OURENSE, 8 de outubro de 2019.- O director do Centro Asociado á UNED en Ourense, Jesús Manuel García Díaz, pechou unha xira polas tres principais cidades coruñesas coa presentación do seu libro sobre a depuración do maxisterio nacional nesta provincia galega. Despois de facelo, dando ademais unha conferencia en cada ocasión, dúas na Coruña e en Ferrol, e tocou esta semana a quenda a Santiago, en cuxa librería Couceiro tivo lugar o acto. O libro deriva da tese doutoral de García, que na Uvigo logrou a máxima cualificación (sobresaínte cum laude), ademais de recibir o Premio Luís Tilve de Investigación e Divulgación Histórica en Galicia. Precisamente esta Fundación organizou a cita compostelá.
O autor da obra repasou o proceso depurador dos mestres de todos os municipios da Coruña, que hoxe constitúe o estudo máis completo sobre esta faceta da represión franquista. Dita represión ten unha vertente física, outra económica e unha terceira administrativa, que é na que se engloba o estudo de García Díaz.
Para o caso concreto do municipio de Santiago , que en 1936 tiña 38.270 habitantes, foron expedientados 145 docentes. Pola documentación sábese que foron castigados 17 mestres e absoltos 126. Quedan outros dous docentes dos que non é posible coñecer como finalizaron os seus respectivos expedientes de depuración. En Santiago había 71 mestres . A cifra ata alcanzar os 145 débese á purga feita tamén cos alumnos da Escola Normal do Maxisterio.
Este traballo minucioso contempla, para toda a provincia da Coruña, un total de 2.184 mestres dos que consta a depuración administrativa de 2.061. A investigación apóiase nunha base de datos que presenta preto de 300.000 rexistros, o que permite ter unha visión completa do sucedido a todos e cada un dos docentes que instruían a nenos e a nenas nas escolas tanto das cidades como de todo o rural coruñés, o cal permite coñecer a idiosincrasia dese territorio, que dorme nos miles de documentos tratados e que se conservan na súa gran maioría no Arquivo Xeral da Administración ( AGA) situado en Alcalá de Henares (Madrid).