OURENSE, de febreiro de 2019.- As Xornadas de Historia Contemporánea e do Tempo Presente, organizadas polo grupo de investigación HC1 da Facultade de Historia de Ourense en colaboración coa UNED, gozan dunha longa tradición dentro do panorama historiográfico galego. Nesta edición abordan o papel das dereitas e da Igrexa católica no tardofranquismo e a transición á democracia, as claves políticas, económicas e sociais do proceso de transición e o debate actual ao redor da vixencia e a reforma da Constitución de 1978.Terán lugar os días 11 e 12 de marzo, no Salón de Graos do Edificio de Ferro no Campus de Ourense. Consta de 10 horas lectivas e 0,5 créditos ECTS. As sesións serán todas presenciais.
En canto ao programa, o luns, 11 de marzo, ás 16.30 horas, será a recepción de participantes e inauguración das xornadas. Ás 16.30 horas comezará o primeiro relatorio a cargo de Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Santiago de Compostela, sobre Vixencia e reforma da Constitución española. Ás 18.00 horas intervirá José Ramón Rodríguez Lago, profesor titular de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo, co tema: A Igrexa católica e a transición á democracia en España.
O martes, 12 de marzo, ás 16.30 horas, falará o profesor titular de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo e titor UNED Ourense, Julio Prada Rodríguez, sobre As dereitas españolas no tardofranquismo e a transición á democracia. Seguiralle José Luis Barreiro Rivas, profesor titular de Ciencia Política na Universidade de Santiago de Compostela, quen fará unha exposición sobre As claves políticas, económicas e sociais da Transición española (1975-1982).
A matrícula é gratuíta ata cubrir o número de prazas, que son 50. No Comité Organizador están María Concepción Álvarez Gómez, secretaria do Centro UNED de Ourense e profesora titora do devandito Centro; Jesús de Juana López, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo e profesor titor da UNED así como Julio Prada Rodríguez, profesor titular de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo e titor da UNED.
No Comité Científico figuran Juan Andrés Branco Rodríguez, catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Salamanca; o catedrático Jesús De Juana López e os profesores titulares de Historia Contemporánea da Uvigo, Luís Domínguez Castro, José Ramón Rodríguez Lago, Julio Prada e Domingo Rodríguez Teijeiro, estes dous últimos tamén profesores titores do Centro Asociado á UNED en Ourense.
A coordinación corre a cargo de Jesús de Juana López e da dirección encárgase Julio Prada. Estas xornadas van dirixidas a estudantes de Historia, Xeografía e Historia, universitarios e interesados en xeral.
Os obxectivos esenciais das Xornadas de Historia Contemporánea e do Tempo Presente pasan por achegar ao alumnado e ao público interesado algúns dos principais debates historiográficos e as liñas de investigación relacionadas coa docencia da Historia Contemporánea e o Mundo Actual, tanto a nivel xeral como de Galicia. Na edición de 2019, ten como eixo de debate principal o proceso de transición á democracia en España e a Constitución de 1978.
En canto á metodoloxía, as xornadas teñen unha carga lectiva de 10 horas (6 presenciais e 4 online). As actividades online consistirán na realización de diversas tarefas relacionadas cos relatorios presentados e/ou o material complementario posto a disposición dos asistentes.
Patrocina o HCI: Grupo de investigación de Historia Contemporánea e colabora a Facultade de Historia da Universidade de Vigo.