Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Récord de matrículas en UNED Sénior Ourense

17 de septiembre de 2024

O curso académico 2024-2025 para os maiores de 55 anos comenzará con 115 persoas inscritas, que representan 230 matrículas. É a cifra máis alta nos anos que se leva prestando este servizo formativo na cidade das Burgas.

OURENSE, 17 de setembro de 2024. UNED Sénior de Ourense bate este ano o seu récord de persoas interesadas ao alcanzar as 115. É a cifra máis alta nos dez anos que leva prestando servizo na cidade. Nesta ocasión, para o curso 2024-2025 as prazas esgotáronse con celeridade. Esas persoas que apostaron por facer os cursos de UNED Sénior en Ourense deron lugar a 230 matrículas en diversas materias. A modo de anécdota, as materias relacionadas coa arte cubríronse nunha hora. Por tanto, repunta o interese por pertencer a esta sección de estudantes veteranos que oferta UNED Ourense. Está deseñada para cidadáns maiores de 55 anos, que cursan unhas materias que eles elixen por votación dunha oferta que lles fai a Universidade. Non son ensinos regrados, isto é, non hai exames non título oficial. 

Cada participante goza aprendendo conceptos daquelas materias que son do seu interese. UNED Senior Ourense favorece o contacto entre as persoas xubiladas ou a piques de selo, establecendo entre elas lazos de amizade, compañeirismo, e desenvolver inquedanzas para estaren activos e seguir gozando daquilo que nos seus anos laborais non puideron dedicarlle tempo. Non hai límite de idade nesta sección. 

Os estudantes teñen ao longo do curso diversas saídas culturais ben sexa para ver patrimonio histórico ou para accións relacionadas coa natureza e o medio ambiente.

"Esta cifra de matrículas reflicte a seriedade e o nivel das materias que se imparten grazas ao bo facer do plantel de profesores titores con que conta UNED Sénior Ourense", sinala o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García. "E xunto a eses docentes, hai que salientar igualmente o bo traballo desenvolvido polo persoal do Centro Asociado ourensán e a coordinación, que leva a cabo con verdadeiro esmero a profesora María Concepción Álvarez López," engade o director.

UNED Sénior é un programa formativo dirixido a esas persoas maiores de 55 anos que buscan completar a súa experiencia profesional e coñecementos previos, sexan cales sexan, cunha formación que lles permita actualizarse e adquirir unha maior comprensión e participación na sociedade actual. 

Apoiándonos na nosa rede de Centros tanto en España como no exterior, a UNED pon á súa disposición unha formación actual e dinámica, orientada a temáticas de claro interese social e impacto local, tales como a tecnoloxía ou a informática aplicada, os idiomas, o benestar mental ou físico, o patrimonio ou a cultura autóctona nas súas máis diversas manifestacións. Os nosos máis de 300 cursos impártense por expertos, cunha metodoloxía didáctica, flexible, participativa e práctica, adaptada a persoas como os nosos estudantes senior. É un programa de carácter esencialmente presencial. Para quen estea pensando nunha universidade próxima, de calidade, que dá resposta ás súas necesidades e intereses como parte dun grupo social cada vez máis numeroso e activo, o aconsellable é enrolarse neste experiencia de crecemento persoal na que cada ano participan en toda España ao redor de 8.000 estudantes sénior que pensan que nunca é tarde para aprender.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es