OURENSE, 9 de setembro de 2024. O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, recibiu esta mañá ao subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos Martínez, quen quixo facer unha visita institucional ás instalacións da UNED. Devolveu así a visita que García Díaz fíxolle o pasado 12 de xullo e na que Santos mostrara o seu interese por coñecer a nosa universidade. Pasado o mediodía, chegaba o subdelegado do Goberno ao centro universitario, onde o director presentoulle ao persoal que nese momento estaba a traballar, para posteriormente manter unha reunión breve no seu despacho.
Eladio Santos preguntou polo funcionamento do centro asociado, por como se estrutura para que a UNED estea presente na nosa provincia. Tamén se interesou polos profesores titores e polo persoal administrativo. García Díaz explicoulle como acceden os profesores titores, que son colaboradores da UNED, e como para que o centro funcione, necesítase o apoio do Consorcio de UNED Ourense, creado hai 32 anos, e no que son parte imprescindible a Deputación Provincial de Ourense, o Concello de Ourense e a propia UNED, ademáis de contar coa presenza tamén importante da Xunta e do Concello da Rúa. "Grazas a este Consorcio temos centro universitario e persoal para que a UNED poida levar a cabo a súa misión formativa na nosa terra. O noso agradecemento é permanente ás súas institucións integrantes", díxolle o director. E grazas a esa presenza do Consorcio, a Dirección do centro pode levar a cabo todo o complexo labor que a UNED, a través do seu Reitorado e Facultades, ofrece aos estudantes. Eladio Santos escoitou con atención e tamén se interesou polos cursos de formación, á parte dos graos, que ofrece UNED Ourense.
Acabada a reunión, o director de UNED Ourense guiou ao subdelegado do Goberno por todas as dependencias do Centro, nas súas dúas plantas. Viu a aula de probas presenciais, os laboratorios de Química, Física, Informática; as salas nas que se poden emitir conferencias; o salón de actos, a sala de profesores e todas as titorías que balizan os corredores da primeira planta, sen esquecer a sala de lectura, que sorprendeu a Santos Martínez polo modelo de mesas inclinadas, "as mesas típicas de biblioteca, que son as mellores", dixo. Tamén coñeceu o sistema informático para os exames, un sistema único e exclusivo da UNED, que permite celebrar centos de milleiros de exames en tempo real e con milleiros de casuísticas, tanto en España como en varios países do mundo onde a UNED ten centros.
A visita rematou na Biblioteca Xeración Perdida, onde o subdelegado observou os milleiros de libros de todos os graos da UNED que alí se conservan. "Teñen un centro moi ben equipado, con pantallas e material de última xeración", ao que o director engadiu: "e todo o sistema de instalacións dixital de conexións que non se ve. Un centro da UNED como este é moi complexo". Eladio Santos sinalou que "aquí teñen de todo, teñen todos os libros así que só falta motivación", dixo cun sorriso. E a motivación vémola nos nosos estudantes que se toman moi en serio a súa tarefa. "Hai estudantes nosos moi motivados porque saben onde poden chegar formándose cómodamente, pero sen decaer no esforzo, na nosa Universidade, que democratiza o acceso de toda a sociedade aos estudos superiores", sinalou Jesús Manuel García.
UNED Ourense
Comunicación