OURENSE, 18 de decembro de 2019.- Unha tarde completa foi a do pasado venres, 13 de decembro, nas primeiras Xornadas de Historia e Literatura da vila de Monterrei, organizadas pola UNED de Ourense co apoio do Concello de Monterrei e o de Cualedro. Ben é certo que facer historia non é o mesmo que escrebela. Os condicionantes sociais, personais e os acontecementos paralelos, fan que a realidade sexa contemplada cunha perspectiva distinta segundo sexan os espectadores. Neste sentido os ponentes que participaron nas Xornadas deron unha interesante visión dos feitos que amosaron.
Entre os poñentes, o arqueólogo Adolfo Fernández co seu equipo deu conta dos traballos levados a cabo dentro do proxecto "A Cerca-Muro de Búbal: estudio arqueo-histórico do val do Búbal" que xurdiu a raíz da destrucción por parte dun buldocer dun tramo da muralla do xacemento durante uns traballos de repoboación. O proxecto é promovido polos concellos de Monterrei e Oimbra, e financiado pola Deputación de Ourense, tendo unha duración de 4 anos. A pesares de ser un xacemento coñecido e catalogado, nunca antes se fixeran escavacións arqueolóxicas nel.
Dixo Fernández que neste primeiro ano levouse a cabo unha intervención arqueolóxica sobre o xacemento centrada en tres eixos principais:
- rexistro do recinto fortificado mediante levantamento 3d con dron.
- escavación e restauración do lenzo de muralla afectado.
- escavación de sondaxes valorativas co obxectivo de datar e interpretar o xacemento.
As tarefas desenvolvéronse desde setembro ata decembro de 2019 e puidose escavar e consolidar as zonas previstas. Amais da zona afectada da muralla, puidemos identificar e intervir unha porta orixinal do recinto que tamén se restaurou para a súa posta en valor.
A intervención detectou unha total ausencia de estructuras no interior do recinto fortificado, incluida a zona da acrópole. “Isto supón unha novidade dentro deste tipo de xacementos. A análise da escasa cultura material (uns 100 fragmentos de cerámica e unha punta de lanza en bronce) sitúan a súa vida en torno aos séculos II e I a.c., é dicir, na fase final da Idade do Ferro e con anterioridade á presenza romana”sinalou.
Isto leva a pensar ao equipo dirixido por Adolfo Fernández “en que este sitio fortificado puido ter funcións de lugar central de reunión, mercado e/ou defensa comunitaria do pobo que habitaba esta área xeográfica, os bíbalos. Por elo, avogamos por situar aquí o chamado Forum Bibalorum, que aparece mencionado por Plinio o Vello na súa obra Historia Natural", manifestou.
Pola súa banda, o profesor Isaac Alonso Estraviz falou do futuro da lingua galega, que asemellou ao portugués. Con xogos, adiviñas e textos, literarios abriu un debate sobre a grafía da nosa lingua. Autor de varios libros e escritos os que se refiriu de pasada, na sua ponencia e repartiu entre os asistentes. Autor dun dicionario on line co máis de 140.000 entradas, sobre o que comentou diferentes aspectos recollidos, o profesor ten a certeza de acadar pronto as 150.000.
Alfredo Conde, escritor e poeta falou da necesidade da novela histórica. Nesa imaxinación dos diálogos entre personaxes da historia, está a realidade social do momento. Algúns historiadores contan un pedazo de historia de forma tanxencialmente distinta a outros colegas. O autor foi relatando a trama de moitas das súas novelas e o proceso creativo baseado en datos e fontes históricas, citando varios exemplos, afirmando si, que moitas veces a realidade supera a historia imaxinada.
María Teresa Moure tamén botou mau das súas novelas e escritos para explicar que a sociedade ocultou e oculta o traballo silencioso, e por outra parte fundamental, das mulleres en diversos campos científicos. Nun discurso nada agresivo e mesmo conciliador, comezou coa frase “o amor supera todos os conflictos” e deixou constancia durante a intervención, da súa gañada fama de “a muller das palabras”.