Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

O director de UNED Ourense amosa a pegada haussmanista no proxecto de Antonio Palacios para a catedral ourensá

3 de enero de 2022

O artigo de Jesús Manuel García publícase no último número do Boletín Auriense, recentemente presentado.

OURENSE, 3 de xaneiro de 2022. O director de UNED Ourense, doutor Jesús Manuel García Díaz, publicou un novo traballo sobre o arquitecto Antonio Palacios en Ourense. Trátase do estudo da pegada haussmanista no proxecto que o arquitecto trazou para abrir unha praza diante da fachada principal da catedral da cidade de As Burgas. O artigo titúlase O plan de Antonio Palacios como un eco haussmanista en Ourense, que publica o último número do Boletín Auriense, no seu Tomo L, edición de 2020, que se presentou hai uns días, o pasado decembro por parte do Grupo Marcelo Macías, do Museo Arqueolóxico de Ourense.

O autor do traballo, que previamente estudara en profundidade a historia da Praza de San Martiño, reconstruíndoa nunha monografía; o rexionalismo palaciano e mesmo deu a coñecer unha carta do arquitecto conservada nun arquivo privado da capital, analiza neste novo traballo a clara influencia do que unhas décadas antes levara a cabo o Barón de Haussmann no París decimonónico.

 “No presente artigo tratamos de ver a pegada do haussmanismo que trasluce o proxecto do arquitecto Antonio Palacios Ramilo para dotar á catedral de Ourense dun acceso pola súa fachada occidental, co deseño dunha gran praza que obrigaría a derrubar casas vellas e insalubres, en palabras dos prohombres da cidade naquel momento, finais dos anos 20 do pasado século. Abrir espazos urbanos sen importar a zona, co fin de favorecer ao monumento, neste caso a catedral, estaba na mente dos ourensáns de entón e o seu defensa non facía máis que lembrar parte da filosofía do Barón Haussmann no París da segunda metade do XIX. O proxecto de Palacios nunca se construíu pois a actual praza de San Martiño é obra de Francisco Pons Sorolla, a finais da década dos anos 70 do pasado século”, sinala García Díaz, quen non oculta a súa fascinación pola obra palaciana. De feito a el debeuse a celebración en Ourense das Xornadas da UNED sobre o legado arquitectónico e urbanístico de Palacios, o pasado outubro, que contaron con especialistas, algúns dos cales participaron na organización da exposición que sobre o gran arquitecto porriñés celébrase no Museo do Mar en Vigo, incluído o comisario da mostra.

 Ao longo de 32 páxinas o director de UNED Ourense vai desvelando os detalles que son debedores do espírito urbanístico do barón francés. Iso detéctase en numerosas ocasións, desde as propias trazas do proxecto ata os acesos discursos na tarde noite na catedral, cando se celebrou a presentación ao público do que Antonio Palacios deseñara para a catedral. Basilio Álvarez foi un dos defensores de tirar as casas e abrir un espazo saudable. Pero tamén estaban polo labor o Bispado, o Concello, A Deputación e a propia Coroa. De todos eles hai mostras na documentación que son ecos transparentes do que no París do XIX levou a cabo, con outra magnitude, Haussmann. O artigo apóiase en documentos e bibliografía que van balizando os pés de páxina ata chegar a 109 referencias. 

 

Podes ler o artigo nesta ligazón.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es