OURENSE, 24 de xuño de 2020.- O novo traballo está liderado por José Luis Aznarte e supón un avance cuantitativo importante respecto a outro, do mesmo equipo, publicado hai xustamente un ano, sobre un algoritmo matemático desenvolvido na UNED que elevaba a porcentaxe de acerto na clasificación do pole ao 97 por cento mentres que os sistemas baseados no traballo humano de identificación, sitúanse no 63’5 por cento.
Vostede moquea e lagrimea continuamente?, lle escocen os ollos, tenos arroibados e non soporta o escozor na gorxa?, nota inflamado o veo do padal?, ten dificultades para respirar?, subiulle a febre? Son os molestos síntomas de alerxia e un dos alergóxenos máis comúns é o pole. Para previr ou contrarrestar un destes episodios é preciso saber cantos grans se atopan suspendidos no aire e de que planta proceden. Así que se require clasificalos por especies. Un diagnóstico que, ata o de agora, esixía o cómputo, practicamente manual, microscopio mediante, do número de grans e a descrición da planta da que procede cada un.
A revista PLoS ONE publicou un estudo do profesor da UNED José Luis Aznarte, que presenta un sistema de detección e cálculo dixitalizados que permite a clasificación de ata 46 grans de pole distintos. Traballo que superou o presentado hai xustamente un ano, que xa supuxo un éxito ao permitir fotografar e analizar 7 especies distintas.
Os estudos de poles teñen aplicacións noutras ciencias, como a medicina, para a información e previsión dos índices de pole, os consellos de minimizar a exposición das persoas alérxicas e para activar nos centros sanitarios os protocolos de afluencia, atención e tratamento dos pacientes.
Na industria alimentaria, para certificar, por exemplo, a orixe e variedade do mel. Nas investigacións policiais, o tipo de pole e o seu número serve como referencia forense para situar o lugar de comisión do delito. E en paleobotánica a análise dos grans de pole permite reconstruír a flora dun espazo en determinado período de tempo. “O cálculo de grans de pole é unha tarefa tediosa e non moi estimulante, que consiste en aplicarse ao microscopio e contar “a ollo” cantos grans de cada especie hai nunha placa. O problema é que se parecen moito entre si, son difíciles de identificar. Tanto, que algúns tipos son considerados ata o de agora practicamente indistinguibles: Os investigadores levamos anos tratando de automatizar o proceso de cálculo de pole. Ter agora estas 46 especies perfectamente catalogadas é de gran importancia e utilidade porque nos permite desde axudar a persoas alérxicas a saber como está a cousa aí fóra, ata determinar o tipo de mel que se comercializa, pasando por aplicacións forenses ou a determinación da vida vexetal de hai milenios”, explica o profesor Aznarte.
Aida Fernández
Comunicación UNED