Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Óptica recreativa do cole á casa

8 de mayo de 2023

A UNED trae a Ourense o Kit de Fresnel, experimentos con luz para aprender e sorprender aos estudantes de catro colexios de Ourense os días 10 e 11 de maio.

OURENSE, 8 de maio de 2023. Os próximos días 10 e 11 de maio, a UNED desenvolverá obradoiros de óptica recreativa nos centros escolares Guillelme Brown, IES 12 de Outubro, Miraflores e Virxe de Covadonga. É unha proposta científica realizada por profesores doutores da Facultade de Ciencias da UNED cuxo equipo intégrano Óscar Gálvez González, Mª del Mar Montoya Lirola, Manuel Pancorbo Castro, Juan Pedro Sánchez Fernández, Mikel Sanz Monasterio, Javier Tajuelo Rodríguez e Amalia Williart Torres. A caixa de experimentos con luz Kit de Fresnel xorde do proxecto Óptica recreativa, do cole á casa, realizado por profesores do Departamento de Física Interdisciplinar da Facultade de Ciencias da UNED, en colaboración coa asociación ColArte en Madrid e a Axéncia Grupo Escuadra Comunicación, e financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), Ref.: FCT-21-17443, e por UNED50.

O citado proxecto ten como obxectivo fomentar o interese pola Ciencia entre nenos e novos, especialmente no campo da Óptica, a parte da Física que estuda as leis e os fenómenos da luz e as súas aplicacións. Para iso proponse un conxunto de experimentos cos que se pretende espertar a súa curiosidade e facilitar a súa comprensión das leis naturais que subxacen detrás de cada experiencia. Propóñense dous bloques de experimentos, con dous niveis de profundización diferentes. Levouse a cabo unha selección dos máis básicos, que son os que se recollen e describen no Manual de iniciación. Para estes, non se requiren coñecementos nin habilidades especiais, polo que serven de introdución á temática tratada e son recomendados para todas as idades ás que se dirixe este proxecto. O resto de experimentos, dun nivel de dificultade lixeiramente superior, recóllese no Manual avanzado. Para este segundo grupo requírese completar a realización dos anteriores e adquirir xa un certo grao de coñecemento na materia. En xeral, esta segunda selección está recomendada para os escolares de maior idade dentro do perfil xeral. Ambos os manuais proporcionan a nenos e adultos instrucións precisas de como realizar cada un dos experimentos. 

No Manual Avanzado ofrécense tamén as explicacións científicas oportunas de cada un dos fenómenos observados, así como ideas e suxerencias sobre outras posibles experiencias. O kit contén todos os elementos ópticos necesarios para a realización de todos os experimentos, aínda que para algúns deles tamén hai que facer uso de utensilios domésticos que se poden atopar en calquera casa.

No deseño do Kit de Fresnel tivéronse en conta os aspectos relativos á seguridade, aínda que se recomenda ter especial coidado na manipulación dalgúns obxectos, como os láseres, polo que se precisa a supervisión dun adulto que lese as normas e advertencias de seguridade descritas nos manuais. O Kit de Fresnel é axeitado para nenos de 6 anos en diante, pero a idade recomendada está entre 8 e 12 anos. En caso de escolares de Infantil ou primeiros cursos de Primaria, aínda que non sexan capaces de reconstruír por si sós a totalidade dos experimentos, a simple observación do que sucede pode ser moi rechamante e interesante e espertar neles a curiosidade. 

O proxecto inclúe a visita aos catro centros educativos ourensáns para que os seus estudantes poidan ver cada unha das probas que está previsto levar a cabo na mañá do próximo mércores e xoves, 10 e 11 de maio respectivamente, algúns dos experimentos aquí mencionados, así como outros máis elaborados relacionados coa luz.

A Dirección de UNED Ourense continúa promovendo a divulgación científica entre os escolares con propostas serias e avaladas cientificamente pola Universidade. "Ver aos escolares participar nos experimentos non ten prezo. As caras de sorpresa que vimos nas convocatorias anteriores dos tres últimos anos, cos obradoiros de Electromagnetismo, os de Bioloxía con ADN e Isto Chéirame a Ciencia. Esperamos que os experimentos resulten amenos e de gran interese", sinalou o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz.

O mércores, día 10, a primeira parada será no IES 12 de Outubro, ás 09:30 horas, e pola tarde no Colexio Guillelme Brown, ás 16:00 horas.

O xoves, día 11, haberá experimentos no Colexio Miraflores de Pereiro e despois no CEIP Virxe de Covadonga

Estes obradoiros científicos realízanse co apoio do Vicerreitorado de Investigación, Transferencia do Coñecemento e Divulgación Científica da UNED e serán desenvolvidos polos profesores Manuel Pancorbo Castro e Juan Pedro Sánchez Fernández.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es