OURENSE, 28 de febreiro de 2024. A UNED investirá este xoves, día 29 de febreiro, a Teresa Perales, gañadora de 27 medallas en seis Xogos Paralímpicos na disciplina de natación, como doutora honoris causa pola UNED a proposta da Escola Internacional de Doutoramento da universidade. O acto terá este ano como lema Deporte e Discapacidade e celebrarase a partir das 11:30 h no salón de actos 'Emilio Lledó' do edificio de Humanidades. Poderase seguir en directo a través de CanalUNED.
Unha lenda do deporte olímpico español
Nacida en Zaragoza en 1975, Teresa Perales perdeu a mobilidade nas pernas aos 19 anos, debido a unha neuropatía. É Deportista de Alto Nivel desde 1998. Participou en seis Xogos Paralímpicos (Sydney 2000, Atenas 2004, Pequín 2008, Londres 2012, Río de Xaneiro 2016 e Tokio 2020) e conquistou 27 medallas en total, 7 ouros, 10 pratas e 10 bronces. Tamén acumula 4 ouros, 10 pratas e 8 bronces e seis campionatos do mundo de natación adaptada entre 1998 e 2019, ás que se engaden cinco marcas mundiais e 43 medallas (12 ouros, 21 pratas e 10 bronces) noutros oito campionatos de Europa. Abandeirada do equipo paralímpico español nos Xogos de Londres e no ano 2019, Teresa foi distinguida coa Orde Olímpica na gala anual do Comité Olímpico Español. En 2021, recibiu o Premio Princesa de Asturias dos Deportes e hai só uns días bateu o récord do mundo dos 150 metros estilos nas Series Mundiais de Aberdeen (Reino Unido).
A UNED faralle entrega do título de doutor honoris causa durante o solemne acto de celebración da festividade de Santo Tomás de Aquino, que este ano estará centrada no deporte e a discapacidade. Quere así recoñecer a UNED non só a súa extraordinaria traxectoria deportiva ao máis alto nivel na natación adaptada e a competición paralímpica, senón tamén o seu compromiso social. Diplomada en Fisioterapia pola Universidade de Zaragoza e experta en Coaching persoal e deportivo, Perales desempeñou diferentes cargos de xestión e de responsabilidade pública como deputada nas Cortes de Aragón e como Directora Xeral de Atención á Dependencia do Departamento de Servizos Sociais e Familia do Gobierno de Aragón.
Exerceu tamén como asesora do Departamento de Servizos Sociais e Familia e da área de Fomento e Deporte do Concello de Zaragoza, e compaxinou a súa actividade deportiva de elite cunha tarefa docente no campo da fisioterapia e discapacidade na Universidade de Zaragoza e en universidades de verán como as de Teruel ou Colindres, en Cantabria; como conferenciante en congresos e seminarios tanto en España como noutros países de Europa e Hispanoamérica, charlas en colexios, unha misión institucional como Embaixadora de Fundación Telefónica e como Embaixadora do Deporte Inclusivo en España. É tamén membro da Comisión de Xogos Paralímpicos do Comité Paralímpico Internacional e membro do Consello Asesor da Fundación Príncipe de Xirona. UNED Ourense estará presente institucionalmente nesta solemne cerimonia coa representación por parte do seu director, o doutor Jesús Manuel García Díaz.
Aquí poderás seguir en directo o acto a través de CanalUNED
UNED Ourense
Comunicación