OURENSE, 7 de abril de 2021.-Tras o descanso das vacacións de Semana Santa, a UNED volve co seu segundo ciclo de conferencias sobre Intelixencia Artificial que está a celebrar en Ourense. Todas se emiten en liña desde o Centro de Intelixencia Artificial da cidade, ás 12.00 horas, dentro da serie do devandito Centro, Os Venres con IA. Nesta ocasión tócalle a quenda ao profesor axudante doutor Andrés Duque Fernández, cuxo tema a desenvolver é: Tradución automática. Evolución histórica, aproximacións actuais e desafíos abertos. A tradución automática foi sempre una das puntas de lanza da investigación en Procesamento da Linguaxe Natural (PLN), así como unha das aplicacións máis visibles deste na industria. O desenvolvemento de sistemas que transformen fragmentos de texto dun idioma orixe a un idioma obxectivo de maneira automática é un campo que foi testemuña de primeira liña de todos os grandes avances en PLN desde os anos 40-50.
Nesta presentación, o profesor Duque Fernández realizará un percorrido pola evolución dos sistemas de tradución automática, desde os primeiros sistemas baseados en regras, pasando polos sistemas estatísticos, ata chegar aos modernos modelos neuronais de aprendizaxe profunda. Exploraranse as características máis significativas de cada aproximación, as súas vantaxes e inconvenientes e as súas implementacións máis coñecidas. Finalmente, analizaranse os desafíos actuais aos que se enfronta o campo da tradución automática, como a utilización do discurso como contexto ampliado, a tradución en idiomas con poucos recursos ou a tradución multimodal, entre outros. Andrés Duque Fernández é enxeñeiro en Informática (2009) e Máster en Ciencia e Tecnoloxía Informática (2010) pola Universidade Carlos III de Madrid. Doutor en Sistemas Intelixentes (2017, Premio Extraordinario de Doutoramento) pola UNED, está especializado en Intelixencia Artificial e Procesamento da Linguaxe Natural (PLN). A súa tese doutoral Word Sense Disambiguation in Multilingual Contexts céntrase no problema da desambiguación semántica (discriminación do sentido correcto de palabras polisémicas en función do seu contexto) en múltiples idiomas, tanto nun dominio xeral como no dominio biomédico. As súas áreas de coñecemento e investigación son o PLN enfocado a textos biomédicos, así como o aprendizaxe máquina e técnicas de Big Data aplicadas a este campo.
Este ciclo conta co apoio económico do Vicerreitorado de Investigación, Transferencia do Coñecemento e Divulgación Científica da UNED.
Para seguir en directo e en diferido a conferencia de Duque Fernández, picar aquí.
UNED Ourense
Comunicación