Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A primeira semana de exames acolleu 130 probas en UNED Ourense de cidadáns que queren acceder aos estudos superiores

31 de mayo de 2021

O presidente do Tribunal e director do Centro Asociado subliñou o correcto comportamento e a ilusión nos alumnos presentados tanto á EBAU como nos do curso de Acceso para maiores de 25 e 45 anos.

OURENSE, 31 de maio de 2021.- Con normalidade celebrouse en UNED Ourense a primeira das dúas semanas de exames da Convocatoria de xuño 2021. Os estudantes matriculados en Graos e Mestrados  realizaron as súas probas pola aplicación Avex, excepto aqueles que no seu momento comunicaron mediante o formulario correspondente a necesidade de realizar eses exames en liña desde o Centro Asociado, porque na casa non teñen computador en condicións, carecen da internet…  o que lle sucede a unha minoría.

Presencialmente se realizaron, por decisión ministerial, os exames da EBAU para estudantes procedentes doutros países, que queren estudar nunha universidade española, e para todas aquelas persoas maiores de 25 ou de 45 anos que queren cursar unha carreira universitaria.

Entre os primeiros acudiron a UNED Ourense media ducia de mozos que estudaron a Secundaria en México, Panamá, Venezuela, Colombia ou en Portugal. Desde o luns, 24 ata o mércores 26, fixéronse  43 exames. Todos os mozos esforzáronse en responder as preguntas e saíron satisfeitos. Nos descansos comentaban a diferenza de nivel que atopan entre o ensino nos seus países e en España, maior aquí. Algún deles leva un ano residindo en España, en Ourense concretamente, e tivo que preparar algunhas materias da proba aquí. Todos acudiron á  EBAU coa ilusión de poder avanzar na súa formación cando entren na Universidade. Neste grupo hai mozos que queren matricularse en Mediciña, Enxeñería, Educación Infantil e Belas Artes.

Curso de Acceso de maiores de 25 e 45 anos      

Desde o mércores ata o sábado acudiron a examinarse aqueles cidadáns maiores de 25 e de 45 anos, que desexan poñerse a estudar unha carreira universitaria para seguir mellorando a súa vida profesional. O mércores, día 27, celebráronse 32 exames; o venres, día 28, houbo un total de 20 probas e na mañá do sábado, día 29, asistiron 32 persoas que realizaron en total 96 exames. En total fixéronse 130 exames en toda a semana.

Estamos na semana intermedia, de modo que volverán os exames a partir da próxima semana, desde o luns, 7 ao venres, 12 de xuño. Na tarde do luns haberá exames presenciais de Acceso para os estudantes que solicitaron reserva, é dicir, que por diversas causas xustificadas non puideron realizar algúns exames a semana pasada e poderán facerlles fronte o luns que vén.

O director de UNED Ourense e presidente do Tribunal de Exames, Jesús Manuel García, sinalou o bo desenvolvemento da primeira semana e o “excelente comportamento demostrado por todos os participantes. En todo momento respectáronse as medidas de seguridade establecidas, os estudantes puxeron o mellor de si mesmos sobre o papel, despois do gran esforzo que realizan preparando cada materia. É un pracer verlles con que ilusión veñen, coa de poder por fin matricularse o curso próximo na carreira dos seus desexos, na UNED. Mesmo temos un estudante octoxenario que vén desde Vigo, e que estuda polo pracer de facelo. E é un máis”.

García indicou que “cando están a piques de acceder á aula de exame animámolos a todos para que tenten desfacerse dos nervos, que non son boa compañía neses momentos. Tanto dano poden facer que conseguiron que algún alumno quedase literalmente en branco, despois de esforzarse en estudar. O contido deses exames é rigoroso, e só pódese superar se de verdade o  estudante responde á súa condición”.  “Oxalá superen todos as probas e poidan seguir o seu camiño de estudo tal como desexan”, manifestou o director e presidente do Tribunal.

 

                                                                                       

UNED Ourense

Comunicación                                       

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es