OURENSE, 11 de abril de 2024. En Verín celebrouse a cuarta de seis conferencias do curso Os Camiños de Santiago: o Camiño Mozárabe ou Meridional nas provincias de Zamora e Ourense, organizado por UNED Zamora e UNED Ourense. O acto tivo lugar no salón da Casa da Cultura con participación presencial e en liña. A sesión foi presentada polo director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, quen destacou a importancia de potenciar o Camiño Meridional, "no que a UNED puxo este primeiro banzo co presente ciclo de conferencias, que esperamos teña continuidade o ano que vén e sucesivos, para consolidar esta cita e que poida chegar a ser un referente". García Díaz agradeceu a dispoñibilidade do Concello de Verín para ceder o salón e sinalou "a felicidade que nos produce aos equipos directivos da UNED en Zamora e en Ourense o preparar esta iniciativa para goce de todos. Pretendemos dar a coñecer mellor este roteiro de peregrinación e promocionar o patrimonio cultural de ambas as provincias en relación con este itinerario". A continuación deu paso ao relator, José Luis Rodríguez Cid, que disertou sobre a protección deste Camiño Meridional antes do lanzamento da campaña do Xacobeo 1993 e desde entón.
Rodríguez Cid fixo unha introdución sobre este Camiño, do que dixo que na segunda metade do s. XIII -tras a conquista de Sevilla e Córdoba aos árabes- este itinerario comezou "a ser utilizado por peregrinos procedentes de Andalucía e Estremadura. Algúns seguían ata Astorga e enlazaban co Camiño Francés; e outros tomaban o desvío para Puebla de Sanabria-A Gudiña e desde aquí -xa sexa por Laza ou por Verín- ata Ourense e Santiago. E unha terceira posibilidade levaba aos peregrinos polo nordés de Portugal cara Verín".
Hoxe en día, engadiu o relator, o Camiño ten dous itinerarios desde o centro da Gudiña ata a cidade de Ourense: o roteiro máis tradicional e utilizado polos peregrinos é a coñecida como Verea Sur, por Laza; a alternativa a esta pasa polo val de Monterrei ata Verín. Ambos seguen xuntos desde Ourense ata Santiago: por Cea, Dozón, Silleda, A Ponte Ulla e Vedra. Entre os peregrinos máis famosos que seguiron a Vía dá Prata atópanse don Gonzalo Fernández de Córdoba, o Gran Capitán, que foi a Santiago a cumprir unha promesa, e santo Toribio de Mogrovejo, licenciado pola Universidade de Santiago en 1568, futuro arcebispo de Lima e canonizado en 1726".
Non se pode falar do Camiño Meridional sen mencionar ao lembrado Eligio Rivas Quintas, quen no seu libro Historia en torno ao Camiño Meridional de Santiago en Galicia, defíneo como “un camiño ben marcado, do que nos dá boa conta aquel sabio e polifacético erudito que foi Bernardo de Aldrete, que peregrinou a Compostela con outros catro cabaleiros desde Córdoba. Era por febreiro de 1615; como así consta no diario de peregrinación depositado no arquivo da Catedral cordobesa". Este Camiño detense en catro cidades Patrimonio da Humanidade: Mérida, Cáceres, Salamanca e Santiago de Compostela. Como sinalou Rodríguez Cid, nel atópanse os xacementos romanos máis importantes da Península ibérica pola que transcorre este Camiño de Santiago. En canto a altitude, transcorre este roteiro desde o nivel do mar en Sevilla ata os 1.381 metros ao chegar ao Padornelo na provincia de Zamora e aos 1.261 metros na Canda, no limite das provincias de Zamora e Ourense, coñecida como a entrada a Galicia.
"Este camiño percorre por Galicia un patrimonio e etnográfico e monumental de excepción: a enorme riqueza da provincia de Ourense, a comarca do Deza e o curso do río Ulla preséntanse cara o camiñante cheos de atractivos. Cruza cinco dos ríos máis importantes de España comezando en Sevilla polo Guadalquivir, seguindo o Guadiana, o Tormes, o Douro e o Miño, e transcorre por oito provincias: Sevilla, Badaxoz, Cáceres, Salamanca, Zamora, Ourense, Pontevedra e A Coruña".
Nas décadas dos 80 e 90, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, Vía Prata-Camiño Mozárabe de Ourense con Eligio Rivas á fronte da mesma, como estudoso deste trazado, realizouse a recuperación física do camiño, que aínda que estaba nos libros descrito, perdera o seu itinerario e mesmo supuxo a súa desaparición, de forma que se fixo necesario un labor de recuperación do seu percorrido. Procedeuse á sinalización e colocación de fitos con pedras ornamentais de carácter singular que aínda están presentes nas súas etapas. Tamén, nesas datas produciuse unha serie de acontecementos importantes que propiciaron unha explosión e recuperación da peregrinación a Santiago de Compostela das que podemos sinalar as seguintes:
Este programa puxo a Galicia como punto de referencia para España, Europa e para o mundo. Unha mostra diso foi o pavillón de Galicia na Expo 92 de Sevilla, sinalou José Luis Rodríguez Cid. Este conferenciante destacou varios roteiros con profusión de imaxes así como a celebración do XIII Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas, celebrado o pasado ano 2023 coa participación de estudosos, historiadores, investigadores e catedráticos de recoñecido prestixio no mundo Xacobeo, así como autoridades locais, provinciais e autonómicas e inaugurado polo Presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda. O libro de actas deste Congreso témolo ao dispor de todos os interesados na sede da nosa Asociación Cultural. Rodríguez Cid fixo ademais un percorrido virtual polo camiño desde Lubián ata Compostela, mostrando imaxes de monumentos, paisaxes e sinalizacións das dúas variantes, a que desde A Gudiña segue o roteiro orixinal por Laza e Xunqueira de Ambía e a que desde A Gudiña continúa por Verín, Xinzo e Allariz. O relator relatou varias anécdotas de peregrinos chegados desde Australia ou desde o Xapón.
As próximas conferencias son as seguintes:
Para seguir en liña o curso hai que inscribirse gratuitamente aquí.
UNED Ourense
Comunicación