OURENSE, 13 de xuño de 2024. En Ourense celebrouse esta mañá o Día da Subdelegación do Goberno, e a UNED estivo presente na persoa do seu director na cidade e provincia, Jesús Manuel García Díaz. Nesta ocasión o escenario de celebración foi o patio da Subdelegación, con todo o público sentado á sombra das árbores dese pequeno oasis vexetal en plena Rúa do Paseo. Acudiu a maior parte das autoridades civís, militares, académicas e relixiosas de Ourense. Presidiron Antonio Bernal Martín, coronel do Corpo Xeral do Exercito de Terra Escala de Oficiais Infantería e Delegado de Defensa en Galicia, e o subdelegado de Defensa en Ourense, coronel Jesús Peñas Preckler. Alí estaba tamén o delegado provincial da Xunta, Manuel Pardo, as dúas universidades que operan na provincia, a nosa e a Uvigo, representada pola profesora Elena Rivo; representantes do Concello de Ourense, tamén da Deputación, de Expourense, o bispo da diócese, Leonardo Lemos; traballadores da Subdelegación e familiares de militares que deron a súa vida en servizo. E houbo representación de todas as forzas de seguridade que actúan en Ourense.
As Delegacións de Defensa creáronse por Real Decreto en decembro de 1993, co fin de establecer unha organización periférica do Ministerio de Defensa. En maio de 1994, implantouse a Delegación de Defensa en Ourense. En 2002 reorganizouse a estrutura periférica do Ministerio de Defensa, pasando a denominarse “Subdelegación de Defensa en Ourense”, con competencia en toda a provincia de Ourense e integrada organicamente na Delegación de Defensa en Galicia. Nos anos 2007 e 2008 realízanse cambios para achegar a Administración ao cidadán, asumindo as funcións administrativas, simplificando e axilizando servizos, e descargando aos Exércitos das tarefas burocráticas. A súa creación supuxo, xunto coa desaparición dos Gobernos Militares, a diferenciación entre aspectos operativos e administrativos.
Neste solemne acto houbo imposición de condecoracións. Así, por Orde 261/05461/23 do 24 de marzo de 2023, a Ministra de Defensa concedeu a medalla conmemorativa da operación Balmis a dúas funcionarias de carreira da Delegación Provincial de ISFAS en Ourense. O delegado de ISFAS en Galicia Cf. D. Augusto Chereguini Pavón, impuxo as medallas a María Luisa Domínguez-Caride Davite e a María Victoria Otreo Areán.
Igualmente houbo medalla de Campaña con carácter honorífico ao tenente coronel na Reserva, Ernesto Jesús Rodríguez Cuervo, condecoración que a impuxo o delegado de Defensa en Galicia. Fíxose entrega do Diploma de Reservista Voluntario Honorífico ao capitán da Reserva Voluntaria, José Abundancia Domínguez, por alcanzar a idade máxima na condición de reservista voluntario, mantendo unha especial vinculación coas Forzas Armadas mediante a súa adscrición con carácter honorífico a esta Subdelegación de Defensa.
Houbo un recoñecemento para os funcionarios de carreira que levan 25 anos continuados prestando servizo nos dous organismos de Defensa de Ourense. Prémiaselles a súa constancia e fidelidade, polo que recibiron unha réplica en metacrilato do edificio da Subdelegación de Defensa. Os funcionarios son Enrique Silva Neira, que traballa na Subdelegación de Defensa en Ourense, e María Luisa Domínguez-Caride Davite, que desenvolve o seu traballo na Delegación do ISFAS de Ourense. Este acto estivo salpicado por composicións musicais interpretadas por unha sección de gaiteiros da Real Banda de Gaitas da Deputación, coa voz da sarxento reservista voluntaria, Cristina Blanco Cid, que puxo voz á Rianxeira.
A continuación tivo lugar a entrega dos premios da 11 edición do concurso literario escolar Carta a unha militar española, chamado así este ano con motivo da celebración do 35 aniversario da incorporación da muller ás Forzas Armadas. En febreiro de 1988, vinte e seis mulleres ingresaron nas Forzas Armadas. Recoñecíase así un dos dereitos fundamentais promulgados pola nosa constitución: a igualdade entre homes e mulleres, incluído o dereito e o deber de defender España. As mulleres están hoxe plenamente integradas nas Forzas Armadas, podendo ocupar calquera dos destinos que a carreira militar ofrece no desenvolvemento do seu exercicio profesional. Non existe ningunha distinción por diferenza de xénero e todos os seus membros, sexan homes ou mulleres, son militares coas mesmas oportunidades, dereitos e obrigacións.
A gañadora deste ano é Xulia Prieto Sánchez, alumna de 1º Bacharel do Colexio Pablo VI de A Rúa (Ourense). Recibiu o seu premio de mans de Tamara Silva Cid, concelleira de Educación e Xuventude no Concello de Ourense, e membro do xurado.
García Díaz, coa estudante ruesa premiada do ano pasado. Nerea Gómez, xa que no 2023 non pudo ser posible a entrega.
Debido a que o pasado ano 2023 non houbo acto público de celebración do Día da Subdelegación de Defensa, procedeuse á entrega do premio á alumna gañadora da 10ª edición do concurso co tema: As Forzas Armadas, construíndo paz e seguridade, a Nerea Gómez Mancebo, estudante tamén do mesmo centro valdeorrés. Fíxolle entrega do premio Jesús Manuel Garcia Diaz, director da UNED en Ourense e membro do xurado, que lle deu o parabén e pediulle que non deixe de escribir e de formarse. Igualmente fíxose entrega de dous diplomas acreditativos dos anos 2023 e 2024 aos responsables do Colexio Pablo VI da Rúa por parte do Delegado de Defensa en Galicia. Xulia Prieto leu a súa carta galardoada.
A Subdelegación de Defensa creou, desde este ano o Premio Capitán Cachamuiña coa intención de premiar ás persoas ou institucións que se destacaron no apoio á difusión da Cultura de Defensa. Para recoñecer este labor de achegamento das Forzas Armadas ao cidadán, tomouse o nome do militar Bernardo González do Valle, alias Cachamuiña, nacido en Pereiro de Aguiar, que salientou liderando a civís na Guerra de Independencia, en batallas como a de Pazos de Arenteiro e a de Pontesampaio. Este ano, considerouse merecedor do devandito galardón a Alfonso Vázquez Monxardín, pola súa colaboración na organización da Exposición Homenaxe ao “Rexemento Zamora 8”, como comisario da Exposición, liderando o equipo de traballo composto por Javier Freire, Jose María Eguileta, Mara Castaño e Manuel Cabo. Este equipo colaborou de maneira incansable para asegurar o éxito da homenaxe ao Rexemento Zamora. Entregou o premio o subdelegado de Defensa en Ourense. De novo volveu a música co canto da Salve Mariñeira, dedicada á Virxe do Carmen, patroa da Armada Española.
O delegado de Defensa, esquerda, pousa co delegado da Xunta, co director de UNED Ourense; co director de Expourense; co subdelegado de Defensa, concelleiros de Ourense e a presidenta da CEO.
Jesús Peñas Precler, dirixiu unhas palabras aos invitados. "Este último ano estivo marcado polas actividades de Homenaxe ao Rexemento Zamora 8, coas que quixemos lembrar o seu papel na vida de numerosos ourensáns, moitos deles cumpriron o seu servizo militar no Cuartel de San Francisco ou estiveron vinculados dunha ou outra forma. O paso desta unidade pola provincia é lembrado con gran agarimo, e explica a entusiasta acollida que tivo tanto a exposición organizada coa Deputación Provincial, como o resto de eventos organizados na súa memoria. Esta homenaxe ao Zamora empezou en setembro pasado, cunha Xura de Bandeira organizada pola BRILAT no antigo cuartel de San Francisco, un concerto no Auditorio e o descubrimento dunha placa conmemorativa. Todo iso co apoio incondicional do Concello da cidade. En abril e maio, durante a exposición sobre a pegada militar na provincia de Ourense, tiveron lugar un bo número de actividades culturais e sociais para poñer en valor o legado do Rexemento Zamora e outras unidades militares na historia ourensá. O apoio de Deputación, Xunta e o xornal La Región foi clave para poder organizar unha serie de actos emotivos e emblemáticos nos que participou un gran número de ourensáns. A visita sentimental, o coloquio sobre a vida no Rexemento ou a Xuntanza foron eventos nos que primou o encontro e a emotividade, mentres que os actos culturais, como a conferencia sobre os Terzos de Flandes, a recreación histórica, a presentación do libro ou os numerosos artigos, ilustráronnos sobre a vinculación de Ourense co militar. (Eventos como a visita do Agregado Militar de Reino Unido trouxéronnos anécdotas curiosas, como que o rei inglés fose coronel honorario do Rexemento Zamora). Todas estas actividades non serían posibles sen apoio institucional e dos cidadáns, que colaboraron prestando os seus recordos. A súa repercusión pode medirse polos máis de 50 artigos aparecidos en distintos medios de comunicación".
Peñas Preckler tivo palabras de agradecemento para todos e salientou que "o labor desta Subdelegación de Defensa só é posible coa colaboración continua con institucións e ourensáns de distintos ámbitos. E anímannos aos membros da Subdelegación para seguir traballando polos cidadáns da provincia de Ourense".
Este acto rematou cunha homenaxe a todos os membros das Forzas Armadas falecidos en misións no estranxeiro. Desde que as Forzas Armadas españolas comezaron a participar en misións no exterior, fai case tres décadas, un gran número de militares deron a súa vida mentres prestaban servizo, e deles, 22 eran galegos. Destes, 4 eran ourensáns e son os seguintes:
O alférez reservista voluntario Luis Gulín Iglesias, o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz e o tenente coronel na reserva, Ernesto Jesús Rodríguez Cuervo, que estuda o Grao en Historia na UNED.
Tras o solemne acto houbo un viño español e, tras o brinde polo Rei, entregouse un premio á Adega Sameiras de Ribadavia polo seu apoio e colaboración. "Sen o apoio do excelente viño Ribeiro, tanto branco como tinto, que se vai a servir a continuación e co que imos brindar, sería moi difícil levar a cabo este acto socia", dixo o subdelegado de Defensa. E recibiron o galardón Antonio Gagide e Luis Gulín, membro do PAS de UNED Ourense e alférez reservista voluntario.
A UNED, que como unha das dúas universidades que operan na provincia sempre está presente neste acto anual, ten unha relación estreita co mundo da Defensa grazas ao seu Instituto Universitario Gutiérrez Mellado, que foi fundado en 1997, por iniciativa do Ministerio de Defensa, como centro de investigación e de docencia especializado en cuestións relacionadas coa procura da paz, a seguridade e a defensa para suplir a carencia no ámbito universitario español deste tipo de estudos, ata entón practicamente vinculados aos centros de ensino militar. A Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), considerándoo un instrumento idóneo para estreitar os lazos entre os ámbitos políticos, militar e académico, aceptou o reto e achegou o seu particular sistema de ensino a distancia e de incorporación dos avances tecnolóxicos que caracterizan ao mundo actual. O Instituto recibe o seu nome do capitán xeral Manuel Gutiérrez Mellado, de quen en 2012 conmemorouse con diversas actividades académicas o centenario do seu nacemento. Esta senlleira figura militar distinguiuse entre outras cousas por defender e difundir a idea de implicar á Universidade en temas tradicionalmente privativos do mundo castrense ao obxecto de aproximar as Forzas Armadas á sociedade da que forman parte e á que deben servir. Dando o seu nome a este Instituto, o Goberno de España e a Universidade Nacional de Educación a Distancia quixeron perpetuar a memoria deste excepcional personaxe militar da transición e das súas moitas achegas á consolidación da democracia en España. A tal fin, o Consello de Ministros aprobou, o 24 de outubro de 1997, o Real decreto 1643/1997 polo que se creou, na UNED, o Instituto Universitario Xeneral Gutiérrez Mellado de estudos sobre a Paz, a Seguridade e a Defensa, cos obxectivos de desenvolver a investigación científica desde unha perspectiva inter e pluridisciplinar, de fomentar os ensinos de posgrao, de promover a difusión de obras científicas e de crear un marco de reflexión e dialogo en calquera dos aspectos relacionados coa paz, a seguridade, a defensa e os asuntos militares. O emblema do Instituto é un escudo da UNED ao que se lle engadiron a espada da seguridade e a rama de oliveira da paz.
UNED Ourense
Comunicación