OURENSE, 30 de maio de 2022. O comisario da Policía Nacional en Ourense, Juan Carlos Blázquez e o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García, inauguraron esta mañá a xornada xurídica sobre resolución de casos prácticos no eido policial que organiza o Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Ourense. Esta xornada celebrouse no salón da Comisaría da cidade durante toda a mañá. O comisario Blázquez saudou ao medio cento de axentes que estaban presentes no salón e aos máis de 230 que seguiron a xornada a través de internet. Salientoulles a importancia da formación permanente para estaren sempre actualizados. Agradeceu esta iniciativa en colaboración coa UNED.
Jesús Manuel García agradeceu a colaboración dos axentes coa UNED. De feito esta xornada xurdiu dunha conversa entre a UNED e o delegado galego do SUP, Roberto González Rodríguez. "A través do SUP como da propia Comisaría podemos establecer lazos de colaboración para o colectivo das forzas de seguridade, para a Policía Nacional neste caso. A actividade laboral de todos vostedes entronca co Dereito, coa Criminoloxía, coa Psicoloxía e con carreiras como a Bioloxía ou a Química. A UNED, que é a universidade pública máis grande de España e que está presente en Ourense, dispón de equipos científicos que poden axudalos na súa formación, en distintos aspectos. Posúe especialistas nestes campos, por iso é bo coñecer a nosa universidade. E eu, como o seu director en Ourense quero que sexa coñecida por todos os sectores da nosa sociedade. Así pois, coñézana e aprovéitena e que, como reza o seu lema, nunca esquezamos que o Coñecemento move máis que todas as cousas que se moven. Os relatores foron Antonio Piña Alonso, maxistrado e presidente da Audiencia Provincial de Ourense, Miguel Ángel Ruiz Sanz, fiscal coordinador provincial contra delitos informáticos, económicos e tráfico de drogas e Jorge Álvarez, avogado do SUP.
Tratouse dunha xornada moi produtiva na que os relatores respostaron a unha boa batería de cuestións expostas polos axentes, que se dan no seu día a día profesional e que non poucas veces presentan dúbidas. Así, preguntaron se consideran necesaria unha reforma da Lei do Menor, que vantaxes ou inconvintes "se os houbese, cren que pode supoñer o anteproxecto de Lei de Enxuizamento Criminal no cambio de sistema na fase de instrución de delitos que sería atribuída exclusivamente ao Ministerio Fiscal?".
Outra cuestión tiña que ver con coñecer o motivo polo cal se produciron absolucións en investigacións por roubos con forza a pesares da presenza de pegadas ou ADN do inculpado na escena do delito. Os axentes policiais preguntaron tamén por outro asunto que provoca discrepancias entre xuristas, acerca de cando se pode acceder a un domicilio particular.
Outra pregunta foi a seguinte: "A presunción de inocencia vulnérase cando a unha persoa que é acusada de cometer unha infracción ou un feito ilícito, trátala como culpable sen probar a veracidade da acusación. Non cren que cando se nos presenta unha chamada de violencia de xénero, a primeira intervención por parte da Policía é levar detido ao home, sen ter en conta a presunción de inocencia ás manifestacións presentadas polo home?".
A xornada desta mañá foi de sumo interese porque os axentes do CNP queren levar a cabo o seu traballo co maior nivel de excelencia posible. Tamén quixeron saber se sería posible celebrar entrevistas entre o fiscal e os axentes participantes na investigación antes da celebración do xuízo oral". Igualmente preguntaron que consecuencias penais tería para unha testemuña que se contradi na toma de declaración en sede xudicial e posteriormente no xuízo oral".
A batería de preguntas é ampla e toca varios asuntos como o dos indicios indispensables para solicitar unha intervención das comunicacións. E así se falou dos dispositivos de xeolocalización.
A pornografía infantil saíu coa pregunta seguinte: "Durante unha entrada e rexistro, en tema de pornografía infantil, en cuxo auto se autoriza o acceso e análise a posibles equipos informáticos que se atopen no domicilio, unha vez realizado isto, e coa finalidade de obter información volátil (aquela que se perdería unha vez apagado o equipo) que puidese ser de utilidade para un posterior informe forense do clonado do dispositivo, o axente encargado da devandita tarefa conecta un dispositivo USB co programa necesario para copiar a RAM (memoria volátil) do equipo. Haberá algún problema legal? Podería invalidar a actuación? Unha forma de evitar posibles dúbidas sería que o secretario xudicial levase ese USB utilizado polo axente por se posteriormente requirísese unha análise do mesmo polas partes".
Os axentes que seguiron co máximo interese esta sesión en colaboración coa UNED preguntaron que protección xurídica teñen como policías á hora de efectuar cacheos na rúa. Ou como abordar desde o ámbito policial as denuncias de menores tutelados desaparecidos. Outra pregunta feita aos relatores foi que opinión merécelles que os policías dispoñan de medios de defensa non letais como as pistolas láser. Tamén quixeron saber se desde a xudicatura cren que os axentes están o suficientemente protexidos xuridicamente ou se consideran a necesidade de revisar a lexislación vixente para poder ofrecer maior protección xurídica.
Tamén fixeron a seguinte consulta: "Recentemente saíu publicado en prensa unha noticia onde se dicía: 'Os lapotes e o empuxón a un policía tras negarse a usar a máscara non son delito de atentado di unha xuíza'. Non ten a entidade suficiente para integrar o tipo penal de atentado e si o de resistencia ás ordes que lle estaban dando os axentes. Como a fiscalía non formulou acusación de resistencia, a xuíza procedeu á absolución. Onde está o límite da agresión, a intimidación grave ou o acometimiento aos axentes, para determinar se estamos cara unha resistencia e/ou desobediencia, ou ben cara un atentado a axente da autoridade?"
Os problemas de ruídos en inmobles de noite provocaron consultas como a seguinte: "Pódese acceder pola forza a un inmoble onde se está celebrando unha festa a altas horas da madrugada cando os seus ocupantes néganse reiteradamente a desistir da súa actitude e identificarse aos axentes intervenintes? Contemplar a posibilidade en caso de ser morada habitual ou en caso de ser vivenda destinada a uso turístico e/ou festivo".
A presenza e actuación dos gorrillas en aparcamentos públicos tamén motivou unha consulta aos relatores. Como moitos cidadáns saben, cando estas persoas están neses espazos, é porque esperan que quen aparca alí lles dea unhas moedas por dirixirlles á praza libre, por exemplo. Son persoas que adoitan coaccionar ou ameazar intimidando aos usuarios ás veces con só a súa presenza. Os policías queren saber que medidas legais hai dentro da actual lexislación penal e administrativa.
"Onde está o límite entre o insulto, a inxuria e/ou a calumnia, os comentarios de mal gusto ou o delito de odio?", foi outra das preguntas formuladas aos relatores polos axentes que participaron nesta xornada xurídica organizada por lle SUP e a UNED. Entre outras preguntas, os axentes expuxeron como proceder nun caso de dereito do detido a poñerse en contacto con quen el queira e que desexe falar precisamente coa vítima da que non ten prohibición de comunicación. Todas estas e outras moitas son as dúbidas que van xurdindo no día a día dos axentes do Corpo Nacional de Policía.
Tanto o avogado do SUP como o presidente da Audiencia e o fiscal achegaron luz para facilitar o traballo policial. Este evento é o primeiro doutras accións que se estudarán tanto desde o SUP como desde a Comisaría de Ourense coa UNED para seguir avanzando con rigor e actualizar coñecementos teóricos e prácticos dos axentes que operan neste corpo. Jesús Manuel García ofreceu os servizos da Universidade Nacional de Educación a Distancia, timbrados co rigor científico que os caracteriza, e que son accesibles desde unha Universidade presente e ao servizo pleno da provincia desde fai trinta anos.
UNED Ourense
Comunicación