Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"É unha alegría poder recibirvos na UNED Senior"

4 de octubre de 2024

Coa benvida do director de UNED Ourense, botou a andar o novo curso de maiores, que nesta ocasión chega á súa décima edición coa cifra máis alta de matriculados: 115.

OURENSE, 4 de outubro de 2024. UNED Senior Ourense empezou o seu curso académico esta semana, no seu décimo aniversario. Nesta ocasión rexístrase o maior número de persoas maiores matriculadas. Estes veteranos ourensáns foron recibidos polo director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, na súa aula, que está situada no Centro Cultural Marcos Valcárcel. "É unha alegría poder recibirvos na UNED Sénior. Benvidos todos. Temos xente nova este ano, que apostaron por vir a esta familia. Aquí ídelo a pasar ben dado que as materias que escollestes son do voso interese, e aínda que esta formación non é regrada, si é moi interesante para persoas como vós, que vides polo gusto de saber, de continuar adquirindo coñecementos, e de relacionarvos co grupo de amigos que aquí formades", díxolles García Díaz.

A UNED Senior en Ourense está consolidada, é un servizo que a UNED presta ás persoas maiores que están cheas de ilusións, de ganas de seguir apostando por vivir e por gozar da vida. Os cambios sociodemográficos do últimos trinta anos acaecidos en España motivaron que as Universidades españolas estableceran plans específicos de formación permanente ao grupo de estudantes que superaron a idade de 55 anos. Estas accións son moi diversas, e van desde a impartición de ciclos de conferencias ata a creación de curricula organizados en cursos similares aos dos ensinos regrados. En calquera caso, teñen como obxectivo ofrecer a esta franxa de poboación unha formación permanente, continua e flexible que permita adquirir ou actualizar coñecementos, especialmente, en temáticas máis próximas e interesantes a este grupo poboacional. 

Grazas aos centros asociados e á metodoloxía, a UNED pode ofrecer unha formación que responda as necesidades dun grupo social que desexa engadir ás súas experiencias profesionais e coñecementos adquiridos ao longo da vida, outros coñecementos culturais diversos e unha maior comprensión da sociedade actual. A UNED Senior púxose en marcha, por acordo de Consello de Goberno da UNED, en xuño de 2008. Desde entón sentou as súas bases e atópase en pleno proceso de expansión.

A metodoloxía de ensino-aprendizaxe debe apoiarse sobre a experiencia social e laboral dos estudantes.

  •  Fomentaranse as actividades e traballos de campo: visitas a museos, xacementos arqueolóxicos, excursións xeográficas, asistencia a seminarios etc.
Metodoloxía para elaborar materiais didácticos: 

  1. Este programa disporá dun material específico segundo os bloques temáticos e estará conformado por guías didácticas de cada materia. 
  2. Esta Guía iníciase cunha presentación xeral na que se indicará a importancia e finalidade da mesma, introduciranse elementos de motivación aos estudantes e recomendarase o plan de traballo a seguir.
  3. A Guía debe procurar que os contidos desenvolvidos sexan orientados á adquisición de competencias de índole práctica e de aplicación inmediata.
  4. É importante a utilización de recursos audiovisuais como apoio complementario. 
  5. Cada Profesor-Titor elaborará un esquema da materia onde indicará obxectivos e contidos.
  6. A modo de orientación, o esquema non debe superar os dous folios e será supervisado polo Coordinador do Centro.
  7. Realizarase un seguimento dos estudantes

. Acompañaban ao director neste acto de benvida a coordinadora, María Concepción Álvarez Gómez e o PTGAS Luis Gulín Iglesias. García animou a todos os presentes a divertirse coas distintas sesións que teñen cada semana de clase, os luns e xoves, "e a sentirvos persoas vivas, moi útiles e capaces de afrontar moitos retos na medida dos vosos intereses. Grazas por vir á UNED. Gozade moito".

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es