OURENSE, 8 de xaneiro de 201. A UNED abre o prazo de matrícula para participar no curso Destilados e licores, que se vai desenvolver nas instalacións do Museo do Viño, na Praza dos Mercedarios, en Verín os días 18 e 19 deste mes. Consta de seis horas lectivas e a docente é Sandra Cortés Dieguez, doutora en Química pola Universidade de Vigo, licenciada en Química Analítica pola Universidade de Santiago de Compostela; máster en Viticultura, Enoloxía e Márketing do Viño, formadora do panel de cata Bagazo de Galicia e investigadora no Departamento de Enxeñería Química da Universidade de Vigo desde o ano 2010.
O curso consta de 30 prazas e a matrícula custa 10 euros. A través desta iniciativa daranse coñecementos de elaboración de destilados, destacando os elaborados con bagazos de uva, ademais de degustar os destilados de “ bagazo” de Galicia, os envellecidos, augardente de herbas, Licores Tradicionais, Licor Café e Licor de Herbas, así como grampas, augardentes do Liébana, marc de Cava e Pisco.
O programa de sesións abrirase o venres, 18 de xaneiro, de 18.00 a 19.00 horas, con teoría para tratar da elaboración de destilados – materia prima – equipos de destilación – procesos de acondicionamento. A continuación, desde as 19.00 ás 20.00 horas, explicarase a identificación práctica de compostos positivos e negativos para o aroma. Despois trataranse as xeralidades sobre a análise sensorial aplicada a destilados para finalizar a xornada coa degustación de oito destilados.
Ao día seguinte, sábado 19 de xaneiro, de 10.00 a 11.00 horas, Sandra Cortés falará sobre a elaboración de licores – materia prima – equipos de destilación – procesos de acondicionamento. Tras esta sesión teórica haberá unha degustación de licores tradicionais. Unha vez finalizada, a partir das 12.15 e ata as 13.00 horas terá lugar unha nova degustación mediante cata comentada de augardentes e licores de distinta orixe e procesos de elaboración, para definir descriptores sensoriais e peculiaridades a partir de dez mostras.
Esta actividade en Verín está dirixida por Jesús Manuel García Díaz, director do Centro Asociado á UNED en Ourense e coordinada por Luís José López Paadin, autor da Guía de Viños de Galicia.