OURENSE, 14 de marzo de 2019.- No seu 40 aniversario, a Constitución está moi presente na opinión pública. Moitos a reivindican e outros tantos desexan a súa reforma. Pero, ata que punto o noso Texto podería amoldarse ás esixencias que lle expón unha sociedade moi distinta á que existía a finais dos anos 70? En definitiva, cales son as luces e sombras do sistema constitucional español? Son preguntas que se tratarán nas xornadas Loces e sombras da Constitución española, que organiza a UNED desde o seu Centro Asociado en Ourense, consciente da necesidade de falar da Carta Magna neste seu aniversario. As xornadas celebraranse do 9 ao 11 de abril no Salón Progreso, da segunda planta do Centro Cultural Marcos Valcárcel. Consta de 10 horas lectivas e é presencial, e permitirán conseguir 0,5 créditos ECTS.
O programa abrirase o martes, 9 de abril, coa súa inauguración ás 16.00 horas. Ás 16.15 comezará o primeiro bloque, dedicado aos partidos políticos e o sistema electoral. Intervirá o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago, Roberto Branco Valdés co tema: Pasado, presente e futuro dos partidos políticos. Seguen sendo instrumentos representativos da vontade popular? Ás 17.15 falará José Agustín González-Ares Fernández, profesor contratado doutor de Dereito Constitucional da Universidade de Vigo, que tentará respostar á pregunta: É necesaria unha reforma da Constitución?
O segundo bloque da primeira xornada comezará ás 18.30 horas e está dedicado á liberdade de información e a liberdade de expresión. A esa hora intervirá Jesús Manuel García Díaz, doutor en Historia, xornalista de ampla experiencia e director do Centro UNED de Ourense. Falará sobre As fake news e a posverdade. Está en risco a democracia? Seguiralle, ás 19.30 horas, Antonio Piña Alonso, maxistrado e presidente da Audiencia Provincial de Ourense. O seu relatorio titúlase: Os xuízos paralelos nos medios de comunicación. Información ou share?
O mércores, 10 de abril, ás 16.00 horas comezará o terceiro bloque, dedicado ao dereito á liberdade, á tutela xudicial efectiva e á resocialización do reo. Para iso contarase coa intervención de Manuel Arias Carral, secretario xeral da Subdelegación do Goberno en Ourense, profesor asociado de Dereito Penal da Universidade de Vigo e ex director do Centro Penal de Pereiro de Aguiar. O seu relatorio titúlase: A constitucionalidade da prisión permanente revisable. Estamos ante o cadalso do século XXI?
Unha hora despois intervirá Fernando Alañon Olmedo, maxistrado da Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e profesor-titor do Centro Asociado á UNED en Ourense. Falará acerca das figuras do indulto e do aforamiento a debate. Derrogación ou renovación? Ás 18:15 horas comezará o cuarto bloque, dedicado ao Poder Xudicial. O tema escollido é A independencia do Poder Xudicial. Medidas necesarias para o seu correcto funcionamento, a cargo de Inés Celia Igrexas Canle, acreditada a Catedrática de Dereito Procesual da Universidade de Vigo e maxistrada suplente da Audiencia Provincial de Ourense. Tras a súa intervención producirase a de Miguel Ángel Cadenas Sobreira, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, quen falará de Os dereitos fundamentais dos xuíces e maxistrados. Participación política e dereito á folga.
Xa na terceira e última xornada, o xoves, 11 de abril, Ás 17.00 horas comezará o bloque quinto, dedicado á organización territorial do Estado. Sonia Rodríguez-Campos González, profesora titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo e directora da Escola Galega de Administración Pública, responderá á seguinte cuestión: Está esgotado o modelo territorial na Constitución de 1978? Tras ela, ás 18:00 horas, falará Luís Míguez Macho, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, co título: É necesario unha reconsideración da actual repartición competencial entre o Estado e as CC. AA.?
Estas xornadas contan cun número limitado de prazas fixado en 40. A matrícula ordinaria é de 10 euros. Van dirixidas a estudantes de Dereito, Ciencias Políticas e Socioloxía, Ciencias Xurídicas e da Administración, e público en xeral interesado. O obxectivo é profundar no coñecemento do período constitucional e analizar os principais elementos configuradores do sistema político abordando as luces e as sombras da súa evolución tras 40 anos de Constitución. Cuantan co patrocinio do HCI: Grupo de investigación de Historia Contemporánea e coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense.
A dirección corre a cargo de Mónica López Viso, profesora titora da UNED; a coordinación é responsabilidade do profesor titor da UNED Xullo Prada Rodríguez, encargándose de moderación Noa Ferreiro Ávila, graduada e Master Universitario en Dereito.