Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Un libro sobre delincuencia e marxinalidade feminina de posguerra

18 de marzo de 2022

O profesor titor de UNED Ourense Domingo Teijeiro analiza nunha monografía o panorama xeral de delincuencia común feminina e a violencia sobre as mulleres nos anos 40, tomando como exemplo a provincia ourensá e, por extensión, Galicia. Considera que non sería desacertado soster que en Ourense predominaron os delitos de lesións naquel ambiente de posguerra.

OURENSE, 18 de marzo de 2022. O doutor Domingo Rodríguez Teijeiro, profesor titular da Uvigo e profesor titor en UNED Ourense, publicou un novo libro de investigación que se titula Muller, delincuencia, marxinalidade. Cárcere, xustiza ordinaria e violencia de xénero Ourense 1940-1950, editado por Catarata. A intención con este traballo é, di o propio autor, “mostrar un panorama xeral da delincuencia común feminina e a violencia sobre a muller nos anos corenta tomando como exemplo a provincia de Ourense e, por extensión, Galicia”.

Sinala Rodríguez Teijeiro que a represión política sobre a muller durante a posguerra conta cun importante número de traballos, que practicamente analizan todos os seus matices, “nembargantes, a delincuencia común feminina e a actuación da xustiza ordinaria respecto da muller aínda está moi lonxe de acadar un nivel semellante”. A pesares da coincidencia en sinalar que é precisamente mediante a xustiza ordinaria que se acomete a tarefa de normalizar o país exercendo unha férrea fiscalización da vida cotiá, “non son moitos os traballos que se achegan ao estudo da delincuencia común e ao funcionamento das instancias básicas da xustiza. O uso das fontes xudiciais –as sentenzas– aplicouse en estudos máis amplos, que tratan de toda a delincuencia nun marco xeográfico concreto ou pretenden achegarse a través dela ás condicións de vida na posguerra”, sinala o autor do libro.

As enormes dificultades materiais que debe encarar a maioría da poboación na inmediata posguerra considéranse como a causa esencial que explica o notable incremento da delincuencia ordinaria, o que levou a que se preste atención, case exclusivamente, aos “delitos contra a propiedade” que, aínda sendo apolíticos, sinala Rodríguez Teijeiro, en ocasións interprétanse como un rexeitamento da orde existente, como auténticas “formas de resistencia”. Neste sentido, as fontes xudiciais empregáronse para coñecer ás condicións de vida ou, máis ben, as necesidades, que moitas veces só podían satisfacerse recorrendo á delincuencia para sobrevivir.

Este traballo pretende mostrar un panorama xeral da “delincuencia común” feminina e a violencia sobre a muller nos anos corenta tomando como exemplo a provincia de Ourense e, por extensión, Galicia, aínda que para contextualizalo, estúdanse tamén realidades de fóra de Galicia ou con carácter xeral e a nivel nacional. Dos espazos o autor pasa a estudar as mulleres, tamén nun proceso descendente –desde o nacional ao provincial– analizamos a evolución das cifras de presas, por todos os conceptos, ao longo dos anos corenta. “A provincia de Ourense permítenos unha vez máis afondar e coñecer diversos aspectos relacionados coas súas características persoais, as distintas tipoloxías de presas (en función da xurisdición ou autoridades que ordenan o seu encarceramento), etc.; tamén, é o espazo adecuado para estudar a dinámica dos distintos centros de reclusión, desde coñecer en detalle o “proceso de encarceramento” –é dicir, o camiño que percorre unha reclusa desde o seu primeiro contacto co mundo penal– ata o papel que desenvolve  a distinta tipoloxía de prisións a nivel provincial en relación con determinados grupos de reclusas”.

As presas por delitos comúns ocupan o centro deste traballo; en relación con elas abórdanse con detalle distintas cuestións: a súa evolución numérica a nivel provincial ao longo da década, as súas características persoais, a tipoloxía delituosa que as leva a prisión, o tempo pasado intramuros ou o número de ingresos. O cárcere –ou a simple ameaza do ingreso en prisión–, será o mecanismo utilizado polo novo réxime durante a posguerra para a normalización de país, a fiscalización da vida cotiá e o control de calquera tipo de desviación social que non presente matices políticos. “Serán moitas máis as mulleres que ingresen en prisión na provincia de Ourense por supostos delitos comúns ou faltas de carácter administrativo que as que, finalmente, son xulgadas na Audiencia”, indica o profesor.

Audiencia Provincial: delitos e sentencias 

Domingo Rodríguez comeza cun apartado puramente estatístico, no que dá conta da evolución seguida polas sentenzas e os delitos xulgados, presta atención ás porcentaxes de condenas e absolucións ou o tipo de penas impostas, traza un perfil pormenorizado do que se pode considerar o “procesado tipo” (datos persoais, orixe xeográfica, estado civil, etc.) e finaliza prestando atención ao número de xuízos aos que é sometida cada muller (a inmensa maioría só acudirá a un) e a diferente penalidade imposta en función diso.

Para o estudo da tipoloxía delituosa, o autor do libro segue a estrutura que marca o Código Penal, que agrupa os delitos dentro de distintos títulos. “Cremos que esta é a única forma de poder establecer comparacións con outras provincias ou ámbitos xeográficos. Aínda que analizamos toda a tipoloxía delituosa, prestamos unha atención especial aos dous títulos máis representados: contra a propiedade e contra as persoas. A pesares de que o primeiro é o que mostra unhas cifras máis elevadas (especialmente nos furtos), algo que parece coincidir co que ocorre noutras zonas do territorio nacional, non sería desacertado sinalar que o segundo (especialmente os delitos de lesións) é o máis característico da provincia de Ourense”, indica o investigador.

É moi interesante coñecer a actuación do tribunal máis aló da porcentaxe de sentenzas condenatorias e absolutorias. Parece xeneralizarse a idea de que os tribunais de xustiza na posguerra actuaban de maneira case mecánica na aplicación da lexislación vixente, que os e as procesadas estaban nunha situación de indefensión case absoluta, ao coincidir a defensa coas apreciacións do fiscal e ao existir case unha unidade de propósito e acción entre tribunal e fiscal. “O tribunal ourensán non parece responder a esta dinámica. As sentenzas serán distintas da petición de pena feita polo fiscal nunha ampla porcentaxe; a defensa tratará de salvagardar, na medida do posible os intereses da procesada e, mesmo, nos casos en que coincide co fiscal faino a propósito de que a pena imposta significará a saída en liberdade da súa defendida; o propio tribunal fará un amplo uso da ‘remisión condicional’, a suspensión da execución da pena naqueles casos en que está fóra de prisión e inferior a dous anos. Mesmo ao interpretar os feitos, será frecuente a aplicación da máxima in dubio pro reo”. 

Violencia de xénero

Multiplicáronse os estudos sobre a violencia contra as mulleres desde diferentes ámbitos científicos: socioloxía, psicoloxía, dereito, etc.⁠. Moitos destes traballos adoptan unha perspectiva histórica ou, polo menos, inclúen referencias históricas para enmarcar a súa análise da situación actual; con todo, desde a propia historiografía, é un tema aínda por estudar. “Non son moitas as investigacións que podemos citar nas que se preste atención a esta forma de violencia. Hai algúns traballos centrados na Idade Media ou Moderna, no século XIX e no primeiro terzo do século XX⁠. Maior percorrido tivo, e ten, a historia das mulleres, no que aquí nos interesa, son xa moi abundantes os traballos que tratan da situación da muller durante o franquismo, xa sexa sobre o seu papel na sociedade ou ben como suxeito de violencia política”.

Non pretende Domingo Rodríguez Teijeiro afonda no estudo da violencia de xénero na posguerra. “Trátase máis ben dun primeiro achegamento, no que o que nos interesa é, sobre todo, explorar as posibilidades dunha das poucas fontes que nos permite coñecer esta forma de violencia. Como se sinalou, a lexislación non contempla delitos de violencia de xénero, aínda que entre as agravantes que sinalan os dous códigos penais que estiveron en vigor durante aqueles anos, está a de ‘executar o feito con ofensa ou desprezo do respecto que pola dignidade, idade ou sexo merecer o ofendido’ e veremos como o tribunal ourensán tena en conta en máis dunha ocasión. Como no caso da delincuencia común, tamén neste apartado analizamos as sentenzas seguindo aqueles títulos do Código penal que nos poidan achegar información sobre estas formas de violencia. Nalgúns casos, como os delitos carácter sexual ( estupro, rapto, abusos deshonestos, violación) e o abandono de familia, aparecen recolleitos como tales na lexislación e o suxeito pasivo dos mesmos é a muller”. Outras formas de violencia de xénero di o autor deste libro que hai que buscalas entre delitos xenéricos como as lesións, o parricidio, os homicidios e asasinatos. Neste segundo caso, di, “a información é indirecta e non sempre atoparemos á muller como vítima, en ocasións é ela a procesada por defenderse dun acoso ou agresión, noutras é unha terceira persoa, xeralmente outro home, ao que se xulga –ou é a vítima– como consecuencia da súa intervención cara a agresión sufrida por unha muller”.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es