Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Temos que aprender a non deixarnos levar pola corrente, a ser orixinais"     

5 de diciembre de 2023

O director de UNED Ourense ofreceu un relatorio aos estudantes de Bachalerato e profesores do Colexio Miraflores sobre a manipulación da información. Advertiu da necesidade de estar preparados, con boa formación, para buscar a verdade nunha sociedade invadida polas novas falsas e a mediocridade.

OURENSE, 5 de decembro de 2023. O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, ofreceu esta mañá unha conferencia no Colexio Miraflores, para os estudantes de Bacharelato na súa clase de Filosofía, e para profesores do centro. Foi convidado pola Dirección do colexio a través do Departamento de Filosofía. O relatorio versou sobre a manipulación informativa da sociedade e os intereses do poder, tanto político como empresarial para controlar que deben coñecer os cidadáns dunha democracia calquera. García Díaz baseou a súa intervención na visión que dos medios de comunicación ofrece Noam Chomsky e insistiu en que desde que o famoso intelectual formulou a súa teoría sobre o comportamento dos medios nalgúns países ata "agora mesmo, podedes comprobar como non está desfasada absolutamente en nada".

O doutor García Díaz puxo exemplos correspondentes aos filtros dos que fala Chomsky á vez que advertiu aos estudantes que teñan os ollos ben abertos, é dicir, "que non se deixen manipular por ninguén, pero para iso precísase ter un bo pensamento crítico, e este non é máis que un procedemento para analizar, entender ou valorar o xeito no que se organizan os coñecementos que pretenden interpretar e representar o mundo, concretamente opinións ou afirmacións que na nosa vida cotiá adoitan aceptarse como verdadeiras. Do que se trata é de chegar á posición máis razoable e xustificada acerca dun tema". García Díaz díxolles que hai que ser "curiosos, de mente aberta, facerse preguntas, informarse, ler moito, observar e coa información que imos conseguindo, construír un punto de vista e comparalo con diversas fontes. Unha vez que interpretamos esa información, poderemos xerar a nosa propia opinión, mostrarémola e por último avaliaremos os aspectos positivos e negativos do noso punto de vista, como expón Elvira Garduño".

Estes mozos están a piques de acceder á Universidade "e debedes seguir formándovos para ter recursos con fundamento e evitar ser cataventos que mova o vento da opinión. Temos que aprender a non deixarnos levar pola corrente, a ser orixinais e estar ben seguros de nós con todas as ferramentas que adquiramos para saber discernir cara tantas falsidades disfrazadas de verdade coas que nos atopamos en cada momento cando nos asomamos ao mundo exterior da nosa casa. Pensemos, entre outras, nas redes sociais".

Díxolles tamén que as novas falsas soamente buscan impacto, nunca a verdade. "Tedes que saber que as noticias falsas fabrícanse deste xeito: en primeiro lugar, converten todos os temas en viscerais, é dicir, transmítese unha experiencia apaixonada ao receptor de modo que se orixina unha conexión emocional e así se provoca unha resposta intensa. A emoción gaña á razón. En segundo lugar, válense da polarización presentando opinións que salienten ideas ou puntos de vista extremos e non teñan en conta as posturas intermedias ou máis ecuánimes. Así xérase unha separación entre nós e eles. Outro ingrediente das noticias falsas é o agochamento dos feitos. Mantense oculta información verdadeira sobre un determinado tema e así se manipula funcionalmente a información para controlar a narrativa e influír na percepción das persoas. Outro ingrediente é a invención de problemas. Créanse novas falsas que se difunden para xerar confusión ou para promover unha certa axenda. E logo danse as solucións. Por último, o illamento en cámaras de eco, é dicir, créanse sistemas pechados nos que todos os seus integrantes opinan da mesma maneira, ampliando a mensaxe e excluíndo a quen pensa diferente". 

Precisou o relator que esas cámaras de eco, onde os usuarios só consomen o que confirma as súas opinións, "conducen ás novas falsas, e a proliferación destas, pensemos en procesos electorais, pode influenciar, pode moldear a opinión pública, o que supón un golpe grave para a calidade da democracia".

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es