Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Varela Alén prantexa un novo repaso exhaustivo do legado galego de Antonio Palacios para percibir a complexidade do seu proceso creativo 

4 de octubre de 2021

O relator dixo que a obra do arquitecto porriñés segue sendo incómoda á hora de etiquetala pola súa personalidade poliédrica artística e cultural. As xornadas foron inauguradas polo director de UNED Ourense, quen salientou o acertado de coincidir coa Semana da Arquitectura

OURENSE, 4 de outubro de 2021.- Comezaron en Ourense as Xornadas que a UNED organizou para revisar o legado do arquitecto porriñés, Antonio Palacios Ramilo. A inauguración correu a cargo do director de UNED Ourense, doutor Jesús Manuel García Díaz, que estivo acompañado polo coordinador de Extensión Universitaria, doutor Roberto Ignacio Fernández López. García Díaz lembrou como no número 106, de Revísta de Arquitectura, correspondente a outubro de 1967, Adolfo González Amézqueta publicou o artigo: “A Arquitectura de Antonio Palacios”. O autor quixo profundar na obra do arquitecto galego, ao que se lle catalogaba superficialmente como arquitecto monumentalista, habendo moito máis onde profundar. Falando con xente que coñeceu a Palacios, "Amézqueta decatouse de que detrás do nome de Antonio Palacios repousaba unha obra moi complexa, menos simplista á vez que se lle foi mostrando un profundo enraizamento do arquitecto co seu tempo e coa súa contorna xeral, o español e o universal”. Amézqueta, dixo García, “advertiu naquel artigo revelador, que non estaría ben, certamente, porque sería de necios, poñer a Antonio Palacios nun pedestal incondicional. Tampouco rexeitar a súa obra tras aplicarlle o adxectivo de monumentalista ou calquera outro”. 

Amézqueta descubriu que Palacios foi un home “con excepcionais facultades de arquitecto, pero tamén un individuo consciente e nada irrealista, entregado incondicionalmente á arquitectura e a todos os seus problemas tanxentes. E é por iso polo que foi deixando na súa obra potentes testemuñas de si mesmo, da súa época e dos problemas que acosaban entón á arquitectura”, destacou o director de UNED Ourense.

“Sentimos a necesidade de mostrar, con estas xornadas, o bo facer palaciano nos seus diversos aspectos: arquitectura, urbanismo, debuxos, pedra, metal, azulexos, granito de Atios e Budiño e mármore puído. Deseño e enxeño dun gran arquitecto. E celebramos estas xornadas en plena Semana da Arquitectura, co cal a nosa proposta vén acertada”, expuxo Jesús Manuel García.

O director de UNED Ourense cedeu a palabra ao primeiro relator da semana, doutor José Luis Varela Alén, que sinalou que a figura de Antonio Palacios na arquitectura moderna española “segue sendo incómoda á hora de ser etiquetada” e iso débese, dixo, á súa “personalidade poliédrica a nivel creativo e de percepción artística e cultural intensa, nas que seguen existindo lagoas dado a súa case inexistente ou ás veces disperso legado”.

“Pero algo que resulta notorio e veraz son as constantes viaxes que Antonio Palacios realiza desde Madrid a Galicia, máis concretamente a Vigo ou ao seu O Porriño natal e familiar. Desas idas e vindas existe -grazas ás publicacións que a el se dedicaron- suficiente información fotográfica e de hemeroteca. Viaxar de Madrid a Galicia ou viceversa, sobre todo a principios do século XX, debía supoñer penetrarse, con moito máis tempo do que nos custa agora, nun territorio esencialmente diferente”, indicou o relator nesta primeira sesión inaugural.

José Luis Varela defendeu a necesidade de expor novamente “un exahustivo repaso da arquitectura palaciana realizada en Galicia, pero baixo un novo enfoque: o de percibir a complexidade do proceso creativo arquitectónico dun home, máis que capaz de traballar simultaneamente de maneira tan profusa, en Galicia e noutras localizacións, fundamentalmente en Madrid, que nos permite descubrir a versatilidade creativa a través das súas sorprendentes solucións contemporáneas”. Aínda que, máis aló dunha revisión conxunta, insistiu o conferenciante, “a intención é preguntarnos se realmente Palacios emprega en Galicia unha caixa de ferramentas proyectual diferente á que utiliza noutros lugares ou se, pola contra, a pesar dos vernices estilísticos, no fondo subxace unha mesma esencia arquitectónica”. “Estas viaxes, que se suceden durante case corenta anos, nos que Antonio Palacios proxectou e construíu viaxando física e imaginariamente a Galicia -como ocorreu durante a Guerra Civil-, non finalizan tras o seu falecemento: hoxe día, podemos constatar a persistencia desa perpetua trasfega”, manifestou Varela Alén no seu repaso da obra palaciana na cidade de Vigo e na súa contorna, onde o arquitecto porriñés deixou obras sobresalientes, tanto urbanas, como relixiosas e particulares, a máis diso monumentos públicos, e edificios de corte industrial e educativo.

ESTAS XORNADAS PODEN SEGUIRSE DE DÚAS MANEIRAS:

-Presencialmente acudindo ao salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel

-Oss que elixiron seguilas en directo via streaming adxuntamos un PDF coas instruccións a seguir. Quenes sexan alumnos da UNED aplican ás súas propias claves de acceso. Os que son alleos á UNED seguen as instruccións descritas e as súas claves de acceso serán estas:

 

Usuario:       alumno1

Contrasinal: 20121generico 

Logo os estudantes UNED e os NON UNED acceden (tal como está descrito no pdf) á ligazón:

http://www.intecca.uned.es/portalavip/directos.php?ID_Grabacion=490980&ID_Sala=320036  e verán na súa  pantalla o evento Xornadas Antonio Palacios (a conectarse ás 19 h).

Para recibir o diploma da Universidade é preciso matricularse.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es