OURENSE, 21 de xaneiro de 2020.- A UNED asinou un convenio coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, para a realización de prácticas académicas externas curriculares ou extracurriculares do alumnado da UNED en arquivos e museos dependentes da consellería. Por parte da Xunta asinou o conselleiro Román Rodríguez González, e por parte da Universidade asinou a vicerreitora de Coordinación Académica e Calidade da UNED, Nancy Anne Konvalinka.
Os centros nos que se poderán desenvolver as prácticas son os seguintes: Museo das Peregrinacións e de Santiago (Santiago de Compostela,) Museo de Belas Artes da Coruña, Museo Massó de Bueu (Pontevedra); Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (na imaxe), Museo do Castro de Viladonga (Lugo), Museo Etnolóxico de Ribadavia (Ourense), Museo do Mar de Galicia en Vigo (Pontevedra); Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Arquivo do Reino de Galicia (A Coruña); Arquivo Histórico Provincial de Lugo, Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, Arquivo de Galicia en Santago de Compostela; Arquivo Xeral Territorial de Pontevedra, Arquivo Xeral Territorial de Vigo, Arquivo Xeral Territorial de Lugo e o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro (Pontevedra).
As partes asinantes acordan establecer un programa para a realización de prácticas académicas externas do alumnado da UNED nos arquivos e museos da Consellería de Cultura e Turismo que se relacionan, así como para ofrecer as súas persoas expertas para aquela parte da docencia teórico-práctica especializada que fose precisa. As prácticas poderán ser:
a) Curriculares, contempladas nos plans de estudos.
b) Prácticas conducentes á elaboración dos traballos fin de grao / traballos fin de máster, segundo o que se contempla nos plans de estudo e demais normativa de aplicación.
c) Extracurriculares ou complementarias.
Para a realización das prácticas académicas externas o alumnado deberá cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado na titulación á que se vinculan as prácticas segundo as competencias que debe adquirir o alumnado.
b) Non superar os créditos vinculados a estas prácticas externas curriculares, e non realizar o depósito do título. O alumnado deberá matricular os créditos correspondentes ás prácticas curriculares adxudicadas.
c) Non superar o número máximo de créditos de prácticas externas extracurriculares e non ter realizadas estas prácticas na mesma entidade en convocatorias precedentes, agás que a actividade que vai desenvolver sexa nun programa diferente, nunha unidade ou dispositivo diferente ou non superase o límite máximo de horas nesa entidade e non realizar o depósito do título. O alumnado deberá matricular os créditos correspondentes ás prácticas extracurriculares adxudicadas.
d) Non manter ningunha relación contractual coa institución ou entidade pública na que se van a realizar as prácticas.
O número de prazas que se convoquen para realizar as prácticas determinarao a Comisión de Seguimento deste convenio e concretarase nas convocatorias que faga a UNED. A admisión do alumnado en prácticas da UNED nos arquivos e museos da consellería estará condicionada á capacidade dos centros para asumir a súa formación de forma que só admitiranse en cada convocatoria un número determinado fixado en función das súas posibilidades de admisión.
En canto á duración das prácticas, será a seguinte:
a) As prácticas externas curriculares terán a duración que estableza o plan de estudos correspondente, nos termos establecidos polo artigo 12.6 do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación dos ensinos universitarios oficiais.
b) As prácticas externas extracurriculares terán unha duración non superior ao cincuenta por cento do curso académico, é dicir, 30 ECTS (ou sexa, 750 horas, considerando unha equivalencia de 25 h/ ECTS).
Os horarios de realización das prácticas estableceranse de acordo coas súas características e as dispoñibilidades da entidade colaboradora. Deberán ser compatibles coa actividade académica, formativa, de representación e participación desenvolta polo alumnado na universidade.
O réxime de permisos será acordado pola UNED que deberá comunicarllo á entidade colaboradora. En todo caso, a entidade colaboradora deberá respectar os deberes que se deriven do cumprimento da actividade académica e formativa, así como da representación e participación do alumnado.
Poderá ser excluído das prácticas académicas o alumnado que incumpra as actividades definidas no proxecto formativo ou as directrices marcadas polo titor ou titora da entidade colaboradora. Neste caso, a UNED comunicará á entidade colaboradora esta circunstancia para, a continuación, dar por finalizada anticipadamente a realización da práctica externa coa perda dos dereitos formativos e, de ser o caso, económicos que corresponderan ás persoas beneficiarias.
No caso de que as prácticas na entidade colaboradora non se axusten ao acordado coa Comisión de Título poderán ser rescindidas. Nestes casos, a Comisión de Título ou órgano competente deberá ofrecer unha solución para completar o período que lle reste á alumna ou alumno para finalizar as prácticas. Así mesmo, o alumnado en prácticas poderá, por causas xustificadas, solicitar a renuncia a elas, o que deberá ser resolvido pola vicerrectoría con competencias en materia de prácticas académicas.
O convenio ten unha duración de catro anos, podendo prorrogarse de forma expresa para o seguintes catro anos de común acordo polas partes e en tanto non se denuncie expresamente como mínimo cun ano de antelación. En todo caso, non se poderá rescindir mentres existan estudantes realizando prácticas.