OURENSE, 8 de outubro de 2021.-Felipe Senén López Gómez falou do monumento máis representativo do Carballiño e un dos do século XX, ou sexa, o Templo da Veracruz. "Iso mesmo pretendía o seu arquitecto, Antonio Palacios Ramilo (1874-1945). Un templo para un tempo e para unha encrucillada, onde venerar un Lignum Crucis... en realidade O Carballiño ten dous relicarios da mesma feitura franciscana, pero ese é outro capítulo", sinalou o relator na UNED.
Simbolismo de alicerces teosóficos: realismo máxico
Antonio Palacios, sinalou o relator, " tiña vellos amigos no Ourense da Xeración Nós, aos que coñecía dos parladoiros madrileños do café da Granja del Henar. Tamén os tiña entre os coengos da Catedral de Ourense, esa fortaleza que concilia todos os estilos e onde a barroca capela do Cristo ofrece recendos orientais, os que tanto alentaban a Risco. E o sentir do influínte Vicente Risco, mestre de mestres, a súa filosofía, ou mellor teosofía fundamentábase no espírito, no que se circunscriben tradicións, creacións, relacións que debuxan éticas e estéticas, a cultura dun pobo, a que cada individuo leva posta e sirve para identificalo a un grupo. Asuntos aprendidos polo ourensán nos parladoiros da Marquesa de Atalaya Bermeja, Angelita Varela e do clérigo e intelectual Antonio Rey Soto, coñecedores e difusores da teósofa Helena Petrova Blavatsky...". Algo semellante, continúa o relator, "acontecía nos parladoiros pontevedreses dos Pintos Fonseca: grupos nos que se valoraba o estudo das civilizacións, o orientalismo, as orixes como fonte da orixinalidade, a simboloxía e dentro dela eses principios que unen o cabo da vida co da morte, a cosmogonía. Sentimento fondamente exótico, modernista que alentaba tamén o realismo máxico de Antonio Palacios, como de outros arquitectos tan propicios aos sentimentos teosóficos, cando non masónicos. Diferencia, distinción fronte uniformización, unidade na diversidade que eso é o que significa universal e universidade".
A Veracruz, Summa dos saberes e ansias arquitectónicas de Antonio Palacios
"Así que don Luciano Evaristo Vaamonde da Cortiña (1880 Moreiras, Ourense-1961 Carballiño), o párroco do Carballiño, de 1930 a 1961 -naqueles anos de posguerra, os que co medo e coa ditadura fixeron virar liberdades- busca o mellor arquitecto para un “Palacio para Dios”... pois a vella parroquial resulta pequena para os fregueses. E todos o levan ao porriñés que triunfa no Madrid modernista, Antonio Palacios: dende o bispado aos enxeñeiros das obras do ferrocarril, ata as estanqueiras do Hotel Carlos. Pois o irmán maior do arquitecto, Xesús, enxeñeiro no 1896 frecuentaba a vila polo encargo dun primeiro plan urbanístico que non chegaría a realizarse. Así que aproveitan uns daqueles veráns en que o arquitecto revisa obras en Panxón e en Vigo pra contarllo e accede axiña. Pois a idea xa a tiña bosquexada para o templo da Visitación das Salesas Reais na Guía de Vigo, onde a torre, erguida ao ceo, sería como un faro, como un gran cruceiro, seguindo pautas vaticanas de entón: o triunfo da cruz nunha Europa dividida. Proxecto que non foi e que se complementaba no Carballiño cun complexo espiritual que vencellaba o templo cun hotel. Comezaríase polo templo", manifestou López Gómez. "Tanto as memorias de Don Evaristo como a do arquitecto encétanse laudando a Cristo e á Cruz. O arquitecto pon un significativo “Hoc Sign o vincis” e don Evaristo a súa xaculatoria preferida e detente, Sagrado Corazón de Jesús en vos confío”.
Un templo-cruceiro na encrucillada e unha trindade: promotor, constructor e arquitecto
Na súa intervención nas Xornadas organizadas pola UNED, Felips Senén contou que o arquitecto "busca e atopa o lugar, a cota máis alta na topografía da vila, as agras da Escada da Carpaceira....e arredor dela trama unha proposta urbanística en función dun eixo: a estación do Ferrocarril e o Concello e no centro, a Veracruz. Ise sería o `novo Carballiño que a Veracruz creará´, glorietas, coas súas grandes avenidas, edificios en ritmos..."
Prosegue o relator sinalando que no Nadal do 1943 Antonio Palacios "presenta gratuitamente os planos e primeiros bocexos: “O Templo da Veracruz do Carballiño e o Hostal do Peregrino”, intercambia ideas e afervoa no proxecto ao construtor Adolfo Otero Landeiro e ao párroco don Evaristo. Así que o 20 de xuño con solemnidade nacionalcatolicista ponse a primeira pedra. Acto no que se gastaron as máis dunha ducia de miles de pesetas que se tiñan aforradas pra iniciar as obras".
Xa no verán do ano seguinte, 1943, o arquitecto pasará días no Carballiño, "entre o encofrado de madeira, pedra bruta e arcos que na cabeceira do templo queren apuntar ao ceo. Fala cos obreiros, aconséllaos con debuxos e fai probas para que queden como modelo respecto ao chan de retrincos de lousa, a cuberta, elixe tipos de pedra e escolle a das canteiras inmediatas da Pena. Dálle parabéns ao construtor e canteiros por entender a súa idea".
En agosto de 1945 "don Evaristo e Otero visitan a Palacios no Cuarto de no estar, o obradoiro de 2x2 metros da súa pequena casa madrileña do Plantío. Reciben apuntes e bocexos. Aproveitan tamén a estancia na capital para buscar axudas, fanlle entregar ao ditador a memoria das obras... non houbo resposta. Segue co arquitecto unha correspondencia moi intensa, intercambio de ideas e fotografías. En outubro agrávase a enfermidade do arquitecto que morre o día 27. Sobrevén a crise, os enxeñeiros, amigos e alumnos de Palacios que participan nas obras do ferrocarril, entre eles o carballiñés, Marcelino Enríquez Parrondo, Roberto Canales de Agustina e o arquitecto Alex alentan aos promotores do templo. O arquitecto Robustiano Fernández Cochón vixía as obras. E no 1948 o aparellador Rafael Jorreto Calpe ponse ao fronte delas coa supervisión do arquitecto ourensán Conde Fidalgo".
"Pola construción de encoros escasea o formigón, asunto que facilita o alcalde Xulio Rasilla encargado de fornecer de cemento ás obras públicas...pero como por milagre -que don Evaristo interpreta intercesión do xesuíta Francico de Garate, enfermeiro no colexio xesuítico de Camposancos, porteiro de Deusto- todo se vai conseguindo. O Congreso Eucarístico de Barcelona, en Marzo de 1952 acende o fervor e o 17 de setembro, conságrase o templo".
Construción documentada por bocexo, planos, memorias do construtor e do párroco
Di Felipe Senén que "pese ao que se veu dicindo desa obra póstuma do arquitecto, poucos monumentos ofrecen tanta documentación: memoria, planos, bocexos, debuxos, fotografía cartas do arquitecto, repartidos entre a parroquia, a familia do construtor, copias e algúns debuxos e documentos que garda servidor. Ao que hai que sumar a memoria, día a día do párroco e aínda máis as testemuñas escritas e mesmo publicadas por Adolfo Otero Cerdeira, o fillo de Otero Landeiro, mozo aquel criado entre as pedras, as grúas, os canteiros e os mesmos consellos de Palacios, no libro Santuario da Veracruz de San Cibrán do Carballiño (2004). Adolfo Otero, Cerdeira era o canteiro que seguía a facer bailar as pedras iso mesmo me demostrou na Cabanelas que tanto quería, saberes e bonhomía que transmitiu e seguen os seus irmáns e fillos".
Obra da constancia, do saber galego, da paixón...da Esperanza
"A esperanza adubada con iniciativas “pro templo da Veracruz” e retrousos como “limosna para el templo de la Veracruz”, entre pregarias, animaban a que o templo se fose erguendo, de vagar. Un día do San Cibrao do 1956 falece o construtor, máis seguen os fillos. E no 12 de xullo do 57 ponse a derradeira pedra do ameado da torre. A estrutura do templo está rematada. No 18 de abril do1961 falece don Evaristo. De seguido o desbaraxuste urbanístico e a ignorancia". Estamos ante unha
arquitectura "que unifica unha trindade de intereses do arquitecto: as pedras, osamenta de Galiza/ o saber dos artesáns canteiros/ as arquitecturas históricas de Galiza. Pra recrear con iso un estilo propio, expresionista dende o brutalismo, deica a delicadeza da labra, dentro dun modernismo final, ecléctico, de espírito panceltista occidental atlántico: o megalitismo, as cruces aureoladas, as torres, o espírito gótico europeo, o que petaba coa esencial funcionalidade, os novos materiais e técnicas construtivas do Movemento Moderno. Alguén dixo que o templo da Veracruz é a derradeira catedral de pedra”.
A carga simbólica, a lección de saberes arquitectónicos e artesáns
Sinala Felipe Senén que a Veracruz carballiñesa é "obra que pretende insuflarse de espírito en fondo e forma, cargada de simbolismo, dividida en planta en tres partes, a distintos niveis, como unha ascese: a primeira a torre coa súa entrada cuberta, seguindo tradicións dos pórticos e contrapórticos; a segunda era o adro interior onde iría a sancristía e o baptisterio, separado da rotonda circular-altar-deambulatorio por un gran arco parabólico (tres puntos diferentes e un solo arco verdadeiro) onde as dovelas serían doce santos galegos e que acabaron sendo, atinadamente os doce apóstolos e Cristo na clave. Figuras labradas in situ e “en románico”, sacadas de esmaltes, por un mociño do Irixo, de boina, pana e zocos, Xesús Saavedra, santeiro dedicado a labrar santos pra panteóns. Don Evaristo dálle unhas estampiñas cos modelos de Apóstolos, o construtor debúxaos ao seu xeito de popular solemnidade e velaí o resultado. Dicía Chamoso que “o canteiro galego fai románico como o verme da seda fai a seda”.
"Igrexa á que se accedía a cada unha destas partes por chanzos, (subirei ao altar de Deus), buscando a luz que se concentraba baixo a gran cúpula erguida sobre oito xigantescas columnas oitavadas, inspiradas na orde galega, a dos varais dos cruceiros e solainas. Recordase así, no corazón do templo ás vítimas de Oseira do 1919, tiroteadas cando defendían o baldaquino. No fronte o deambulatorio, estilizando o dos templos cistercienses, Oseira, Melón... Aquí as columnas son dunha peza, unha delas sufriu un golpe na mesma construción e remendouse tan habilmente que hoxe é unha lección de cantería. Charola arredor da reliquia do lignun-crucis que iría colocada nunha cruz deseñada por Palacios, obra de ourive, recreando sobre o barroco de placas, compostelán, como reforzando esa homenaxe ao Deus Xeómetra do universo.... Idea de que se deixou pra poñer un esvelto e ben acaído Cristo, obra do escultor compostelán Aldrey, autor de varias outras imaxes do templo, como o San Cibrao de Cartago. Patrón con capela presidida por unha gran celosía en arco de ferradura, a carón da que sería capela da Inmaculada, pola contra, esta sen celosía central, paramento para o que se pretendía unha pintura mural. Quizais solucionada como en Panxón, en arco de vidro". O conferenciante engadiu que Otero Pedrayo "gababa a arte de Palacios, esa torre da Veracruz que outea horizontes. Xosé Calviño, delegado de La Noche, de La Región, colaborador nas páxinas parroquias de El Ambiente, pese a non estar tan apegado á relixión como os seus “irmáns” galeguistas, deixou crónicas moi expresivas sobre aqueles días e obras dun arquitecto “da raza” que asinaba os presupostos éticos e estéticos dun Nós para os que a orixinalidade radica nas orixes".
"A proposta e informada por quen isto escribe, a Veracruz do Carballiño foi declarada Ben de Interese Cultural de Galicia coa categoría de Monumento por Decreto 285/1955 do 5 de Outubro, sendo director xeral de Patrimonio Histórico da Xunta de Galicia Angel Sicart. Na Veracruz acouga a nosa particular e colectiva historia parroquial, parte de moitos, de algúns que, grazas a Deus, seguimos sendo pra seguila contando".
UNED Ourense
Comunicación