Cultura e protocolo empresarial chinés dende a UNED
3 de diciembre de 2024
En Ourense celébrase este curso ata o día 18 no que os participantes están coñecendo as fendas culturais entre o xigante asiático e España, ou as técnicas de comunicación para ter éxito e relacións sólidas neste mercado global.
OURENSE, 3 de decembro de 2024. A nación chinesa, debido á súa laboriosidade e tamén á súa sabedoría, dinos Zan Qizhi, tivo unha historia prolongada e duradeira e por iso foi o berce dunha civilización tan rica como variada. Neste contexto, pero xa no noso século, a UNED está a brindar a oportunidade de descubrir os segredos do protocolo e a cultura chinesa mediante un obradoiro que proporciona as ferramentas necesarias para desenvolvernos con confianza nunha contorna cultural chinesa, con especial atención ao mundo social e empresarial. Os participantes aprenden costumes, xerarquías e normas de etiqueta esenciais para establecer relacións sólidas e exitosas neste mercado global.
Este taller intensivo de 13 horas introdúcenos no mundo do protocolo chinés. Nel apréndese a realizar presentacións efectivas, a negociar con éxito e a gozar das comidas de negocios sen cometer erros culturais. Desde o pasado día 2 e ata o 18 deste mes estase desenvolvendo, sendo impartido por Baihui Jia, doutoranda en Filoloxía Española da Universidade de Santiago de Compostela e profesora lectora de chinés na Escola Oficial de Idiomas da Xunta de Galicia.
Programa:
Luns, 2 de decembro
- 16:30-17:30 h. Sesión 0: Fendas culturais China-España: tendendo pontes. Temas a tratar: Presentación, formato, avaliación, contidos do curso.
- 17:30-19:30 h. Sesión 1: Comida e bebida. Aquí tratarase acerca dos tipos de comida e de bebida chinesas, así como do protocolo de uso dos palillos chineses e o protocolo cultural en comidas e ceas de empresa en China. O traballo autónomo do alumno implicará a entrega de materiais e tarefas para o estudo autónomo. Ao termo da primeira sesión os participantes terán como tarefa ir a un restaurante ou supermercado chineses e sacar foto do menú e bebida.
Mércores, 4 de decembro
- 17:30-19:30 h. Sesión 2: Comunicación e presentación. Aquí será o momento para aprender saúdos e presentacións formais en China, como o uso das tarxetas de visita. Tamén se aprenderá a usar nomes, apelidos e cargos empresariais no país asiático. De igual modo mostrarase o uso e protocolo da aplicación chinesa WeChat, o uso e protocolo do correo electrónico corporativo e o mesmo no uso do teléfono de traballo. A tarefa encomendada ao termo desta sesión consistirá en saudar a un chinés en chinés e gravalo en vídeo e audio para instalar a aplicación de WeChat (opcional).
Luns, 9 de decembro
- 17:30-19:30 h. Sesión 3: Contexto cultural chinés: diferenzas internas. Explicarase a teoría dos contextos culturais e as diferenzas culturais entre o Norte e o Sur de China. A tarefa ao termo da sesión 3 consistirá en visionar unha ligazón a un vídeo en liña e comparar as diferenzas culturais entre o norte e sur de China buscando algunha similitude coas que hai entre o norte e sur de España (60-100 palabras).
Mércores, 11 de decembro
- 17:30-19:30 h. Sesión 4: Diferenzas España-China. Explicarase a Teoría das 6 dimensións culturais para logo ver as diferenzas culturais entre China e España (parte I). A tarefa tras a teoría consistirá en escribir un correo electrónico ao docente con máis diferenzas culturais entre ambos os países. (60-100 palabras).
- 17:30-19:30 h. Sesión 5: Comunicación non verbal, nomes e traducións. Os participantes coñecerán diferenzas culturais entre China e España (parte II), así como a comunicación non verbal: xestos en China e en España, e un estudo de nomes e tradución de marcas comerciais tanto chinesas como estranxeiras. A tarefa prevista aquí será buscar 2 ó 3 empresas chinesas en Galicia e escribir un email ao docente co nome, sector, páxina web etc.
Mércores, 18 de decembro
- 17:30-19:30 h. Sesión 6: Protocolo chinés. Será o momento de coñecer a arte de dar e recibir agasallos na China. Igualmente explicarase o protocolo en eventos sociais: aniversarios, vodas, funerais etc. E a tarefa para realizar neste caso será ver un vídeo e escribir un email ao docente explicando as diferenzas culturais ou protocolarias que observas respecto a o teu país. (60-100 palabras).
Dirixido a Estudantes, empresarios e profesionais que buscan
- Expandir os seus negocios en ChinaObjetivos
- Identificar as principais fendas culturais entre China e España
- Identificar boas prácticas á hora de establecer relacións con persoas de cultura chinesa
- Identificar malas prácticas á hora de establecer relacións con persoas de cultura chinesa
- Identificar formas de superar erros culturais, labores con persoas de cultura chinesa
- Coñecer aspectos básicos da cultura e o protocolo chinés
- Adaptarse a un ambiente multicultural con persoas de cultura chinesa
UNED Ourense
Comunicación