Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"O fascismo en Galicia. Das orixes ao Dereito de Unificación", novo libro do profesor tutor Julio Prada

11 de enero de 2024

O catedrático de Historia Contemporánea intenta respostar tres cuestións: quen foron os falanxistas, por que se converteron en falanxistas e que fixeron en condición de tales.

OURENSE, 11 de xaneiro de 2024. O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo e titor do Centro Asociado á UNED en Ourense, Julio Prada Rodríguez conta cun novo libro. Trátase do Fascismo en Galicia. Das orixes ao dereito de Unificación, editado polo Centro de Estudos Políticos e Constitucionais, en Madrid. Como sinala o autor, as análises sobre o fascismo en xeral "estiveron marcadas durante décadas pola divisoria militante fascismo vs. antifascismo, ao que no caso español habería que sumar a súa relación coa, no seu momento debatida, cuestión da natureza do réxime franquista. Este feito, unido á progresiva dexeneración á que se viu sometido o concepto de fascismo, contribuíu ao espallamento de estudos nos que determinados aspectos particularmente incómodos resultaban abeirados a prol da construción dun relato compatible coa realidade política e social desexada, o que á súa vez acentuou a propensión para seleccionar de forma preferente os feitos que mellor se acomodasen a esa narrativa e a interpretalos conforme a aquela". Deste xeito, indica Prada Rodríguez, "o presente imaxinado tendía a converterse no árbitro supremo para axuízar o que ocorrera en realidade e, sobre todo, á hora de construír unha certa hermenéutica que, en ocasións, estaba máis guiada pola pretensión de gañar no pasado as batallas perdidas ou non establecidas no presente".

 "A escaseza de fontes para o período anterior á sublevación militar acabou por reforzar esta tendencia. Do mesmo xeito que a contrastada inclinación de quen se identificou obxectivamente co fascismo e de quen só pretendían simulalo a (re)construír as súas propias experiencias vitais para gozar dos beneficios e proveitos da vitoria. O abafador peso destes últimos nos milleiros de informes de conduta, pregos de descargo e follas de servizo redactadas en ton heroico coa esperanza de obter o máis variado repertorio de recompensas e prebendas ou o prezado aval, dificulta excesivamente ofrecer unha lectura o máis ecuánime posible de tales percorridos", asegura o autor desta monografía. A isto pretende dar resposta este libro, no que o doutor Julio Prada Rodríguez, repasa a traxectoria dos diferentes núcleos fascistas, desde os primeiros conatos vinculados á Conquista do Estado ata a creación de FET e das JONS. Partindo do relato da súa evolución ao longo do axitado sexenio que separa o xurdimento daqueles e a entrada en vigor do Decreto de Unificación, o autor pasa revista a algunha das cuestións máis controvertidas, en particular as relacionadas coa violencia política durante a Segunda República, a composición sociolóxica dos seguidores das diferentes formacións fascistas e os intereses aos que servían, a implicación de afiliados e simpatizantes na conspiración militar, as tensións entre discurso e praxe, os elementos referenciais da comunidade falanxista ou o seu papel na mobilización bélica e o control da retagarda durante o período álxido da represión. Para iso, este historiador percorre a un amplo elenco de fontes, que van desde as memorias e testemuños orais dos protagonistas á abundante prensa rexional, pasando pola documentación procedente de arquivos privados e públicos, en particular os de orixe militar que son os que, en última instancia, permiten respostar as cuestións esenciais que se expoñen nesta exhaustiva investigación: quen foron os falanxistas, por que se converteron en falanxistas e que fixeron como tales falanxistas. Tamén se presta especial atención ao proceso que conduce á creación dun partido de masas no contexto da guerra civil, no cal van confluír as diferentes tradicións contrarrevolucionarias e reaccionarias hispanas que viñan de moi atrás. Neste contexto, o traballo de J. Prada permite documentar "como a demagoxia populista e radical dos primeiros tempos foi administrada con gran habilidade polos militares golpistas para non xerar 'divisións internas' e, ao mesmo tempo, beneficiarse do potencial movilizador da Falanxe. Isto explicaría por que a anunciada 'revolución nacionalsindicalista' acabou por desembocar nunha sempiterna 'revolución pendente', moi útil á hora de conxugar unha retórica incendiaria e subversiva cunha praxe reaccionaria e antirrevolucionaria da que aínda participaban con máis entusiasmo outros actores non menos decisivos e desde sempre vencellados ao statu quo, caso do Exército ou a Igrexa". 

As escasas simpatías cara ao nacionalsindicalismo de ambas as dúas entidades e a súa enorme capacidade de influencia restaron capacidade de manobra aos falanxistas, pero aínda así o Novo Estado "asumiu algúns elementos característicos do fascismo —e non só os puramente formais—, pero que non era tan fascista como pretendían aqueles. Pactar co establishment para asegurar a vitoria e máis tarde participar na súa administración nos distintos niveis do poder, aceptando con maior ou menor desgusto unha forzada unificación cos carlistas, era a todo o máis que podía aspirar un movemento cuxa carencia de empuxe para a conquista en solitario do Estado leváralle a embarcarse nunha operación que acabou adquirindo un inequívoco signo antirrevolucionario, conservador e reaccionario". 

Unha das grandes achegas do libro é que vén demostrar que a alianza entre eses sectores "non xorde da dexeneración do golpe en guerra civil, senón que é o resultado dun proceso dinámico, iniciado con anterioridade". 

Como sinala o autor, "parecese que o noso particular fascismo —ou, se se prefire, o modo en que tratou de implementarse o fascismo nalgúns puntos de Galicia— quixese axeitar  determinados aspectos da súa praxe para non resultar en exceso incómodo aos ollos dos grupos dirixentes tradicionais. De feito, como apunta aquel, as elites locais tradicionais sempre salientaran polo seu carácter retrógrado e pouco inclinado a propostas radicalmente modernizadoras que fosen máis aló do retórico, e outro tanto fixeran aqueles sectores das clases medias para os cales o esencial era a salvagarda deses valores constitutivos da orde social ameazada. Esta defensa fixaba con claridade os límites desa pretendida revolución tamén para os seus descendentes, aos que o fascismo permitía harmonizar os seus intereses de clase coa transgresión asociada ao moderno e a posibilidade de sentirse parte activa no deseño dun proxecto político de futuro. Pero o certo é que, mesmo antes da sublevación militar, non mostraron excesiva predisposición a ir moito máis alá do recurso á escenografía propia do movemento e a xestión da violencia nas rúas, claramente orientada a xerar unha situación de desorde que crease as condicións necesarias para a aceptación da intervención dun estamento con tan poucas pretensións de subverter a orde tradicional como o Exército". 

salientaban pola súa vocación revolucionaria, pero que en moitos aspectos achábanse en franco proceso de fascistización ou, se se quere, de algo que ía máis aló dunha mera confluencia táctica co falanxismo". 

Capacidade de atracción

Isto último, a xuízo do autor da investigación, "viña poñer de manifesto a capacidade de atracción e de integración que tiña o fascismo sobre outras forzas reaccionarias/contrarrevolucionarias, ben é verdade que unha vez que estas se mostraron incapaces de salvagardar os seus propios intereses polas vías tradicionais. O ocorrido durante a etapa da Fronte Popular e, sobre todo, na guerra civil acabaría por erixirse no principal aglutinante de reacción e contrarrevolución, pero o resultado final enténdese moito mellor se se contempla á luz dos marcos de fascistización previos. Uns marcos que excedían os estreitos límites dos partidos para proxectarse sobre espazos sociais nos que concepcións diversas eran, con todo, susceptibles de recoñecerse nunha serie de elementos comúns capaces de funcionar como engarce de tradicións plurais, pero non antagónicas". A derivada deste proceso non se traduciu, segundo a tese que se sostén neste traballo, "nunha mera operación restauradora. E non só porque fose necesario reservar algunhas parcelas de poder para aqueles latecomers aos que era necesario retribuír pola súa contribución á vitoria. O que comeza a intuírse desde a fase do golpe de estado e despunta ao longo da guerra civil e tras a vitoria do bando franquista é algo diferente ao existente con anterioridade". Non podía ser doutro xeito porque, como apunta Julio Prada, tras o golpe de estado e a guerra civil, "tampouco podían ser idénticos os paradigmas sociais e culturais, a orde política e as bases de lexitimación do que emerxe dos campos de batalla. Sen dúbida as masas que empezan a desembarcar en Falanxe nos meses previos ao golpe de estado non teñen exactamente a mesma procedencia, análoga formación política nen idéntica visión futura do Estado, pero tampouco o é a perspectiva dos sectores reaccionarios que lle prestan o seu apoio".

¿Reaccionarismo nacionalista inserido no que pretendeu ser a gran revolución fascista?, pregunta o autor, para respostar en sentido afirmativo, non sen matizar que "para quen optou —ou se viron obrigados a optar— por a devandita fórmula, aquel fascismo e o fascismo resultante terían que alonxarse, e moito, da pretendida revolución nacionalsindicalista".

Como recorda Prada, o propio José Antonio Primo de Rivera manifestara que «a toda a organización de Galicia faille falta unha unificación de pensamento e de estilo», confiando, quizais, en que un mero cambio de dirixentes sería capaz de imprimírllela. Pero para elo, primeiro, como se demostra na obra, "fose desexado que a totalidade dos seus dirixentes provinciais e locais e as súas bases creran  realmente na revolución que predicaban e, despois, que poideran facela posible. Sendo algo máis que dubidoso que todos coincidisen no primeiro e debendo acudir a outras entidades —o Exército e a Igrexa, no fundamental— para rechear os hocos que o potencial integrador da nación non acadaba a colmar, enténdese millor que as camisas azuis —'novas' e 'vellas'—, ademais de cubrir ls ardorosos peitos da xuventude lanzada a á reconquista da Patria co ideal nacionalsindicalista como divisa, acabasen servindo de rebuxo ás forzas tradicionais para que estas consumasen a misión histórica que o partido non poidera conquerir por si mesmo. Iso si —como conclúe o autor—, aínda que o novo distase moito de ser o mesmo que o antigo e fose preciso conciliar sensibilidades internas moi diferentes en aras dun proxecto de integración que garantise o esencial do que unhas e outras perseguían".

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es