Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A UNED achegouse aos veciños de Xinzo

22 de junio de 2022

No salón de plenos celebrouse unha sesión informativa na que os asistentes mostraron o seu interese nas formas de acceder á universidade pública máis grande de España. A reunión alongouse durante dúas horas intensas. 

OURENSE, 22 de xuño de 2022. Veciños de Xinzo de Limia coñeceron esta semana a UNED a través dunha sesión informativa que lles deu o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, no salón de sesións da sede municipal. O director, que foi recibido pola alcaldesa, Elvira Lama Fernández, explicoulles como se estrutura esta universidade, cos seus 61 centros asociados, e como se estuda nela, "cuxo nivel de esixencia é notable. Trátase de estudar, de centrarnos na procura do coñecemento nestes tempos líquidos nos que triunfa o descoñecemento". Citando a Daniel Innerarity, sinalou García Díaz que "cara a saturación informativa que vivimos, distraémonos e vémonos abocados a decidir con rapidez, de modo que neste clima é máis fácil aceptar as ideas falsas e, de paso, que caiamos rendidos á nosa espontaneidade mental coma se fose algo perenne, indiscutible". Por iso non se pode renunciar ao estudo, a unha formación integral para combater ventos de falsidade, volubles, que non enriquecen nin fan crecer á persoa. 

García Díaz, puxo exemplos de egresados quen, grazas á UNED, cambiaron de vida para ben. Insistiu en que non se necesita nota de corte para estudar calquera dos 30 graos que se ofertan para o novo curso, entre eles Educación Infantil e Enxeñería da Enerxía. Lembrou a todos que se optan por vir á UNED, terán flexibilidade porque poderán estudar e examinarse en calquera parte do mundo con acceso a Internet. Insistiulles en que esta universidade é semipresencial, cun calendario de avaliación amplo e flexible desde calquera centro da UNED.

Na sala estaba o egresado Eduardo CarneroFernández, que contou a súa experiencia como estudante de Dereito na UNED, sendo invidente. "Estou moi agradecido para a UNED porque me permitiu estudar Dereito. Eu animo a todos a que se matriculen na UNED. Fun ben tratado en UNED Ourense polo seu persoal tanto na biblioteca, onde prestábanme os libros que había que mandar a Madrid á ONCE para convertelos en documentos sonoros; o director tamén me axudou moito, en fin, que estou moi satisfeito". O público que estaba na sala observaba con admiración a este home que non perde o seu bo humor e que como el dixo, "llo seu, que non vexo ben, puden sacar a carreira, vos demáis non teñen escusa". 

Nesta sesión interveu tamén o administrativo Luís Gulín Iglesias, para deterse coas convalidaciones, as bolsas, e todos os detalles de matrícula e acceso tanto para cidadáns que proceden doutros países como persoas que hai anos que deixaron de estudar. Notábase moito interese na sala por saber os modos de entrar na universidade pública máis grande de España. Un deles viña do antigo bacharelato anterior ao xa antigo BUP, e dixo que tiña a selectividade aprobada. Este home pode acceder á UNED sen máis.

Estas sesións en vilas da provincia ourensá terán continuidade nos próximos meses. Son agradecidas polos cidadáns que as seguen e tanto os concellos como a Dirección de UNED Ourense seguirán organizando este tipo de actividades para seguir chegando a todos os recunchos cunha universidade que está a celebrar os seus primeiros 50 anos, 30 dos cales leva na provincia de Ourense e que permitiu cursar estudos superiores a miles de ourensáns. Ademais, exerce a igualdade de oportunidades para todos, o que supón que as persoas con discapacidade poden graduarse, doutorarse ou facer másteres na UNED. Para moitas destas persoas, se non fose por esta universidade, non poderían dar ese salto cualitativo en coñecemento, que lles cambiou a vida. Como di o director ourensán, "sempre para ben".

O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, coa alcaldesa, Elvira Lama Fernández e o concelleiro de Persoal, Comunicación, Participación Cidadá e Igualdade, José Alberto Martínez Morales.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es