Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A UNED e a Deputación de Ourense se unen para potenciar o proxecto provincial EmprenDOU

10 de febrero de 2021

O reitor da Universidade, Ricardo Mairal Usón e o presidente da institución provincial, José Manuel Baltar, rubricaron o documento que axudará na promoción dos cidadáns que participan no proxecto emprendiendo desde os concellos máis rurais de Ourense

OURENSE, 10 de febreiro de 2021.- A UNED e a Deputación Provincial de Ourense asinaron un convenio de colaboración para que actúe como mecanismo coordinador na concreción de actuacións para cooperar no fomento do proxecto EmprenDOU, da institución provincial. Rubricaron o documento, o reitor da UNED, Ricardo Mairal Usón e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco. Desde o goberno provincial desenvólvense accións de fomento e apoio ao emprendemento co proxecto EmprenDOU, singularmente en zonas rurais como instrumento de creación de oportunidades profesionais e económicas con resultados positivos dada a creación dun centenar de proxectos distribuídos en toda a provincia aos que se desexa continuar apoiando para a súa consolidación e crecemento, así como para fomentar a creación de novas iniciativas.

Por parte da UNED, a través do seu Vicerreitorado de Investigación, Transferencia do Coñecemento e Divulgación Científica, do seu Centro Asociado en Ourense e do resto do claustro de investigadores e estrutura de xestión, ten entre os seus obxectivos prioritarios propiciar a educación superior, a investigación científica e a transferencia do coñecemento relacionados co emprendemento en colaboración con outras institucións que contribúan a un mellor aproveitamento do seu potencial. O obxecto deste convenio é consolidar proxectos con xornadas técnicas e de promoción, con accións de desenvolvemento por sectores de actividade e tamén crear novos proxectos de base científica e tecnolóxica. 

Desde a UNED achéganse actividades académicas conxuntas, conferencias e apoio na comunicación. A Deputación de Ourense programará e convocará actividades, establecerá a planificación de distintas iniciativas e estableceranse os acordos necesarios con outras entidades colaboradoras.

Entre as actividades que se poden levar a cabo figuran:

1.-Consolidación de proxectos: Xornadas técnicas e de promoción, que inclúe unha PRIMEIRA XORNADA TÉCNICA E DE PROMOCIÓN OURENSE EMPRENDOU

 Propósito: Trasladar aos emprendedores adscritos ao programa o apoio das dúas institucións, reforzar a autopercepción, impulsar a creación de comunidade e de grupos de colaboración, e propoñer a mellora continua dos sistemas de traballo e xestión dos emprendedores mediante a celebración dun encontro virtual cos seguintes contidos: 

  • Actualización da información sobre apoio económico e sobre o estado do programa OURENSE EMPRENDOU (Datos dispoñibles máis os resultados da enquisa).
  •  Relatorio sobre desenvolvemento de actividade e sobre mellores prácticas en emprendemento.
  •  Grupos de traballo por sectores dinamizados por un profesor da UNED ou un xestor da Deputación de Ourense.
  •  Presentación de conclusións e de nota de prensa promocional dos asistentes.
2. Accións de desenvolvemento por sectores de actividade XORNADAS SECTORIAIS DE DESENVOLVEMENTO OURENSE EMPRENDOU.

 Propósito: Realizar unha sesión monográfica sobre os aspectos técnicos e de xestión con potencial de utilidade para o desenvolvemento dos proxectos. A sesión contará coa participación de expertos, docentes e directivos de empresa vinculados coa actividade dos emprendedores:

Posibles contidos:

  •  Obradoiro: Elementos esenciais de promoción e comunicación comercial.
  •  Relatorio: Mellores prácticas para a mellora do produto ou servizo en volume, calidade, transformación e valor engadido, etc.
  •  Obradoiro: Elaboración do Plan de Negocio.
  •  Mesa redonda: Intervención de directivos de empresas potenciais clientes ou provedoras.
  •  Sesións de grupo: Posibilidades de colaboración entre emprendedores do mesmo sector en promoción, comercialización, compras conxuntas, etc.
 3. Creación de novos proxectos de emprendemento de base científica e tecnolóxica 

Propósito: Ofrecer aos actuais provedores e novas promocións contidos de traballo baseados en resultados de investigación universitaria e en programas de cualificación complementaria.

Contidos temáticos: 

  •  Fabricación 3D. 
  •  Dixitalización de procesos.
  •  Intelixencia artificial e análise de datos.
  •  Dinamizadores de turismo cultural.
  •  Xestores de patrimonio cultural.
  •  Mantemento de capacidades cognoscitivas (obradoiros de memoria). 
  •  Atención ás nais no embarazo.
  •  Atención ás familias na crianza.
  •  Comprensión lectora para escolares. 
  • Obradoiros escolares de robótica e programación.

Este convenio é un dos froitos dados pola xornada que UNED Ourense, por iniciativa do seu director, Jesús Manuel García Díaz, celebrou o pasado ano, días antes do confinamento xeral, cos empresarios ourensáns, desde as instalacións da CEO. Naquela sesión estaba presente tamén Luz Doporto Real, deputada de Igualdade, Benestar, Servizos Sociais e Emprego da Deputación ourensá. Esta mostrou un interese especial en colaborar coa Universidade, despois de seguir a intervención do director da Oficina de Transferencia da Investigación da UNED, Sixto Jansa Anadón.

UNED Ourense

Comunicacion

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es