OURENSE, 2 de decembro de 2024. Cantos elementos químicos ten o teléfono móbil? Esta é unha das preguntas que saíron nas Xornadas de Divulgación Científica que a UNED desenvolveu os días 28 e 29 de novembro en catro centros educativos ourensáns. Os estudantes souberon que, entre a pantalla, a carcasa, a parte electrónica do móbil e a batería hai, en total, 29 elementos químicos, dos cales 22 son metais e 7, non metais. Os mozos sorprendéronse e non soamente con este dato senón co contido de cada taller. Foron guiados polas catedráticas de Química, Rosa María Martín Aranda, Vicerreitora Primeira e Vicerreitora de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica, e por María Luisa Rojas Cervantes, ambas as dúas da Facultade de Ciencias da UNED e cunha ampla experiencia en divulgación científica. Estiveron acompañadas polo director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, que as foi presentando ao comezo das sesións.
Cada sesión comezaba cuns minutos de introdución á Táboa Periódica. Os estudantes souberon que o ano 2019 foi o 150 aniversario da Táboa Periódica, "e por iso, fixéronselle moitos recoñecementos públicos; entre eles, a dedicación dun dos sorteos da Lotería, cunha imaxe da fachada da Facultade de Química da Universidade de Murcia. E por outro, a emisión dun selo conmemorativo dos tres elementos químicos descubertos por científicos españois: vanadio, wolframio e platino", díxolles María Luisa Rojas.
A continuación coñeceron un resumo histórico dalgúns dos feitos máis relevantes na evolución do que actualmente se coñece como Táboa Periódica. "É necesario indicar que, a principios do século XIX, o número de elementos coñecidos era pequeno e por tanto establecer pautas de comportamento era difícil. Ademais, é importante indicar que as primeiras propostas realizáronse en base ás propiedades dos elementos e entre elas, a súa masa atómica. Posteriormente, en 1913, Moseley propuxo o concepto de número atómico (número de electróns e protóns dun átomo) e as distintas versións da TP empezáronse a organizar polo número atómico".
Un dos experimentos realizados foi o da choiva de ouro, que sorprendeu aos mozos tan pronto como se produce a reacción da mixtura do nitrato de plomo co ioduro potásico.
O director de UNED Ourense presentou ás dúas catedráticas divulgadoras chegadas da Facultade de Ciencias da UNED.
"A TP non é só unha recompilación de elementos, tamén nos permite coñecer moitos datos dun elemento, só con ver a súa posición na TP. Por exemplo, se é metal, non metal ou un gas nobre. Se é un elemento do bloque s, d, p ou f", sinalou a doutora Rojas Cervantes.
En plena faena científica para ver e entender o por que de cada ún dos experimentos realizados, comprendendo o seu fundamento químico.
De seguido chegaba a segunda parte da sesión, na que un estudante era convidado a facer virar a ruleta da química. Podía saír un experimento, unha muller científica ou un elemento químico. Quixo o azar que saíse unha muller científica: Alice Hamilton (1869-1970). Foi coñecida polo seu traballo no campo da saúde ocupacional, e por ser unha pioneira en toxicoloxía industrial. Tamén foi a primeira muller en formar parte da facultade de Medicina da Universidade de Harvard. A súa carreira centrouse no estudo dos efectos de metais industriais e compostos químicos aos que estaban expostos os traballadores industriais. Hamilton foi unha feminista e defensora do benestar social e humanitario, activista pola paz e voluntaria en Chicago. Recibiu varios premios e honras, sendo o máis famoso o Premio Lasker polas súas contribucións ao servizo público. Noutra sesión saíu Rosa Menéndez López, química, que desenvolveu aplicacións dos materiais de carbono. É investigadora do CSIC en Asturias e foi a primeira muller en presidir o CSIC.
María Luisa Rojas, comprobando que os dous estudantes botaban a cantidade axeitada en cada probeta para que poidese levarse a cabo a proba.
O primeiro elemento químico que saíu desta ruleta foi o Chumbo. Os escolares reforzaron os seus coñecementos vendo que se trata dun sólido metálico, que se coñece desde a Prehistoria, que é un metal pobre e constitúe o elemento número 36 na orde de abundancia da cortiza terrestre. Souberon, ademais, que é un metal moi dúctil, de ton gris azulado e tóxico para os organismos vivos. Emprégase na fabricación de proxectís, canos, tubaxes para tellados e é un protector contra radiacións perigosas. Outro elemento que saíu é o Hidróxeno, gas xerador de auga descuberta en 1766 por Henry Cavendish. Abunda no noso corpo e xunto ao helio son os dous gases formados no Big Bang. Está presente no Sol e nas estrelas. Souberon que se emprega para producir acedo clorhídrico e amoníaco e como combustible de foguetes.
Cada sesión constaba dunha primeira parte teórica sobre a Taboa Periódica que sorprendeu aos mozos de cada centro educativo.
A sesión seguía avanzando e agora tocoulle a quenda a un experimento. Tratábase de desenvolver o do inflado de globos. Para iso necesitábase un recipiente enchido con vinagre de casa. Dentro do globo botábase bicarbonato e, ao conectar o globo coa boca da botella, observaban a reacción química pola que o globo se inflaba. As profesoras da UNED explicaban o fundamento desa práctica, mostrando a fórmula de cada compoñente e como reaccionaba. Houbo máis experimentos, como o da choiva de ouro. Con nitrato de chumbo e yoduro potásico, dúas sales solubles, ao mesturalas a partes iguais nunha probeta, obsérvase a precipitación dun sal soluble que o fai en cor amarela, o que chamou a atención dos mozos. E coñeceron o proceso reactivo que aí se dá, mediante a formulación correspondente. Se todo isto pasaba o xoves no IES Ferro Couselo, a continuación a sesión trasladouse ao IES 12 de Outubro. Alí, no salón de actos e cara o outro nutrido grupo de estudantes, Martín Aranda e Rojas Cervantes iniciaron o obradoiro. Neste caso, a ruleta quixo que coñecesen o Cloro, gas halóxeno moi reactivo, descuberto en 1810. Viron que na natureza non se atopa en estado puro e que ocupa o posto 20 en abundancia na cortiza terrestre Un dos seus usos é como sal de cociña, ou xermicida.
O globo inchouse ao reaccionar o vinagre de mesa co bicarbonato, e un sorriso esbozouse na aula pola simpática decoración do inchable.
A frecha da ruleta volveu caer sobre a pestana Elemento Químico, esta vez para, dentro desa categoría, escoller o Vanadio, metal de transición, que se utiliza na industria automobilística e na ferroviaria. Este elemento foi descuberto polo español Manuel Andrés del Río. O seguinte elemento que tocou foi o Carbono, un non metal coñecido desde a Antigüedade. E aínda foi posible coñecer outro, a Prata, metal semi nobre porque sofre leves ataques químicos. Ocupa o lugar 66 entre os elementos pola súa abundancia na cortiza terrestre. É un excelente condutor. "O nitrato de prata úsase como antiséptico para cauterizar verrugas. Ten un poder antimicrobiano importante", dixo Rojas Cervantes.
Unha estudante observa con detalle a reacción da electrolise da auga, notando cómo esta rómpese en Hidróxeno e en Osíxeno, mostrando pequenas burbullas.
Houbo experimentos. Aquí saíu a electrolise da auga. Dous estudantes experimentaron cun vaso de precipitados no que verteron unha disolución diluída de cloruro sódico. A continuación había que introducir no vaso dous eléctrodos de grafito, conectados a senllos cables que á súa vez estaban conectados a unha pila de 9 voltios. Así conseguiron ver como rompe a auga en Hidróxeno e en Osíxeno. Neste instituto tamén fixeron o experimento da choiva de ouro. E non faltou a ocasión para coñecer a mulleres científicas, neste centro educativo, tres: Margarita Salgas, Renata Clark King e Margaret Todd. A primeira foi bioquímica e contribuíu ao desenvolvemento da bioloxía molecular. Traballou con Severo Ochoa e co seu esposo, Eladio Viñuela. "Grazas a ela agora sábese como é o ADN" díxolles María Luisa Rojas.
Os gañadores do concurso de 12 preguntas en Kahoo no IES Ferro Couselo, pousando con María Luisa Rojas e con Rosa María Martín Aranda e as súas respectivas taboas periódicas de regalo.
Renata Clark foi física, química e matemática, dedicouse a estudar as mixturas de gases e foi a primeira muller afroamericana que traballou na Oficina Nacional de Estándares dos Estados Unidos. O seu traballo contribuíu a que a misión do Apolo II fose posible. E Margaret Todd foi unha médica e escritora do Reino Unido. Tardou oito anos en acabar Medicina en Edimburgo, debido a que se enfrascou na escritura de novelas. Foi a primeira estudante da Escola de Medicina de Edimburgo e acuñou o termo Isótopo.
A xornada do 29 desenvolveuse íntegra fose da cidade. Á primeira hora, a cita estaba no Colexio Miraflores, onde os escolares coñeceron os experimentos da choiva de ouro e o inflado de globos, probas que seguiron con gran atención. E o mesmo sucedeu co Colexio Guillelme Brown, onde os estudantes de ESO gozaron tamén con esta divulgación científica da UNED.
O equipo gañador do concurso Kahoo que tivo lugar no salón de actos do Colexio Guillelme Brown.
Nos catro centros educativos, cada sesión remataba co concurso de Kahoo. Todos os estudantes conectábanse a través de tabletas para participar nun cuestionario de 12 preguntas científicas sobre química. Nuns casos había que escoller a resposta ou respostas verdadeiras e, noutros, a falsa. Todos se aplicaron neste concurso de modo que houbo premio para os tres primeiros clasificados. Recibiron un exemplar da Táboa Periódica tal como coñecémola hoxe, e en cuxo reverso se mostra a mesma táboa, pero en imaxes.
Os alumnos gañadores da taboa periódica no Colexio Miraflores, despois dunha dura loita por respostar e acertar canto antes cada cuestion.
Nesta divulgación científica da UNED colaboran a Facultade de Ciencias, ColArte en Madrid, co apoio do Vicerreitorado de Investigación, Transferencia e Divulgación. A cada centro educativo entregóuselle un exemplar da novela xuvenil e científica As nove probas da Casa Melgar, escrito polo investigador do CSIC, Francisco J. Plou Gasca. A obra mostra a historia dun grupo de adolescentes nunha casa durante unha fin de semana, sen teléfono e sen internet. Eles sós na mansión rexentada por un estraño profesor. Para gozar daquela casa, hai que pagar unha peaxe dado que para abrir unha porta ou para comer, hai que superar probas científicas. Xunto aos coñecementos sobre Física, Bioloxía, Matemáticas e Química, o xogo de escape pon a proba a maneira que eses adolescentes teñen de facer fronte ás encrucilladas da vida.
No IES 12 de Outubro tamén houbo equipo gañador da taboa periódica en cuxo reverso contén imaxes dos elementos químicos, constituíndose como un útil obxecto de estudo.
O libro está dedicado a cada centro polo seu autor. Forma parte dun proxecto humanitario pois os dereitos de autor obtidos pola venda desta novela destínanse á Asociación Ma'kwebo para construír un quirófano na Hospital Católico de Tonga (Camerún). Esta nova edición da Divulgación Científica da UNED en Ourense deixou a todos satisfeitos. "Trátase de sementar, de abonar o terreo para que, no futuro, xurdan vocacións científicas entre estes mozos ourensáns. Divertíronse e nese clima aprenderon varios conceptos. Non hai cousa máis bonita que sementar, inculcar o gusto por descubrir, por investigar. Estou seguro de que un día veremos a varios destes mozos convertidos en científicos. Démosles tempo", dixo Jesús Manuel García ao termo das dúas intensas xornadas divulgativas, ao tempo que agradeceu ás docentes a súa presenza así como ao Vicerreitorado de Investigación, por facer realidade cada curso estas xornadas.
.
Estas xornadas da UNED pretenden despertar a vocación científica dos escolares. Quén sabe en cántos deles crecerá a devandita vocacion!
UNED Ourense
Comunicación