Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

UNED Ourense e UNED Zamora, unidas en xestionar proxectos de desenvolvemento para as dúas provincias

19 de julio de 2024

Os directores dos dous centros universitarios ratificaron o seu  compromiso de continuar organizando accións culturais, formativas e atractivas centradas nos recursos dos seus territorios para mostralas ao mundo, aproveitando a sinerxia da UNED coa súa plataforma tecnolóxica.

OURENSE, 19 de xullo de 2024. UNED Ourense e UNED Zamora volven colaborar xuntas en proxectos de interese para ambas as dúas provincias. Os seus respectivos directores, Jesús Manuel García Díaz e Antonio Rodríguez González, mantiveron unha reunión de traballo na vila de Verín, que segue á celebrada hai un ano na próxima comarca de Sanabria. Neste xantar oficial fíxose balance da primeira experiencia desenvolvida conxuntamente por estes centros universitarios, como foi o ciclo de conferencias sobre a Vía da Prata ao seu paso polos seus territorios. Máis de 400 persoas en toda España e en cinco países seguiron eses relatorios, de modo que os dous directores coinciden en salientar a importante plataforma que é a UNED para dar a coñecer as excelencias destes dous territorios, máis aló das súas fronteiras provinciais. "O importante dese ciclo de conferencias é que o demos a coñecer a moitas persoas que viven lonxe, noutras provincias e países" sinala Rodríguez González. Neste encontro decidiuse que haberá unha segunda edición de conferencias sobre ese roteiro de peregrinación, ao que se lle dará algún outro matiz para diferencialo da primeira edición, situando, por exemplo, os relatorios noutras localidades deste Camiño. 

Precisamente esta iniciativa da UNED, a través dos seus centros en Ourense e en Zamora, animou ás dúas deputacións provinciais a sacar adiante iniciativas a partir deste aliciente da nosa universidade. Por parte ourensá o seu presidente, Luis Menor Pérez, anunciaba en Benavente, o pasado abril, a posta en marcha dun autobús que levara e trouxese a peregrinos nas etapas pola nosa provincia, o que se converteu nunha realidade. Pola súa banda, o presidente da Deputación de Zamora, Javier Faúndez Domínguez, sinalou que a provincia zamorana ten 500 kilómetros de vías xacobeas e que activaron o proxecto Zamora 360, unha web na que se inclúen eses camiños. Aposta o presidente da corporación provincial de Zamora porque "nos impliquemos todos reforzando este traballo que estamos facendo".

"En Ourense e en Zamora, dúas provincias de interior con perda de poboación, temos a oportunidade de pensar, estudar e deseñar iniciativas serias, rigorosas e atractivas sobre diferentes asuntos que nos interesan aos cidadáns de ambos os lados do límite provincial. En carteira temos este ciclo xacobeo, previsto para a primavera do 2025. Pero, ademais, estamos a traballar noutras propostas tan interesantes como realmente bonitas, que se irán coñecendo segundo váianse pechando", dixo García Díaz. 

Os dous centros universitarios aproveitan a sinerxia dunha universidade tan grande como é a UNED, que permite espallar actividades culturais a todas as latitudes grazas á súa potente tecnoloxía. "Esta é unha vantaxe de valor incalculable, da que se benefician os cursos de extensión e propios que organizamos en Ourense ao longo do curso académico", sinalou García Díaz.

O encontro en Verín selouse co firme compromiso de ambos os directores de traballar xuntos en iniciativas que beneficien á sociedade dos seus territorios, convencidos de que merece a pena facelo nestes dous espazos xeográficos tan ricos en moitos aspectos. Os directores de ambos centros universitarios coincidiron en salientar que este tipo de actividades cun público tan espallado xeográficamente, serían inviables de non contar cunha plataforma tecnolóxica tan potente e eficiente como a da UNED. 

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es