Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

UNED Ourense formará auditores internos do sistema de xestión de calidade baseado na norma ISO 9001:2015 

10 de enero de 2022

A proposta celebrarase do 12 de febreiro ao 12 de marzo con 30 horas lectivas e poderá seguirse presencialmente no Centro Asociado ou en liña. 

OURENSE, 10 de xaneiro de 2022. UNED Ourense ofrecerá un obradoiro práctico de auditores internos do sistema de xestión de calidade baseado na norma ISO 9001:2015 cuxo programa estará desenvolto pola relatora María Eugenia Fernandes Montilla, consultora organizacional e auditora internacional de normas ISO, Esquema Aeroespacial, etc. Mestrado en Xestión do Coñecemento e Especialidade en Psicoloxía aplicable ás organizacións. O obradoiro iníciase o sábado 12 de febreiro cun primeiro módulo titulado Sistema de Xestión de Calidade. Ese día, en horario de 09.30 a 13.30 horas, tratarase de principios e esencia, enfoque ISO 9001:2005, análise de contexto e grupos de interese. O venres,18 de febreiro, de 16:00 a 20:00 horas, a relatora explicará o sistema de xestión de calidade enfocado a procesos, planificación (riscos e oportunidades) e coñecemento organizacional.

O sábado, 19 de febreiro, de 09.30 a 13.30 horas, comezará o segundo módulo titulado Auditorías do Sistema de Xestión de Calidade. Nel tratarase das bases para a realización de auditorías, estándares de auditoria: ISO 9001, ISO 19011, etc., sen esquecer a documentación dos sistemas de xestión de calidade.

Para o venres, 25 de febreiro, de 16.30 a 20.00 horas, os temas para tratar, tamén do citado segundo módulo, son o perfil do auditor, ética e excelencia; coñecementos e habilidades, avaliación da competencia. O venres, 4 de marzo, comezará o módulo terceiro: Desenvolvemento das auditorías, de 16.00 a 20.00 horas. Os asistentes coñecerán o ciclo de auditoría: tipos e fases, a planificación dunha auditoría, coa súa programación e planificación; a realización da auditoría que inclúe a visita de auditoría, a revisión documental, identificación de achados, seguimento de evidencias e avaliación de resultados. Este mesmo módulo protagonizará a xornada do sábado, 5 de marzo, de 09.30 a 13.30 horas. Os temas para desenvolver son: a documentación da auditoría co informe e reportes de auditoría, a redacción de achados e o peche do proceso de auditoría.

Na xornada do venres, 11 de marzo, de 16.00 a 20.00 horas, iniciarase o cuarto módulo: Casos prácticos. Falarase de auditorías en organizacións con procesos de deseño, auditando a revisión, verificación e validación. Eses casos prácticos continuarán o último día deste curso, é dicir, o sábado, 12 de marzo, de 09.30 a 13.30 horas. Será entón cando a relatora explique a realización de auditorías en organizacións con procesos de fabricación/produción, deténdose nos procesos especiais e en auditorías en organizacións con procesos de servizos.

A matrícula para participar neste curso é ordinaria de 40 euros e hai que formalizala en liña. Este curso está dirixido por José Antonio Fraiz Brea, profesor titular da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Uvigo e profesor titor de UNED Ourense. Coordínao María Concepción Álvarez Gómez, secretaria de UNED Ourense. Está deseñado de tal modo que toda persoa interesada pode participar independentemente da súa formación ou ámbito profesional. Isto inclúe tamén a alumnos universitarios de diversas ramas, tales como, maxisterio, dereito, enxeñería, entre outras, que teñan interese en fortalecer o seu futuro profesional con outras ferramentas complementarias (a maiores das académicas que xa reciben).

Obxectivos

  • Comprender a esencia dun sistema de xestión de calidade, cales son os seus principios e as bases nas que se sostén, a fin de establecer métodos de xestión eficaces que contribúan a un áxil, dinámico e sinxelo mantemento baseado na norma ISO 9001:2015.
  •  Desenvolver as competencias necesarias para a planificación, organización e realización de auditorías internas que permitan comprobar a eficacia dun sistema de xestión de calidade baseado na norma ISO 9001:2015.
  •  Identificar os coñecementos, funcións, habilidades e responsabilidades dos auditores a fin de garantir procesos imparciais, orientados á mellora e baseado na Ética e Excelencia.
  •  Identificar as ferramentas de mellora continua que permita tomar mellores decisións, definir e implantar accións encamiñadas ao desenvolvemento da excelencia, tanto nas persoas como na organización, baseada na ética e a responsabilidade.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es