Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Matemáticas divertidas para todos en Ourense coa UNED

5 de febrero de 2025

Dentro da celebración do Día Internacional da Nena e a Ciencia, UNED Ourense ofrece unha charla interactiva sobre retos matemáticos e inventos na historia, para o público en xeral. Será o día 13 no salón do Marcos Valcárcel, ás 19:00 horas, con duas expertas divulgadoras na materia. As mañás do 13 e do 14 completaranse con visitas didácticas a centros educativos.

OURENSE, 5 de febreiro de 2025. Con motivo da celebración do Día Internacional da Nena e a Ciencia, UNED Ourense súmase este ano aos actos conmemorativos achegando unha conferencia interactiva para toda a sociedade, e obradoiros de matemáticas en varios centros educativos. Así, o xoves, 13 de febreiro, ás 19.00 horas, dúas profesoras de Matemáticas da UNED presentarán o tema: Matemáticas: algúns retos e inventos ao longo da historia. Será no salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel, para adultos e estudantes. As relatoras serán Elvira Hernández e Esther Gil.

As matemáticas poden parecer unha disciplina abstracta e afastada da realidade. Con todo, a evolución e a historia da Humanidade están moi vencelladas ao desenvolvemento das Matemáticas. Este feito reflíctese nesta charla-obradoiro, onde se combinarán, segundo as autoras, Historia e Tecnoloxía, "de maneira moi amena, abordando algunhas aplicacións matemáticas clave. Veremos como esta mestura do que parece improbable pode ser unha metáfora perfecta de como os conceptos matemáticos inspiran e sosteñen desenvolvementos ingenieriles de gran impacto". A intervención comezará cun percorrido pola orixe das matemáticas, a súa evolución e as achegas dalgúns dos seus protagonistas máis salientables. Penetraranse en aplicacións matemáticas, mostrando como son esenciais na creación de estruturas innovadoras e tecnoloxías avanzadas ao longo da Historia. Como actividade final, retarán aos asistentes para construír xuntos un sistema de tensegridade que se poderán levar a casa. 

O 11 de febreiro celébrase o día internacional da muller e a nena e a Ciencia, para visibilizar o papel das mulleres en disciplinas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) e promover vocacións científicas en nenas. Esta charla-obradoiro está encadrada nesta iniciativa. A entrada será libre ata cubrir aforo.

Esta proposta da UNED vai dirixida a todas as persoas interesadas en pasar un intre entretido e didáctico coas Matemáticas da man de dúas expertas neste tipo de exposicións en varios foros científicos e escolares. Non hai que saber matemáticas para gozar con esta iniciativa que chegará a Ourense o día 13 de febreiro.

Visita a colexios 

Xunto a charla-obradoiro para todos os públicos, tamén durante a mañá do 13 e do 14 de febreiro, ambas as matemáticas acudirán a desenvolver un taller a tres centros educativos baixo o título Matemáticas e mulleres: de como Dido fixo grande a Cartago. O mito da raíña Dido e da fundación de Cartago é unha das historias que se contan na Eneida. Este mito contén un problema matemático subxacente: como conseguir cun muro (curva) de perímetro fixo un terreo o máis grande posible (a maior superficie posible). Hai tamén outros problemas relacionados con este e que traballaremos de forma colaborativa ao longo desta actividade. Todos estes problemas non son sinxelos de resolver ou de xustificar, pero si é posible dar unha idea de por que a solución é a que se expón.

O contido matemático e a linguaxe adáptanse aos últimos cursos de educación secundaria. Termínase cunha actividade manipulativa relacionada coa idea que tivo Dido para facer que Cartago fose o máis grande posible e que traballarán e levarán a cabo os asistentes. O día 13 haberá dous talleres no Colexio Miraflores e o día 14, venres, trasladaranse ao IES Ferro Couselo e ao IES 12 de Outubro. 

As relatoras 

Elvira Hernández é profesora do Departamento de Matemática Aplicada na ETSI Industriais da UNED. Participou na docencia de varias titulacións en Enxeñería Industrial, Informática e Matemáticas así como en diversos mestrados e cursos en aberto. É coautora de varios libros. No ámbito investigador, participou en varios proxectos competitivos e conta con publicacións especializadas na área de optimización. Nos últimos anos, colabora activamente en proxectos e talleres de divulgación e ciencia cidadá. O seu labor enfócase en eliminar barreiras e achegar as matemáticas a todas as persoas, inspirando especialmente a nenas e mozas a penetrarse no fascinante mundo da ciencia. 

Esther Gil (á dereita) é licenciada e doutora en Matemáticas pola Universidade Complutense de Madrid. É profesora do departamento de Matemática Aplicada da UNED, onde impartiu materias de diferentes graos, mestrados, MOOCs, e cursos de formación permanente. É autora de varios libros docentes. Desde 2012 organizou e participou en obradoiros de divulgación de Matemáticas, tanto destinados a estudantes como a profesores, de distintos niveis, en diversos centros nacionais e de Guinea Ecuatorial. Respecto á actividade investigadora, é autora de varios artigos de investigación, publicados en revistas internacionais e nacionais, con especial énfase en Matemáticas, Xeodesia e Innovación docente.

Elvira Hernández

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es