OURENSE, 3 de maio de 2019.- Os días 10 e 11 de maio a UNED celebrará en Verín o curso Cócteles do mundo con viños D.Ou. Monterrei e cócteles clásicos con augardentes e licores tradicionais de Galicia. A través deste curso daranse coñecementos de elaboración e degustación dalgúns dos máis famosos cócteles e combinados internacionais de viño, utilizando viño da D.O. Monterrei. Degustaranse Kir Royal, Spritz, Sangría, Adonis, etc. A segunda xornada estará dedicada a cócteles e combinados elaborados con augardentes de Galicia e licores tradicionais. Degustaranse Galeguiña (caipirinha), mojitos, “pisco” Sour, Alexander, etc. Este curso celebrarase nas instalacións do Museo do Viño dos Mercedarios en Verín. Consta de 6 horas lectivas e presenciais.
O programa iniciarase o venres, 10 de maio cunha primeira sesión, de 18:00 a 18:30 horas, tempo no que Luís Cid Congil, xornalista e consultor de comunicación, falará sobre Licor Café, de Monterrei para o Mundo. A seguinte media hora ocuparaa o catador Alejandro López Facorro, que falará sobre Cócteles de espumosos. Ás 19.15 horas este mesmo docente tratará sobre os Cócteles de viño branco, e a partir das 20.00 horas, haberá o mesmo co tema dos Cócteles de viño tinto. Tras esta sesión, o relator disertará sobre Vermouth: viños macerados e os seus cócteles.
O sábado, 11 de maio, o programa iniciarase ás 10:00 horas co tema: O rei da sobremesa, Bagazo de Galicia, do que falará Pedro Tomás Sestayo Riveiro, profesor de Servicios de Restauración. Sestayo dedicará o resto da mañá a ensinar aos alumnos a facer cócteles vivarachos con augardentes de herbas. Ás 11.00 horas falará da solemnidade do augardente envellecida, para despois dedicarse a explicar os detalles do polivalente licor de herbas. O comodín cara ao cliente. Ao mediodía referirase a: O licor café. Sobremesa ou prepostre? E deste xeito finalizará o curso.
As prazas son limitadas a 25 persoas. A matrícula ordinaria é de 10 euros que se abonan online. Coordina este curso Luís José López Paadin, autor da Guía de Viños de Galicia. Dirixe o curso o doutor Julio Prada Rodríguez, profesor titular de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo e profesor titor do Centro Asociado á UNED en Ourense. Patrocina o Concello de Verín e colabora Servino Consulting, S. L.