Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Novos estudantes coñeceron hoxe o Centro Asociado á UNED en Ourense dentro da xornada de Portas Abertas

9 de octubre de 2019

Recibiron información de como estudar nesta Universidade na que se valora moito a forte autodisciplina dos alumnos

OURENSE, 9 de outubro de 2019.- No centro Asociado á UNED en Ourense celebrouse hoxe a primeira de dúas xornadas de Portas Abertas e acollida para os novos estudantes desta Universidade. Ao mediodía tivo lugar un acto no salón do Centro no que o director, Jesús Manuel García, deu a benvida aos novos alumnos. Explicoulles a historia da UNED/UNED en Ourense e a súa estrutura. “Coñecer a UNED non é fácil debido á súa estrutura complexa, debido tamén a que hai numerosas persoas implicadas, variedade de recursos e tal cantidade de ferramentas dispoñibles que fan desta Universidade unha das opcións máis importantes para calquera persoa”, sinalou García. A estrutura desta gran Universidade está formada por dous grandes bloques: a sede central, localizada en Madrid, co Reitorado, as facultades e escolas técnicas superiores, e doutra banda, os 61 centros asociados repartidos por todo o territorio español máis os situados en varios países e centros penais.

Tamén coñeceron os espazos virtuais do estudante na UNED porque se hai algo que marca ben o carácter desta Universidade é a súa metodoloxía a distancia. E aínda que no presente século isto xa non é unha exclusiva da UNED, si se pode considerar a esta institución académica como unha das que máis experiencia e recursos virtuais ten ao dispor dos seus estudantes.

O coordinador do Centro de Orientación, Información e Emprego (COIE), Jesús Carballo, explicou o labor do devandito centro e mostrou claves para facer máis fácil o estudo na UNED dos novos matriculados. Carballo insistiu en que dos estudantes da UNED "valorase moito a automotivación forte, a disciplina forte que ten o alumno e niso fíxanse as empresas".Tras este breve acto, houbo un percorrido guiado polas instalacións do Centro Asociado para coñecer os locais que a partir de agora serán familiares aos estudantes.

As xornadas de portas abertas volverán este xoves, día 10, ás 12.00, para cuantos novos alumnos queiran achegarse a coñecer a UNED. O período de matrícula segue aberto ata o día 23 de outubro.

 

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es