OURENSE, 6 de marzo de 2020.- O Director da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) da UNED, Sixto Jansa Anadón, presentou na CEO aos empresarios ourensáns un resumo da oferta tecnolóxica e das modalidades de colaboración co propósito de informar e establecer contacto directo coas empresas e entidades presentes para reforzar as súas fortalezas e capacidades nalgunha das seguintes situacións:
1. Desenvolvemento de novos produtos e liñas de actividade
2. Asistencia en innovación de procesos e adquisición de tecnoloxía
3. Dixitalización, Robótica e Intelixencia Artificial
4. Incorporación e desenvolvemento do talento
5. Innovación e transformación do modelo de negocio
6. Participación en convocatorias de axuda á I+D+i
7. Auditoría tecnolóxica e determinación de oportunidades
8. Analítica de datos para a segmentación de clientes e determinación de prezos
9. Desenvolvemento de contidos e capacidades para o Turismo Rural
A primeira reunión tivo lugar na capital, fronte a un nutrido grupo de empresarios ademáis de representantes de entidades públicas como o Concello e a Deputación. O interese foi máximo por parte dos asistentes, todos eles de coñecidas firmas ourensás. Máis dun sorprendeuse da rica oferta da Universidade Nacional de Educación a Distancia. Jansa explicou a investigación científica como recurso complementario para empresas e entidades e mostrou 25 servizos que a UNED ten xa preparados para ofertar desde as áreas de: Matemáticas, Química e Física; Tecnoloxía, Turismo Cultural e Xestión. Aí inclúense accións como a analítica de datos para o márketing, a resonancia magnética nuclear, a aplicación de sensores, a aplicación da intelixencia artificial; laboratorios de supercomputación; traballos de control espectroscópico, a espectroscopía RAMAN e un longo etcétera de servizos que están ao dispor dos empresarios desta provincia.
A presidenta da CEO, Marisol Novoa, agradeceu esta iniciativa da Dirección do Centro Asociado á UNED en Ourense, tras unha primeira reunión preparatoria celebrada en outubro do 2019. Considerou o interese que supón a presenza dunha universidade como a UNED en Ourense para colaborar científica e tecnicamente entre os investigadores da Universidade e as empresas e entidades públicas de Ourense.
A seguinte cita tivo lugar na mañá do xoves, día 5, na sede da Asociación de Empresarios de Valdeorras (Aeva), no Barco. Ante membros directivos coa súa presidenta á fronte, Araceli Fernández, Jansa Anadón expuxo que pode ofrecer a UNED á patronal valdeorresa e sobre a mesa xurdiu un interesante debate que pode derivar en futuras accións concretas.
A delegación da UNED desprazouse pola tarde a Sobradelo, no Concello de Carballeda de Valdeorras, onde está situada a sede do Clúster da Pizarra de Galicia. Foi saudada polo presidente, Víctor Cobo e o seu equipo e alí falouse de aspectos concretos que preocupan ao sector e aos que a UNED podería poñer unha solución tecnolóxica.
Nas tres reunións celebradas, o director da UNED en Ourense, Jesús Manuel García Díaz, mostrou o agradecemento institucional da Universidade cara á CEO, Aeva e o Clúster da Pizarra de Galicia, insistindo en que é fundamental para este equipo directivo que a UNED estea cada vez máis presente en todos os sectores da nosa sociedade provincial. Engadiu que a potenciación das sedes da UNED é un dos obxectivos do Goberno de España para loitar contra o reto demográfico, sinalando que este aspecto non é novo para esta Universidade pública, pois o leva practicando desde a súa constitución hai 48 anos. De igual modo García indicou que o traballo que agora se afronta cos empresarios tamén ten que ver coa política de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible cada vez máis presente na UNED e en todos os seus centros.
As empresas de Ourense e as entidades de desenvolvemento local realizan a súa misión desde a base dos seus recursos técnicos e humanos nunha contorna competitiva e cambiante que evoluciona social, económica e tecnicamente. A UNED ten interese en poñer ao dispor dos axentes económicos da cidade e a provincia de Ourense, os resultados da súa actividade científica co obxectivo de proporcionar máis opcións de asistencia técnica e coñecemento experto de forma que directivos e técnicos poidan reforzar as súas capacidades en proxectos de innovación, desenvolvemento tecnolóxico e xestión do talento.
García Díaz dixo ante o colectivo empresarial que esta nova e importante acción, de claro beneficio para a provincia, é unha máis de outras que se irán materializando nos próximos meses e que suporán un revulsivo para a sede ourensá, seguindo o plan estratéxico que sobre este aspecto promove a Universidade Nacional de Educación a Distancia.