Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Reunión institucional na Subdelegación do Gobierno

12 de julio de 2024

O subdelegado, Eladio Santos, e o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García, tiveron un primeiro encontro oficial na sede do Parque de San Lázaro para explorar posibilidades de colaboración.

OURENSE, 12 de xullo de 2024. O Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos Martínez, recibiu ao Director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, na sede do Parque de San Lázaro. Esta reunión débese ao primeiro contacto oficial entre ambas as duas institucións tras o recente nomeamento de Santos Martínez como representante institucional do Goberno na provincia. Nun ambiente cordial, ambos intercambiaron impresións. 

García Díaz expúxolle a estrutura e funcionamento da UNED como a universidade pública máis grande de España e co campus maior de Europa. Igualmente manifestoulle que esta é, despois da de Santiago de Compostela, a segunda universidade máis antiga en Galicia, coa súa presenza desde 1972 e actualmente cubrindo todo o territorio galego con catro centros universitarios en todas as súas provincias, prestando servizo a uns 10.000 estudantes.

Falaron de posibilidades de colaboración, e de intensificar algunhas delas, sirvan como exemplo as iniciativas que UNED Ourense leva a cabo con axentes das Forzas de Seguridade en varias accións formativas. O subdelegado mostrou ao director a dispoñibilidade pola súa banda para colaborar no que fose necesario e expresoulle o seu desexo de coñecer as instalacións da UNED na nosa cidade. 

Tanto Eladio Santos como Jesús Manuel García son naturais de Valdeorras, o primeiro, do Barco, o segundo, de Petín. Xa se coñecían precisamente cando o agora subdelegado exercía a docencia no IES Lauro Olmo da vila barquense e o director da UNED acudía, como cada ano, a falar da nosa universidade aos estudantes de Bacharelato dese centro educativo. 

García Díaz lembroulle a Santos Martínez o detalle do nacemento, do que hoxe é a UNED ourensá, en terras valdeorresas, con aquela extensión que, dependendo orixinalmente de UNED Ponferrada a finais da década dos 80, pasou a formar parte da estrutura provincial da UNED ao crearse, hai xa 32 anos, a sede desta universidade na cidade de As Burgas. Polas súas instalacións pasaron e formáronse milleiros de ourensáns, a moitos deles cambioulles a vida ao poder acceder aos estudos superiores que, doutro xeito, non alcanzarían. García Díaz expúxolle que a UNED actual é unha universidade do século XXI, cun plan estratéxico que a leva pola vía da constante mellora tecnolóxica ou coa internacionalización, entre outras, unha universidade esixente e prestixiosa. 

Eladio Santos agradeceu e recoñeceu o importante traballo que leva a cabo a UNED entre os ourensáns, estendéndose na nosa sociedade en distintos eidos. O director lembroulle que todo o labor que realiza a UNED en Ourense é posible grazas "ao celo que poñen as institucións que integran o Consorcio, conscientes do labor que desenvolve esta universidade".

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es