Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

DECLARACIÓN DA UNED CARA A INVASIÓN RUSA DE UCRAíNA

7 de marzo de 2022

A UNED quere expresar mediante este escrito a súa máxima repulsa, e firme condena, #ante a operación militar da Federación Rusa contra o Estado soberano de Ucraína.

OURENSE, 7 de marzo de 2022. A invasión do territorio ucraíno por parte do exército ruso, iniciada o 24 de febreiro de 2022, foi precedida pola ocupación militar e recoñecemento de independencia das autoproclamadas repúblicas populares de Donetsk e Lugansk, territorios baixo soberanía igualmente ucraína. Estes feitos non só constitúen unha violación múltiple do Dereito Internacional, senón que supoñen unha vez máis a volta á guerra, á barbarie e ao dogmatismo; nada máis antagónico aos principios humanos universais e aos valores universitarios que se sustentan sobre a paz, a razón, o entendemento e a tolerancia.

A Carta das Nacións Unidas protexe a integridade territorial e independencia política de Ucraína. A agresión militar a Ucraína exercida pola Federación Rusa, acompañada da colaboración de Bielorrusia, viola en múltiples artigos o contido deste documento esencial no ordenamento xurídico internacional. Salientan a prohibición do uso da forza (artigo 2.4); a obriga de resolver as controversias por medios pacíficos (art. 2.3) e a prohibición da intervención nos asuntos internos doutros Estados (Resolución 2625/ XXV). Neste mesmo sentido, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas acaba de adoptar o pasado 1 de marzo a Resolución A/ES-11/ L.1 onde condena a operación militar rusa en Ucraína, esixe que se poña fin de inmediato ao uso da forza e que se retire de inmediato, por completo e sen condicións todas as súas forzas militares do territorio de Ucraína dentro das súas fronteiras recoñecidas internacionalmente.

 A invasión a gran escala perpetrada por Rusia incorre noutras violacións graves do Dereito Internacional Humanitario (Convenios da Haia 1899 e 1907, Convenios de Xenebra de 1949 e Protocolo Adicional I de 1977). Temos moi presente que os ataques contra a poboación civil e contra obxectivos non militares constitúen infraccións graves deste dereito cualificadas como crimes de guerra. Os poucos días transcorridos de operación militar deixan tras de si unha cifra de vítimas civís intolerable– máis de 2.000 mortos segundo o Goberno de Ucraína-, millóns de desprazados e multitude de perdas en infraestruturas, patrimonio cultural e histórico, incluídos bens declarados patrimonio da humanidade. Na nosa Universidade impactou excesivamente o bombardeo da Universidade Nacional Karazin de Járkiv, e preocúpanos o cerco militar que están a sufrir outras Universidades en Kiev e Odesa, así como a fuxida precipitada e angustiosa de todos os estudantes estranxeiros en todas as universidades do país. Por todo iso, a UNED condena a invasión militar rusa de Ucraína, e solidarízase co conxunto da cidadanía ucraína e de forma especial coa súa comunidade universitaria. Solicitamos ás autoridades españolas, europeas e internacionais apoio a Ucraína, e en particular demandamos o cumprimento das obrigacións xurídicas internacionais establecidas no Estatuto do Refuxiado na Convención de Xenebra de 1951, así como os apoios solidarios que sexan necesarios para a súa poboación.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es