OURENSE, 9 de xuño de 2022. Veciños do Carballiño e Celanova coñeceron esta semana a UNED a través do programa desenvolvido por UNED Ourense. O seu director, Jesús Manuel García Díaz, acompañado polo administrativo Luís Gulín Iglesias, desprazouse a ambas as vilas para achegar a Universidade pública máis grande de España aos seus veciños. García Díaz quixo pulsar a idea que cada un ten da UNED. No Carballiño a anfitriona en nome do Concello foi Guadalupe Sobrado Pérez, concelleira de Igualdade, e en Celanova, Teresa Barge, tamén concelleira de Igualdade.
Na vila carballiñesa, unha señora manifestou que cando veu de Arxentina foi o ano en que UNED Ourense comezaba a andar "eu sabía que había UNED pero agora coñezo mellor esta universidade", despois de asistir á charla do pasado martes. En Celanova, outra veciña expuxo a súa idea acerca da UNED, moi aproximada á realidade aínda que con matices. "A UNED non é unha universidade en liña", apuntou o director ourensán senón "semipresencial, isto debe estar moi claro".
Os asistentes puideron ver nun vídeo como se estrutura a UNED e o gran labor formativo que leva facendo en toda España e en tres continentes desde a súa creación hai agora 50 anos, en 1972. Jesús Manuel García foi aclarando aspectos en diálogo con eles. "Acabades de ver que en canto á estrutura da nosa universidade, o reitorado, as 9 facultades e as escolas técnicas superiores así como a biblioteca central e outros servizos radican en Madrid. Pero todo iso, sendo moi importante, non basta para que haxa UNED. Necesítase algo máis, e aí entran en acción os centros asociados, que son 61 en España. A eles engadense os do estranxeiro. Só en Iberoamérica, a UNED conta con cinco Centros Asociados, que están situados en Bos Aires, Caracas, Lima, Sao Paulo e México, e entre eles suman uns 500 estudantes, ofrecendo á comunidade iberoamericana a posibilidade de acceder á Educación Superior sen limitacións xeográficas ou de calquera outra índole. Tamén a UNED atópase situada noutras seis cidades europeas – Berna, Bruxelas, Frankfurt, Lisboa, Londres e París- e dispón de centros de exames en Berlín, Munich, Nova York, Roma e Seattle. E grazas á colaboración coa AECID (Axencia Española de Cooperación Internacional e Desenvolvemento), a UNED mantén dous centros en Guinea Ecuatorial (Bata e Malabo). Fixádevos, os estudantes da UNED en Madrid non acoden a clase ás facultades. Van ás titorías aos centros asociados da capital española. Só UNED Madrid ten tantos ou máis estudantes que algunhas universidades do noso país. Nas facultades están os equipos docentes que investigan e preparan as materias con toda a documentación que para elas necesítase. E establecen as liñas para seguir en cada materia, polos profesores titores en cada centro asociado. Grazas a estes centros, a UNED é tal e pode achegarse dun modo peculiar a pé de sociedade en todos os recunchos do país. O estudante acoden ao centro, neste caso a UNED Ourense, non só a examinarse ou a recibir as súas titorías, senón a utilizar a biblioteca, a consultar asuntos burocráticos de matrícula, bolsas, etc., ou a facer prácticas nos laboratorios de Informática, Física e Química. Os centros asociados hoxe son máis que todo iso pois establecen convenios varios de prácticas, de investigación, de colaboración en múltiples proxectos. Son un mundo ao alcance de todos os que queiran estudar aquí".
O director de UNED Ourense lembrou que non hai nota de corte para estudar unha carreira universitaria na UNED, pero "quen estea pensando en vir connosco ten que ter claro que vai esforzarse, pois esta universidade ten un importante nivel de esixencia, para beneficio do estudante". Houbo varias consultas, especialmente dalgúns cidadáns que proceden de países americanos, no sentido de validar os seus estudos. Algún veciño tomou nota disto para comunicarllo a algún mozo da familia que está a dubidar acerca de que carreira estudar e se pode ou non noutra universidade onde lle piden unha nota alta. "O noso perfil de estudante está a rexuvenecerse nos últimos anos, vémolo estes días na aula de exames. Moita xente nova, desde os que veñen da EBAU ata os máis veteranos, que son os menos", indicou o director. Insistiu en que "estudar na UNED desde a túa casa nunha vila ou na aldea, non desmerece nada de quen o fai noutra universidade nalgunha gran cidade española. Aquí o nivel está moi alto, non se regalan as titulacións".
Luís Gulín aclaroulles múltiples aspectos, poñendo, entre outros, como exemplo o de quen "supera agora a EBAU e solicitou bolsa antes do 12 de maio coa intención de estudar Psicoloxía noutra universidade , e non é admitido nesta por non ter nota suficiente. Pode matricularse en Psicoloxía na UNED, igualmente como bolseiro e simplemente debe enviar á Unidade de Bolsas da UNED o resgardo de solicitar bolsa para a outra Universidade X , mesmo se cambia de opinión e en lugar de Psicoloxía quere estudar Criminología na UNED. E para os que teñen o seu bacharelato homologado do estranxeiro, poden estudar todas as carreiras que oferta a UNED sen necesidade dunha proba de acceso especifica, (que só se necesita para carreiras que non oferta a UNED: Medicina, Enfermería, Arquitectura, Xornalismo etc) que efectivamente se realiza na nosa universidade, previa matricula na plataforma UNEDAssis".
O director de UNED Ourense explicoulles casos de persoas que decidiron, pasados uns anos, retomar os estudos superiores na UNED e iso cambioulles a vida para ben, sendo agora grandes profesionais naquilo para o que se formaron anos despois. "E tede presente que a nosa universidade ten moi en conta a igualdade de oportunidades, por iso coida ás persoas con discapacidade, de modo que se non fose pola UNED moitos españois non poderían acceder aos estudos superiores. Ti podes ter calquera discapacidade física que mentres non afecte á mente, está ao teu alcance facer carreira na UNED. Temos algúns estudantes invidentes, algún, ademais, móvese en cadeira de rodas, e dannos cada día unha lección aos demais polo espírito de esforzo e superación que lles invade", dixo o director, quen tamén lles falou dos másteres, dos programas de doutoramento, da formación permanente e da UNED Senior, para maiores de 55 anos.
O interese espertado en ambas as vila por coñecer detalles desta universidade fai que no outono póidanse celebran novas reunións con outros cidadáns que por motivos de horario comercial non puideron asistir ás citas desta semana. "Na UNED estúdase ao modo anglosaxón, é dicir, na túa casa, na biblioteca... preparando os temas pola túa conta, utilizando todos os recursos que che ofrece a universidade, pois nunca estás só. As dúbidas que xurdan consúltanse cada semana nas titorías correspondentes, onde o profesor titor fai aclaracións e guía pola materia ao estudante. Hai que organizarse ben, estudar a fondo para, chegado o momento dos exames, triunfar. Non hai maior felicidade que recoller os froitos do esforzo propio de cada un feito durante o ano académico".
No Carballiño contouse coa presenza de Bieito Conde, diplomado e graduado en Educación Social pola UNED, quen expuxo brevemente a súa traxectoria académica e a súa experiencia como estudante. Conde sinalou que volvería estudar na UNED e que esta forma parte da súa vida.
O próximo día 21 de xuño, haberá outra sesión, fixada para as 20.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Xinzo de Limia. O director de UNED Ourense quere levar o coñecemento desta universidade a todos os lugares da provincia, na que a UNED presta un importante servizo público desde hai 30 anos, grazas ás institucións que integran o Consorcio, ás que Jesús Manuel García agradece a súa firme aposta por esta universidade.
UNED Ourense
Comunicación