OURENSE, 12 de setembro de 2019.- O Centro Asociado á UNED en Ourense celebrará unha xornada de portas abertas para todos os cidadáns os días 9 e 10 de outubro, ás 12.00 horas. As persoas que acudan serán informadas no salón de actos do Centro Asociado polo director e membros do persoal administrativo. Será o momento de coñecer como se estuda e como funciona a UNED, e o momento de aclarar dúbidas. Para quen acuda por primeira vez a esta cita faráselle un percorrido por todas as instalacións universitarias situadas nas Torres do Piñeiro, s/n, xunto á estrada de Vigo, en Ourense. O estudante da UNED intégrase nunha ampla comunidade virtual onde distintos servizos en-liña están ao seu alcance para dar resposta ás súas necesidades (cursos en aberto, comunidades virtuais de acollida, cursos virtuais, secretaría virtual, biblioteca, etc.). Nada máis iniciar o curso dispón dun Plan de Acollida que lle axudará nos seus primeiros pasos (Serie Os meus primeiros pasos na UNED). Ademais, cada materia ten a súa propia aula virtual con materiais complementarios, actividades, ferramentas de auto-avaliación, foros e chats, para que o estudante poida comunicarse co equipo docente, os profesores titores e os compañeiros. Así mesmo, o estudante pode integrarse en comunidades de estudo e traballo en-liña, formadas por compañeiros de calquera Centro Asociado.