata, Deus me salve, nomeando a Fiais
en “supercastrapo”,decíndolle “Hilais”.
Hai xentes capaces (é cousa de rir)
de, ao povo de Córgomo, “Kuérgamo” decir;
hai xentes capaces (cousa é pra chorar)
de, ás mesmas Gralleiras, “Grajeras” chamar
e, de Rodeleira, facer “Ruedelera”
(¿Víchedes vosoutros cousa máis pavera?).
¡Qué Deus lles perdóe a feble cultura
aos que esmendrellaron a nomenclatura,
traducindo os belos nomes de Valdeorras
ao feio “castrapo”, da linguaxe as borras,
xerigonza, xiria, xermanía impura
que é , do castelán, a caricatura!
Xentes valdeorresas, voltade a eufonía
dos nomes antergos, baril fidalguía.
¡Que na nosa fala, de fina enxebreza,
de lene dozura, de egrexia nobreza,
do noso Valdeorras, benquerido lar,
os povos e vilas volvamos nomear!
Guadalajara, Nova Galiza, Nadal do 1978. De O Soño....
UNED Ourense
Comunicación