OURENSE, 15 de outubro de 2024. O presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, Santiago Leyes Vence e o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, mantiveron un encontro oficial na sede colexial para explorar vías de colaboración. Ambas as partes consideran que establecer un plan de colaboración é bo para a provincia. O capítulo de formación e divulgación presenta un amplo abanico de posibilidades coa UNED, expuxo o director do centro universitario ourensán, asentindo o presidente. A reunión tivo lugar nun ambiente cordial e de gran interese por ambas as partes.
García Díaz explicou como funciona a UNED, que é a universidade pública máis grande de España en estudantes, e como se estuda nela. E un dos varios asuntos tratados neste primeiro encontro foi o do doutoramento, que a través da UNED tamén se pode abrir aos licenciados ou graduados en Farmacia que desenvolven a súa actividade na nosa provincia. A UNED pode ofrecerlles doutorado a través do Instituto de Investigación IMIENS, do que forman parte a nosa Universidade e o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII).
O IMIENS, expuxo o director de UNED Ourense, "quere cubrir a demanda de formación permanente dos profesionais do sector da sanidade, potenciar a investigación e a colaboración entre grupos no ámbito da saúde, e servir de apoio a todas as institucións que traballan no devandito campo", sinalou o director, quen ademais expuxo que, dada a natureza especial da UNED, esta ten vocación de traballar de forma coordinada con todas as institucións, e moi especialmente coas que, como o ISCIII, comparten o seu carácter público e proxección sobre todo o territorio español. O ISCIII ten entre as súas funcións a formación dos profesionais sanitarios no campo da saúde pública e nas áreas temáticas de investigación en biomedicina e ciencias da saúde. O ISCIII e a UNED contan cunha historia de traballo positivo e interese común en potenciar a súa presenza exterior nos ámbitos docentes e investigadores.
O director de UNED Ourense convidou o presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos a coñecer as instalacións do centro universitario na cidade. "A UNED continúa abrindo portas no noso territorio, ao que serve ofrecendo propostas formativas e de divulgación científica ao longo do ano", sinalou o seu director en Ourense.
UNED Ourense
Comunicación